domingo, janeiro 28, 2007


Por unha Europa mellor
Por Alberto Navarro, secretario de Estado para a UE de España, e Nicolas Schmit, ministro delegado para Asuntos Exteriores e de Inmigración de Luxemburgo
Onte, por iniciativa de España e Luxemburgo, reunímonos en Madrid os 18 estados que xa ratificamos a Constitución Europea. Representamos a dous terzos dos 27 estados membros da Unión e a máis de 270 millóns de cidadáns europeos. Queremos axudar á presidencia alemá na difícil e transcendental tarefa de topar unha saída ao actual impasse constitucional. Queremos tamén que se escoite a nosa voz no debate sobre o futuro de Europa, sobre o noso futuro colectivo.
Porque a gran pregunta que á que debemos respostar os europeos non é se a Constitución europea segue viva. A pregunta fundamental que debemos responder é: Que modelo de Europa queremos para este século XXI? Ou, noutras palabras: Que queremos facer xuntos os europeos? Nun mundo cada vez máis interdependiente, unha Europa unida e con capacidade de actuación é máis necesaria que nunca. Os nosos cidadáns, que non queren renunciar nin ao seu modo de vida nin aos seus valores, están cada vez máis preocupados pola globalización. Responderemos mellor aos desafíos e preocupacións que suscita, se actuamos a nivel europeo en ámbitos como o emprego, a saúde, a loita contra o terrorismo e a criminalidade, a inmigración ilegal, o cambio climático, a precariedade laboral ou a seguridade enerxética, por só mencionar uns poucos.
Fóra das nosas fronteiras, Estados Unidos, Rusia, China, Xapón, América Latina, África ou Asia, piden que Europa participe activamente na xestión das grandes cuestións e debates que dividen o noso planeta. Dun tempo a esta parte, sen embargo, Europa non estivo á altura destes desafíos. Non actuou con toda a decisión e iniciativa que cabería agardar dunha potencia política e económica e do maior espazo de liberdades do mundo. Varios factores, uns reais e outros ficticios, contribuíron a sementar o desánimo e a apatía. Ao fráxil crecemento económico sumáronse os medos ás deslocalizacións e á perda de empregos, os temores a unha ampliación mal explicada e as continuas críticas a “Bruxelas”, considerada responsábel de todo o que aparece como negativo.
Hoxe algúns pensan que hai demasiada Europa e piden renacionalizar políticas, reducir a lexislación comunitaria e replegarse sobre as identidades nacionais. Sería un retroceso sen futuro. Nós pola contra, creemos que fai falta unha Europa mellor, máis coordinada, máis eficaz, con máis políticas comúns, como as de inmigración ou enerxía, problemas que nos afectan a diario e non podemos resolver só a nivel nacional. A Constitución europea negociouse para reforzar a capacidade de iniciativa dunha Unión máis numerosa e nun mundo máis complexo. O texto do tratado define o modelo de Europa que os 18 estados que onte nos reunimos en Madrid creemos debe ser a base para o futuro, un modelo que se pode resumir en catro ideas:
1. Unha Europa política e con políticas comúns. Non podemos resignarnos a que Europa sexa tan só un gran mercado ou unha zona de libre comercio. Necesitamos unha Europa que sexa actor e non mero espectador. Que defenda os nosos valores e intereses. Que protexa aos seus cidadáns dándolles máis seguridade dentro e fóra das súas fronteiras. Queremos unha Europa política que fale cunha soa voz, cun ministro de Asuntos Exteriores e un servizo exterior común. Queremos unha Europa que dispoña de políticas comúns. Son as que aportan verdadeiro “valor engadido”, como é o caso da política de cohesión económica e social, a política de protección do medio ambiente, a política agrícola, comercial, de competencia, de pesca, de transportes. Pero debemos desenvolver tamén novas políticas en materia de inmigración, de cooperación policial e xudicial, de enerxía e cambio climático, de política exterior ou de defensa.
2. Unha Europa de valores e de solidariedade. Son os principios e os valores nos unen: o respecto da dignidade humana e dos dereitos humanos, a liberdade, a democracia, o Estado de dereito, o estado de benestar, a igualdade entre mulleres e homes. Estes valores son a base da nosa identidade europea. As nosas sociedades defínense polo pluralismo, a non discriminación, a tolerancia, a xustiza, a igualdade e a solidariedade, tanto a nivel interno, como a escala internacional, coa política comercial, as políticas de cooperación ao desenvolvemento, de defensa dos dereitos humanos, de axuda humanitaria ou de prevención de conflitos.
3. Unha Europa de e cos cidadáns. Europa debe facerse máis próxima aos seus cidadáns, explicarlles mellor o valor engadido das súas políticas. Europa non pode ser sinónimo de burocracia. Ao contrario, debe abrir unha vía máis ampla para a participación de todos. Debe basearse na dupla lexitimidade dos Estados e dos cidadáns. A Carta de dereitos fundamentais e a iniciativa lexislativa popular son bos exemplos dos avances que aporta o Tratado constitucional neste ámbito. Europa se fará cos seus cidadáns ou non se fará.
4. Unha Europa máis eficaz, máis transparente e máis democrática. Europa foi atractiva ate agora porque foi eficaz. Necesitamos institucións fortes e democráticas que permitan decidir e levar a cabo as accións e políticas comúns e desenvolver outras novas, respectando o principio de subsidiariedade. Se con 15 Estados membros era xa difícil tomar decisións por unanimidade, con 27, a unanimidade, tal e como figura nos tratados actuais, é sinónimo de parálise. O noso obxectivo común é polo tanto a ampliación do uso da maioría cualificada e tamén a simplificación dos procedementos para que a acción europea sexa máis comprensíbel para os cidadáns. Con este obxectivo debemos así mesmo implicar mais aos nosos parlamentos nacionais.
Esta é a nosa proposta, unha proposta aberta ao diálogo e a reflexión cos Estados que por un ou outro motivo non ratificaron ainda o tratado. Queremos así contribuír ao esforzo que Alemaña vai emprender durante os seis meses da súa presidencia. Pasadas as decepcións e os reveses, é hora de que Europa se dote dos medios necesarios para estar á altura dos desafíos do futuro.

Sem comentários: