terça-feira, janeiro 09, 2007


Máis vellos pantasmas europeos

Por Valentí Puig

O ingreso de Romanía na Unión Europea achega o lastre dunha tradición de extrema dereita que pronto vai marcar territorio no hemiciclo de Bruxelas. Ese é un decrépito pantasma, axitado polas grandes ventiscas dos anos trinta, reaparecido ao caer o muro de Berlín e estrañamente avivado polo «lifting» da integración europea. Foi amplo o contorno intelectual da extrema dereita romanesa, relocalizada no exilio. Agora se relocaliza no Parlamento Europeo. Da argumentos a quen pensan que a integración europea xa non é, como inicialmente, a resposta a unha crise de confianza, senón que é actualmente unha das causas da crise. nun par de semanas calcúlase que o ingreso de Romanía e Bulgaria na Unión Europea significará a constitución dun grupo de ultradereita no Parlamento Europeo, porque cun europarlamentario do partido Ataka búlgaro e cinco do Partido da Gran Romanía xa suman os dezanove escanos -procedentes de cinco estados membros distintos- necesarios para formar grupo parlamentario, un antigo empeño da dereita máis dura. Os restantes compoñentes do grupo «Identidade, soberanía e transparencia» -ou tal vez «Europa das patrias»- serían a Fronte Nacional de Le Pen, a extrema dereita austríaca, Alexandra Mussolini, a extrema dereita flamenca e varios europarlamentarios independentes. Representan a Europa proteccionista, xenófoba, antiamericana, particularista e radicalmente antisemita. Activaron o populismo do «non porque si». Reaccionan contra a eurocracia, o constructivismo, o anxelismo inmigratorio e os efectos do euro na cesta da compra. Constituirán un búnker contra o ingreso de Turquía. Serán estrepitosos cando Angela Merkel pretenda darlle osíxeno ao falido Tratado Constitucional. O ideólogo é Andreas Moelzer, do partido austríaco liderado por Jörg Haider. O caso romanés ten orixes moi especiais. Liderado por Corneliu Vadim Tudor e con moi bos resultados electorais, enlaza dunha ou outra forma coa extrema dereita que tan potente foi na Romanía que xerou o desenvolvemento da Garda de Ferro do carismático Codrenau, que acadou a ser o movemento fascistoide máis potente nos Balcáns. Polas súas concomitancias coa estratexia de Hitler, chegou a propoñer medidas antisemitas que incluso superaron os límites macabros da Solución Final. Anos despois da caída de Ceaucescu, con Corneliu Vadim Tudor o tacticismo do Partido da Gran Romanía busca adoptar modos máis asimilábeis, en especial no referente ao Holocausto. Distanciarse das actitudes que a Garda de Ferro representou nos anos trinta, como ocorre con outros movementos da ultradereita europea, non impide lanzar unha mensaxe equiparábel, mais nun contexto de integración europea totalmente distinto á convulsión do período de entreguerras. Indubidabelmente, ese é un mérito da Unión Europea, como longo proceso institucional que xera consensos minimalistas que son a estrita antítese da Europa dos anos trinta. Neste caso, pode falarse de progreso. Aqueles anos foron, para Romanía, un cruel ensimismamiento na violencia, o caos e a imposición autoritaria. Foron tempos de asasinatos políticos, de drástica lexislación antisemita e conivencia co nazismo. Pode ser incómodo que tales forzas conflúan no Parlamento Europeo, pero non é malo que así estean representadas porque existen na realidade. É un de tantos paradoxos da Unión Europea que quen vai ser o socio do Partido da Gran Romanía no Parlamento Europeo sexan frontalmente contrarios á integración romanesa na Unión Europea, por temor á avalancha inmigratoria que en España xa é coñecida. O que agora ocorre é que a posibilidade de formar grupo parlamentario dálles acceso a un sustento económico institucional do que ate hoxe, atomizados ou a título simplemente individual, carecían. Vellos e novos pantasmas de Europa danzan en torno á fogueira como as bruxas en «Macbeth». O ultranacionalismo parece darlle a razón a quen preferían o transnacionalismo da Ilustración ao nacionalismo romántico. Ao que se supón líder ou voceiro do grupo «Identidade, soberanía e transparencia» no hemiciclo europeo, o lepeniano Bruno Gollnisch, ten pendente unha sentenza por negación do Holocausto nazi. Son sombras atávicas dunha Europa que non remataron co Tratado de Roma.

Sem comentários: