segunda-feira, maio 09, 2005

O SENTIDO HISTÓRICO DA UNIÓN
Camilo Nogueira


A Unión Europea é unha institución orixinal, que muda radicalmente o carácter dos Estados que integra. Non pode ser considerada como unha entidade supraestatal como a ONU, a OTAN, o FMI ou OMC, nin tampouco como se fose un Estado. Pola súa propia constitución é allea ao carácter centralizador e uniformizador propio das institucións estatais de configuración xacobina. Carecendo de modelo histórico de referencia, o futuro da Unión está suxeito a unha especial incerteza, tal como ocorreu no proceso de estruturación dos Estados entre os séculos XVI e XX.
O debate sobre o significado da Unión e das consecuencias da súa política descoida non poucas veces este sentido histórico, fixando a atención apenas na súa materialidade actual, na evidente hexemonía operativa e subxectiva que conservan aínda os Gobernos dos Estados, na primacía dos intereses económicos, no défice aínda non colmado de competencias propias en política social e nas carencias no recoñecemento da plena diversidade nacional.

Esta visión redutora non ten adecuadamente en conta o significado de elementos tan determinantes como o esvaecemento de fronteiras estatais tradicionais, tan ligadas ao desprezo da diversidade nacional interna, o recoñecemento necesario da diversidade lingüística -limitada polo momento á dos Estados-, a progresiva criazón dunha cidadanía política europea e os efectos das institucións comúns, principalmente do Parlamento, que pouco e pouco -xunto coas das nacións sen Estado e doutras entidades políticas e lexislativas territoriais no ámbito interno estatal- adquiren un carácter antes reservado ás estatais.

A comprensión desta complexidade permite enxergar para Galiza un novo campo de loita política pola autodeterminación máis ambicioso que o do simple espazo fechado do Estado español. O espazo político da Unión institúe unha situación complementaria da estabelecida, con outro significado, polo Estatuto de Autonomía que, aínda non constituíndo máis que un sistema transitorio a superar, propiciou o desenvolvimento do nacionalismo galego até converterse nunha organización capaz de acceder ao poder. A pertenza á UE permite abrir en Galiza prácticas políticas e territorios teóricos pedagóxicos non eivados polas reservas cidadás a unha hipotética separación traumática do resto do Estado, na conciencia de que na Unión todo progreso na emancipación nacional, na formulación dun Estado plurinacional e mesmo na conquista dun Estado propio, non supón xa un arredamento, senón unha integración sen fronteiras nunha morada común. A pertenza a UE favorece, alén diso, a relación con Portugal.
Naceu a UE tendo aos Estados como protagonistas principais. Para principiar xa como unha unión dos povos e dos cidadáns tería sido necesaria unha revolución democrática querida e protagonizada por centos de millóns de persoas. Mais sendo unha unión de Estados, o desenvolvemento da UE marcha obxectivamente na dirección da perda de substancia das competencias centralizadas dos Estados, iniciando un proceso favorábel para as nacións sen Estado e para a estruturación dun espazo democrático europeo. Sen a existencia da Unión dificilmente se terían producido manifestacións tan extraordinarias como as habidas en 2003 pola paz e contra a guerra dos EEUU e o Reino Unido en Iraq.

A criazón das Comunidades Europeas respondeu á vontade de evitar a repetición das guerras fratricidas que asolaron a Europa. Guerras que ocorreron en Europa porque foi aquí onde se colocaron loitas que, producíndose neste continente e sendo específicas del, expresaban contradicións nacionais, económicas, sociais, culturais, ideolóxicas e relixiosas que tamén eran universais. Non se pode negar que a Unión Europea naceu inequivocamente co obxectivo de superar esta tráxica realidade histórica, como non se pode ignorar que a Comunidade Europea foi criada durante a Guerra Fría e condicionada polos enfrontamentos entre sistemas políticos e económicos daquel tempo.

Os fundadores das Comunidades Europeas creron na necesidade de comezar a Unión estabelecendo lazos baseados en intereses económicos comúns. A criazón dun mercado común respondía ao sistema económico dominante nos Estados implicados e neste sentido aos grandes intereses capitalistas, sen que se poida dicir que isto teña hoxe un significado particularmente definitorio de Europa, pois o mesmo pode aseverarse a respecto do mundo, do Estado español ou de Galiza. En todo o caso, a Unión crea un espazo político e económico con perto de 500 millóns de habitantes, o máis poderoso do mundo, que pola súa dimensión e relativa independencia permitiría avanzar, se así o queren os povos e os cidadáns, nun modelo de desenvolvimento económico e social solidario, tanto internamente como a respecto dos países e poboacións que hoxe viven na pobreza ou na miseria.

A realidade económica da UE non pode xustificar o menosprezo do seu carácter profundamente político, nin é contraditoria con este carácter, que está no cerne das institucións desde os inicios das Comunidades Europeas. O Parlamento Europeo non é unha simple expresión dos intereses capitalistas, non máis en calquera caso que o resto dos parlamentos dos Estados europeos.

A UE constitúe unha derrota histórica dos Estados xacobinos como realidade de poder e como modelo de organización política. Os Estados aínda son hexemónicos, mais a Unión é en si mesma o contrario do modelo de Estado baseado no dominio dunha única cultura e dunha soa lingua, dunha administración e dunha lexislación uniformizadas e centralizadas. A UE como institución histórica é o oposto da concepción chovinista que non deixa máis espazo que para un único poder, que identifica a igualdade coa uniformidade e a solidariedade coa subordinación.

Camilo Nogueira foi Europedutado polo BNG na lexislatura 1999-2004