sexta-feira, janeiro 19, 2007


Vergonza de Europa
Non hai problema social máis persistente en Galiza e no estado español que o dos accidentes laborais. Os mortos e feridos no ámbito laboral seguen marcando unha vergonzosa diferenza cos mercados laborais europeos. O ano pasado morreron 977 traballadores, apenas 13 menos que no 2005 e contabilizáronse máis de 937.000 baixas debido a este tipo de accidentes, segundo Comisións Obreiras. Os límites desta lacra resúmense nunha soa comparación: no estado español hai que sufrir a perda de 6,3 mortos por cada 100.000 traballadores; a media na Unión Europea é de 4,1 mortos. A pesar de que esta diferenza é coñecida e lamentámonos ritualmente desde varios decenios atrás, a perda de vidas humanas continúa sen pausa, sen que aparentemente surtan efecto as medidas e regulacións de seguridade no traballo que os Gobernos de turno publican tamén ritualmente no BOE. Para corrixir un andazo social desta enorme magnitude é preciso afrontalo coma un problema de Estado. Iso significa que a Administración ten que por os recursos financeiros e humanos necesarios para asegurarse de que as empresas e os traballadores cumpran ao pe da letra todas as normas de seguridade que figuran nas leis e regulamentos laborais; e que esa rede de supervisión aplicará a lei sen vacilacións. Un primeiro paso podería ser a esixencia de nula sinistralidade laboral ás empresas que queiran asinar contratos co Estado, sexa central, estatal ou autonómico. Non é aceptábel, por exemplo, que nas obras da M-30 madrileña, convertida durante meses nun labirinto angosto de curvas perigosas, morran traballadores sen que se coñezan responsabilidades por tales mortes. A peza fundamental para acabar coa sinistralidade é, por suposto, a inspección de traballo. Case todos as diagneses coinciden en que o número de inspectores é ridiculamente baixo para un mercado laboral tan amplo, crecente e impregnado dos vicios da cultura da chapuza e da economía negra; tamén indican ao unísono que a preparación dos inspectores é insuficiente. Cando o Goberno decida declarar a guerra á sinistralidade laboral, é dicir, tratala coma un problema de Estado, terá que aumentar moi significativamente o número de inspectores e mellorar a súa preparación. Esa decisión ten un custo, pero é unha obriga pagalo.

Sem comentários: