O final da era do unilateralismo
Por Mijail Gorbachov*
Un novo ano é sempre un tempo para abordar vellas cuestións e albergar novas esperanzas, un tempo para pensar de vagar sobre o que acontece no mundo e planificar o futuro. É algo natural buscar indicios de que as cousas poden mellorar, na casa e no exterior. Algo que supuxo un fito nas relacións internacionais tivo lugar hai poucos meses. Efectivamente, o ano pasado puido ter sido testemuña do fin de toda unha era en temas de alcance mundial: o período de unilateralismo e oportunidades perdidas da posguerra fría. Cando terminou a guerra fría, a finais dos 80, abríronse unha serie de carreiros que convidaban a dirixirse cara un mundo mellor. As grandes potencias, particularmente Estados Unidos, a Unión Soviética e China, traballaron xuntas de forma construtiva no Consello de Seguridade das Nacións Unidas en moitas cuestións. E remataron un bo número de conflitos internacionais, incluídos os de Angola, El Salvador, Nicaragua e Camboxa. Pecháronse importantes acordos sobre o control de armamento nuclear e convencional, como o tratado INF, polo cal EEUU e a Unión Soviética eliminaron dúas categorías de mísiles nucleares, e o tratado Start 1, que case reduciu á metade os mísiles estratéxicos e cabezas nucleares de ambos países. Cambios democráticos se puxeron en marcha en ducias de países de Asia e América Latina, e en Europa central e do Este.
A Carta de París por unha Nova Europa, asinada polos líderes das nacións europeas, Estados Unidos e Canadá no 1990, marcou o inicio dun proceso que parecía destinado a levarnos a un novo orde mundial, pacífico e democrático, a unha Europa unida e a un mundo sen liñas divisorias. Foi un acordo cuxo impacto puido ter chegado máis alá do continente europeo.
Pero o movemento pronto comezou a perder velocidade. Á disgregación da Unión Soviética seguiron cambios nas elites políticas de Estados Unidos e doutros países. A Carta de París foi ignorada e, durante moitos anos, esquecida. En vez de movernos cara unha nova arquitectura da seguridade, decidiuse buscar apoio nas ferramentas herdadas da guerra fría. Estados Unidos --e Occidente en xeral-- sucumbió sob o complexo da gañador. Tralo final da guerra fría, Europa foi sacudida polas traxedias do que unha vez foi Iugoslavia, algo que tivo consecuencias no continente --e particularmente nas economías e o sustento dos pobos balcánicos--, e que aínda se deixará sentir durante moitos anos. Ondadas de inestabilidade invadiron moitos países da antigua Iugoslavia, Oriente Próximo e África a medida que reemprenderon e gañaron forza as loitas por lograr influencia, recursos e mercados. A promesa da OTAN de evoluir cara unha organización fundamentalmente política non se cumpriu. Foi ao revés: este organismo evoluciu cara un aumento dos seus membros e a extensión da súa zona de operacións. Unha nova carreira armamentista está en marcha. Os problemas relativos ás armas nucleares e á non proliferación nuclear están revistiendo unha nova urxencia, en boa medida por culpa dos socios orixinais do club nuclear.
Existe un perigo real dunha nova división no mundo e a posibilidade dunha nova guerra fría está sendo moi amplamente debatida. Estados Unidos, prescindindo totalmente do Consello de Seguridade da ONU ou da opinión de numerosos países, con inclusión dos seus propios socios e aliados, invadiu Iraq con consecuencias desastrosas de sobras coñecidas por todo o mundo. A arrogancia do poder militar conduciu a unha grave crise, e ao declive do papel e a influencia de Estados Unidos. Outra consecuencia das políticas unilaterais e dos intentos por reclamar o liderado en exclusiva é que a maioría de institucións internacionais non foron quen de facer fronte con garantías aos retos globais do novo século: a crise medioambiental, que se estende cada vez con máis rapidez, e o problema da pobreza, que afecta a millóns de persoas en todo o mundo.
A escalada sen precedentes do terrorismo islamista internacional e a proliferación de conflitos étnicos e relixiosos son signos preocupantes de problemas aínda por chegar. Os norteamericanos tamén sentiron os efectos das equivocadas políticas exteriores da súa Administración. En novembro, os votantes deron a coñecer o seu veredito: Os republicanos foron derrotados nas eleccións a metade do mandato presidencial. E aínda así, o resultado das devanditas eleccións supón un reto para a totalidade do establishment político norteamericano, tanto para os demócratas como para os republicanos. Hai unha gran necesidade de corrixir os derroteros que están tomando as políticas das superpotencias.
Será capaz a Administración de George W. Bush dunha corrección así? Tanto en Estados Unidos como a Unión Europea e o resto do mundo, a visión que prevalece a miúdo é negativa. Certamente, a Administración ofrece amplos motivos para que manteñamos esa visión, porque parece preferir a inercia do pasado. Parece que o único que a Administración de Bush pretende é persuadir ao mundo enteiro de que segue firmemente instalada no poder. As recentes declaracións do presidente e os plans que se debaten na súa Administración son como retales da tela vella. A actual dirección republicana prefire claramente deixarlle ao próximo presidente esta clase de herdanza, que lle ligaría ás súas políticas e que farían imposíbel decidir un cambio de rumbo. Se isto é así, non se trata só dun erro táctico, senón tamén que é a receita para un desastre aínda maior. E, ainda así, creo que a oportunidade para unha política distinta aínda é posíbel.
A Administración e o Congreso norteamericanos teñen aínda tempo para forxala. Deberían comezar por Oriente Próximo. Non só debería Estados Unidos empezar a saír do atranco iraquí, senón que ademais necesita volver a unha política construtiva para esa rexión. É esencial que o proceso de paz de Oriente Próximo volva a empezar, xunto cun diálogo serio cos veciños de Iraq. Se os líderes norteamericanos teñen a precaución e a coraxe de mirar ao mundo tal e como é, inclinaríanse polo diálogo e a cooperación máis que pola forza. O que fai falta non é unha rede mundial de presenza e intervención militar, senón unha certa moderación e unha disposición para arranxar os problemas por medios políticos. Despois de todo, o mundo mudou radicalmente incluso se o comparamos co dos anos 90. Volveuse máis interconectado e interdependiente. Novos xigantes --China, India e Brasil-- saltaron á area mundial, e non podemos seguir ignorando as súas opinións. Europa estase unindo, e a súa influencia económica e política tenderá a medrar. Aínda que ao mundo islámico vaille custar moito adaptarse a novas realidades. Finalmente, a transición democrática de Rusia --así como a das demais exrepúblicas soviéticas--, aínda con súas considerables problemas, está colocando a un actor novo e forte no escenario internacional.
Durante os anos 90, que constituíron un tempo difícil para o meu país, xa dixen que os problemas de Rusia pasarían, que Rusia se poría en pé e avanzaría a grandes pasos. E iso é o que está ocorrendo agora. O rexurdimento de Rusia, a súa insistencia en protexer os seus intereses nacionais e a súa capacidade para desempeñar o seu auténtico papel no orbe é evidente que non gustan a todo o mundo. Curiosamente, cando Rusia estivo sumida na crise, Occidente a aplaudía; en cambio, hoxe acúsase a Rusia de rexeitar a democracia e de albergar ambicións imperiais. Con todo, non hai motivos para temer a Rusia. O meu país fai fronte a infinidade de problemas, hai moitas cousas por criticar, e criticámolas. Aprender formas novas e construír institucións democráticas é certamente algo moi duro. Pero Rusia nunca volverá ao seu pasado totalitario. O treito máis difícil do camiño xa ficou atrás. Sempre afirmei que neste tempo que nos tocou vivir non podemos permitirnos o luxo de ser pesimistas. Existen moitos motivos para estar preocupados e incluso alarmados. Certo. Pero a historia non está predeterminada. Unha nova división do mundo, unha nova confrontación, non é inevitábel. Unha orde mundial nova e democrática non é mera retórica. É posíbel construílo.
*Último presidente da URSS (1985-1991). Premio Nobel da Paz no 1990. Presidente da Fundación Internacional de Estudos Socioeconómicos e Políticos (Fundación Gorbachov).
Sem comentários:
Enviar um comentário