quarta-feira, outubro 26, 2005


CRISE NA UNIÓN

Por Camilo Nogueira

O 29 de maio, dia do referendo francés, estabamos en París. Regresabamos de Bretaña, onde organizacións políticas de toda a Unión pertecentes a nacións sen Estado que contan con institucións autónomas ou a nacionalidades non recoñecidas institucionalmente, cando non negadas, trataran do seus problemas e aspiracións: desde a Galiza, á Macedonia de Bulgaria e Grecia; de Escocia a Transilvania; das Illas Aland no Báltico integradas en Finlandia aos Paises Cataláns, de Gales a Sicilia, de Euskadi a Silesia, de Flandes e Frisia a Cerdeña; de todo o Estado francés e alén. Reuníranse representantes de paises con entidade política, demográfica e nacional muito diversa, algúns poderían xa constituirse en Estados, outros queren vivir na súa língua e personalidade, todos participan da confianza en que na Europa da unidade na diversidade é máis posíbel a luita democrática pola autodeterminación. Pensaban iso apesar de que a cuestión da diversidade nacional fora ignorada no debate estatal sobre o Tratado Constitucional da Unión na Franza da Bretaña, Ocitania, Normandía, Flandes, Saboia, Borgoña, Córcega, Alsacia, Cataluña, Pais Vasco, na Franza dos nomes políticos históricos enterrados baixo os de mares, rios e montañas.
Pasamos o domingo atentos ao que sucedía. Apesar de que nen o status das nacións sen Estado nen os direitos dos povos formaran parte do debate sobre a Constitución, e e malia que nen os partidarios do si nen os do non mostraran nengún interese especial pola política de coesión territorial, o resultado do referendo afectaría decisivamente a Galiza. Todo o que comprometa o presente e o futuro da Unión, desde a política no mundo ao Estado do benestar, ten unha repercusión directa na sociedade e nas institucións galegas, integradas con todas as consecuencias na UE.
O resultado negativo do referendo noite foi celebrado na mesma noite tanto pola esquerda que votou non co argumento da proteción dunha Europa social como pola direita conservadora e chovinista e a extrema direita xenófoba que elexira ese mesmo voto. Non tardaron en aparecer os parabéns procedentes dos representantes políticos e económicos dos que governan nos EEUU e dos seus aliados institucionais e inteleituais europeus que, agoirando o descarriamento da Unión Europea e a súa reorientación puramente económica baixo un sistema capitalista neoliberal, botaron os sinos a repenicar e se lanzaron sobre a presa dispostos a pór en causa non só o Tratado Constitucional, “comatoso” e “moribundo”, senón tamén o proxecto da Unión e o euro que irresponsabelmente ousara porse por diante do dólar.
No barullo da crise emerxe tambén unha posición inteitual portadora dun novo populismo, agora tamén desde as ringleiras da esquerda, que pretende que a crise da Unión e particularmente o resultado do referendo en Francia e a simples consecuencia dun divorcio global entre a sociedade e os representantes políticos, sen reparar que son as contradicións entre os Estados, así como as diferenzas entre proxectos políticos, económicos, sociais, nacionais enfrentados, as que están no cerne de todo o que pasa. Un populismo que sempre coincide de todas formas coa negación da diversidade nacional propria dos Estados xacobinos.
Como un contraste revelador do termómetro ideolóxico e de poder que mede os acontecimentos referentes á Unión Europea, a aprobación previa da Constitución por nove Estados pasara relativamente desapercebida para opinión pública europea e mundial. O resultado negativo en Holanda e a división revelada no do Consello Europeu do 16 e 17 de xuño en Bruxelas sobre o que facer despois dos dous referendos e a respeito das perspectivas financeiras para o período 2007-2013, xa incorporados os Estados do Leste, fecharon o ciclo imediato da crise da Unión.
Para alén das lecturas precipitadas ou interesadas, o acontecido dará lugar a un período de recollida das pezas ciscadas, a unha reflexión destinada a dar unha resposta á incertidume.

A Unión despois da Grande Guerra: a superación de enfrentamentos fratricidas

O controvertido proceso de aprobación do Tratado Constitucional está dando lugar a unha época que non se caracterizará pola negación dos valores e das institucións incorporados ao Tratado senón pola posta en causa dun certo despotismo ilustrado exercido polos Estados que, para ben e para mal, impulsara até agora a construción da UE. Ábrese paso a exixencia de que a idea de Europa como o lugar do desenvolvimento do Estado do benestar e dos direitos democráticos e sociais, funcións antes exercidas e monopolizadas polos Estados, sexa garantida na circunstancia da globalización, na que a Unión Europea ten un papel relevante na procura da paz e da solidariedade.
Até a decisión de alargar á Unión cara os Estados do Leste de Europa, con todas as diferenzas habidas -algunhas de alcance tan singular como as derivadas da instauración da moeda única, non aceitada ainda polo Reino Unido, Suecia e Dinamarca-, os debates no interior da UE referíanse básicamente aos ritmos na estruturación dunha Unión hexemonizada polos Estados e o seu poder no Consello como máxima instancia executiva e lexislativa, primando as decisións tomadas por un consenso expresivo da unanimidade. A UE funcionaba coa conciencia certa de constituir unha institución histórica destinada a unir aos paises através do diálogo, a negociación e o compromiso, superando as guerras fratricidas que a marcaron durante séculos. As Comunidades Europeas foron criadas poucos anos despois do final da Segunda Guerra Mundial, iniciada xa a guerra fría. Rematara a que foi en realidade unha única guerra, a Grande Guerra dos Trinta Anos(1914-1945) do século XX, que puxera fin ao sistema secular de poderes estatais, monarquías e imperios europeus reafirmado en 1815 despois da derrota de Napoleón. No extenso período da Guerra confrontáranse Estados polo poder e o espazo territorial, mais tambén concepcións e institucións fundamentais para a convivencia política e social de transcendencia universal e elementos básicos do sistema político e económico mundial. Foi este o marco tráxico dun confronto fundamental entre a democracia e os sistemas totalitarios. A idea das Comunidades Europeas reflectía igualmente a necesidade europea de recuperar a presenza mundial perdida frente a afirmación dos EEUU e a URSS como potencias dominantes, nun proceso que xa comezara en 1914. Anunciábase o fin do sistema colonial europeu. Despois da Guerra e perante a dominación pola URSS do sistema de Estados do Leste de Europa como consecuencia de un pacto entre os vencedores que materializaba a vitoria e a ocupación rusa frente ás tropas nazis, a criazón das CCEE non foi allea á pretensión de contrarrestar, xa na guerra fría e co apoio dos EEUU, o poder europeu da URSS e do seu sistema político e económico.
Sendo impulsada por Estados centrais e dirixentes de forte personalidade democrática, pouco e pouco a Comunidade Europea foi tomando un corpo político, económico e social proprio, co Consello, o Parlamento, a Comisión e o Tribunal de Xustiza. Adaptándose a súa propria realidade, atinxiu unha orientación política non estritamente ligada ás motivacións orixinarias. Materializou institucionalmente unha revolución histórica: os Estados europeus nacidos da criazón das fronteiras púñanse de acordo para eliminalas. No seu desenvolvimento, a incorporación de novos Estados, do Reino Unido ao Estado español, de Suecia a Portugal, non deu lugar a crises que a afectasen no seu conxunto.
Co paso do tempo, a consolidación da Unión contribuiu a desenvolver elementos constitutivos fundamentais como a soberanía partillada sen fronteiras e a realidade dun territorio político, económico, social e cultural diverso, histórica e praticamente negador do xacobinismo uniformizador e centralizador dominante na configuración dos Estados. Sen negar o peso político, demográfico e económico dos diferentes Estados, o método instaurado para procurar o desenvolvimento da Unión xa non foi o das relacións de poder bélico, senón o do diálogo entre os Estados e os povos, contando de acordo co Consello coa instancia impulsora da Comisión Europea e o control democrático do Parlamento Europeu, con capacidade lexislativa crecente, pondo en causa a soberanía absoluta tradicional.

O alargamento ao Leste e o fracaso de Niza

O sistema estabelecido comezou a entrar en crise na Conferencia Intergovernamental de Niza do ano 2000, convocada para estabelecer un Tratado que permitise adaptar as institucións comunitarias á entrada de doce novos Estados do Leste. Despois da queda do muro de Berlin, da recuperación da plena independencia dos Estados do Leste e do desmembramento da URSS, a necesidade de alargar a Unión era xeralmente aceitada. Mais a decisión dun alargamento en masa fora tomada sen unha necesaria reflexión colectiva sobre as súas consecuencias políticas, económicas e sociais. Formalmente respondeu a razóns históricas: non era admisíbel unha Europa farturenta con viciños europeus empobrecidos que tiñan as mesmas experiencias seculares e pertencían á mesma cultura. Con todo, non se esclareceron nen as razóns estratéxicas da realizar a entrada dos paises do Leste da maneira como se fixo, nen se dilucidou a influencia na decisión de posicións como as protagonizadas polo Reino Unido ao frente doutros Estados segundo o guión querido polos EEUU e praticado pola OTAN: alargar a Unión para abrir un horizonte máis próximo á unión económica que a política e co ánimo de reducir o ámbito de influencia de Rusia. Non se tivo en conta a influencia política e cultural exercida polos EEUU nos Estados do Leste, despois de ter protagonizado durante décadas a confrontación coa URSS dominante nesa grande rexión europea. Coa división dos Estados da Unión a respeito da guerra de Iraque púxose en evidencia esta influencia trasatlántica. Unha influencia que apareceu tambén nas solucións socio-económicas implantadas neses Estados despois dunha experiencia de décadas de estatalización burocrática.
Tampouco se debateu de forma transparente a respeito dos límites xeográficos da Unión, de acordo coa transcendencia das decisións a tomar. É é preciso lembrar que coa entrada de Turquía a fronteira europea chegaría a Iraque, Irán e Siria e que o problema da nación kurda, que non se resolveu na fin da Primeira Guerra Mundial cando foi desmembrado o Imperio otomano, pasaría a ser un problema interno da Unión.
Apesar da importancia dun feito histórico tan saliente como a incorporación dunha parte fundamental da Europa do Leste -ficando fora a considerada como de influencia directa de Rusia- a Conferencia Intergovernamental de Niza pariu un rato cativo, sen dar paso a unha toma de decisións por maioría cualificada de Estados e de cidadáns no Consello, mantendo básicamente un poder de veto dos Estados artellado mediante un arbitrario sistema de votos ponderados, sen esclarecer as competencias da Unión e dos Estados e sen resolver adecuadamente a adaptación da Comisión á multiplicación de membros da Unión, nen sendo quen de desenvolver adecuadamente a capacidade lexislativa do Parlamento Europeu. Ainda recoñecendo a Carta de Direitos Fundamentais elaborada por unha Convención que reunira ás institución da Unión, non a incluira no Tratado, carecendo por iso de forza coercitiva.
Despois do fracaso de Niza cando comezaba o novo século, a Constitución foi reclamada desde o Parlamento Europeu -nun principio unha minoría de deputados e deputadas- e asumida inicialmente polos governantes e dirixentes políticos de Franza e Alemaña. Elaborado nos anos 2002 e 2003 e aprobado polo Consello e o Parlamento no 2004, o Tratado Constitucional supuxo a culminación deste proceso.

A división entre os Estados. A Constitución despois do atentado as torres xémeas e a guerra de Iraque

Porén, no momento en que a Convención rematou o seu traballo as circunstancias europeas e mundiais mudaran de maneira radical. No ano 2001 os atentados das torres xémeas de New York e do Pentágono en Washington foran interpretados polos governantes dos EEUU como unha declaración de guerra que os autorizaba para levar a cabo guerras preventivas fora da legalidade internacional. A guerra imediata en Afganistán e, especialmente, a de Iraque no 2003 condicionaron fortemente a situación política na Unión Europea. As decisións sobre Iraque criaron unha fonda división interna, separaron a Franza e Alemaña do Reino Unido e tamén do Governo do Estado español, Italia ou Portugal e dunha boa parte dos Estados do Leste, introducindo unha cuña que acabaría tendo graves consecuencias na prática do consenso unánime proprio da UE. O PP governante no Estado español chegou a considerar como aliado preferente aos EEUU contra Estados que forman parte da Unión Europea cos que se compartillan institucións executivas e lexislativas. José María Aznar cualificou a Franza e Alemaña como Estados amigos de Sadam Hussein, débeis polo tanto no combate do terrorismo.
A sociedade europea manifestouse contra a guerra, superando a división dos Governos dos seus Estados. Foi no Reino Unido e o Estado español, cuxos Governos acompañaron aos EEUU na decisión de guerra dos Azores e na presión sobre a ONU, onde se produciron as maiores manifestacións populares contra a guerra. No Estado español estiveran precedidas e impulsionadas polas nacidas en Galiza frente á catástrofe do Prestige. Sen que se recollera o eco a súa protesta, na sociedade europea intensificouse a identificación da globalización cos obxectivos de dominio militar dos EEUU e facilitouse unha confusión irracional ou interesada da Unión coa globalización neoliberal. Estes acontecimentos pexaron a vida política da Unión.
A queda do muro de Berlin, o desmembramento da URSS, o alargamento da UE cara o Leste, o hexemonismo militarista dos EEUU e dos seus aliados dentro da Unión, a guerra de Iraque, a emerxencia económica da China ou da India, a necesidade de darlle unha resposta á miseria de continentes e á inmigració: sen que se chegase a realizar a necesaria reflexión colectiva sobre o futuro da Unión, un conxunto de novas circunstancias condicionaron a acción dos Estados e a percepción das sociedades europeas. A superación das guerras que constituiu un argumento fundamental na criazón e o alargamento sucesivo da Unión non estaba xa no centro do pensamento motivador do seu desenvolvimento e o modelo socio-económico europeu era posto en causa polos Governos dos Estados e polas institucións comunitarias precisamente cando máis necesario era evidenciar as virtudes da Unión Europea como un espazo histórico insustituíbel para facer frente aos retos internos e externos deste tempo.
A necesidade de pór orde nas contas publicas e nos Orzamentos dos Estados dada a existencia da Unión Económica e Monetaria e o proceso de aprendizaxe que conlevaba a instauración do euro convertiuse nun elemento conflitivo, que serviu para descualificar a Estados decisivos. Receptor en cantidades determinantes de fundos estruturais e de coesión procedentes básicamente de Alemaña, o naquel momento Governo do Estado español púñase así mesmo de espello frente ás dificultades orzamentais e de desemprego dun Estado doador que ainda estaba e está a facer frente aos tan onerosos custos da incorporación da Alemaña do Leste. Soberbiamente illado ao outro lado do Canal, o Reino Unido contemplaba o costoso proceso continental da Unión monetaria, aproveitándose da Unión económica mais sen implicarse plenamente nela.
Nesta situación, as contradicións entre os Estados a a carencia constitutiva de metodos democráticos de decisión maioritarios obstaculizaron a adaptación da Unión aos retos internos e externos da globalización. Nen as institucións europeas nen os Estados fundamentaron unitariamente a súa acción exterior no momento da globalización na realidade de a Unión ter capacidade para convertirse nunha entidade que for quen de representar aos europeus na politica internacional: Sendo xa a primeira potencia económica mundial, polo seu poder científico, tecnolóxico e social e pola súa tradición democrática pode instrumentar por sí misma unha sociedade aberta ao mundo, especialmente apta para arrostrar a globalización económica sen submeterse ás suicidas políticas ultraliberais, conservando e desenvolvendo nun novo marco institucional as conquistas democráticas históricas, os valores universais dos direitos inviolábeis e inalienábeis do ser humano, a democracia, a igualdade, a liberdade e o Estado de direito segundo afirma o Preámbulo da Constitución. Pode ser tambén unha potencia política internacional, con unha presenza fundamentada nos principios do respeto mútuo, o diálogo, a paz e a solidariedade, no marco da ONU. Anúnciano o seu comportamento no Protocolo de Kioto e o Tribunal Penal Internacional ou nas negociacións para combater a pobreza e na procura de acordos para unha desnuclearización xeneralizada. A UE é ademirada no mundo inteiro, por muito que o seu exemplo dificilmente posa ser seguido noutros continentes, salvo potencialmente en Latinoamérica, e ainda neste caso se os Estados manteñen a súa independencia a respeito do viciño do Norte. Non ten porqué resultar paradoxal que axude a consolidar noutros continentes a Estados soberanos e independentes, necesitados de estabelecer un poder democrático que posibilite a súa participación na mundialización sen submeterse aos designios dunha globalización agresiva.
A división e a confusión políticas entraron nunha fase ainda máis grave cando os Estados máis ricos -aliados nisto Estados partidarios do avance na Europa política como Alemaña e Franza con Estados de reticencia tradicional como o Reino Unido, xunto con Austria, Holanda e Suecia- mostraron un egoismo improprio sobre o nível do Orzamento da Unión, exixindo que non pasase do 1% do PIB total, cando os acordos a nível legal de Tratado permiten o 1,27%. Fixérono cando era preciso incrementalo debido á entrada de 12 Estados do Leste (os dez xa membros máis Romenia e Bulgaria) con rendimentos medios por habitante que non pasan do 40% da media comunitaria. Co alargamento crece o 109% o número de persoas dos territorios de aplicación dos fundos estruturais por contaren con menos do 75% do rendemento medio da Unión, subindo dos 73 a 153 millóns, entanto que o Produto Interior Bruto sobe só o 6% e a povoación total apenas un 28%. Se na Unión de 15 Estados a povoación de menor renda, incluida no Obxectivo nº1 atinxiu o 19%, na de 27 Estados chega co 32% a un terzo do total.
Entretanto, a sociedade europea non recibía outra información sobre o conteudo do Tratado Constitucional que a modificación do peso arbitrario de cada Estado no voto no Consello, agora baseado nunha doble maioría cualificada de Estados e da súa povoación: a teimosía do presidente do Governo español José María Aznar e dos dirixentes de Polonia querendo manter a sistema arbitrario de Niza absorbeu toda a información sobre o Tratado, desvirtuando o significado do mesmo[1]. Fora do Parlamento Europeu -onde os debates foron profundos e sistemáticos sen contaren na sociedade co eco debido- o debate público sobre o Tratado Constitucional non se produciu cando correspondía, isto é no momento da Convención para incidir nel, senón muito despois e tardiamente, cando concluido o traballo convencional os Estados xa lle deran unha aprobación unánime, convertindo nun motivo grave de crise decisións democráticas negativas como as de Franza e Holanda.

Da confusión a incerteza

A incerteza na que entrou o proceso de estruturación da Unión Europea non apareceu, pois, por acaso. É consecuencia de circunstancias xerais e decisións institucionais recoñecíbeis e concretas. Tambén, por muito que pareza paradoxal, é o produto das circunstancias positivas criadas pola propria estruturación da UE, que se dan por adquiridas e non son xa valoradas. Así mesmo e especialmente polas diferenzas existentes na sociedade e entre os governos estatais sobre o modelo económico e social e sobre o papel dos Estados e das institucións centrais da UE, que máis que superadas ficaran adormecidas grazas á hexemonía de determinados Estados e a acción de dirixentes singulares que souberon asumir a responsabilidade do avance na unidade e no esvaimento das fronteiras.
Paso transcendental e logro histórico adquirido, a criazón dun espazo político e económico unitario tende a ser esquecido como un ben en sí mesmo, sendo discutido tanto desde posicións que priman a Unión económica, mantendo inercias negativas contra a Unión política e social, como polos que sofren os problemas da abertura das fronteiras sen as institucións da UE seren quen de garantir no espazo europeu as conquistas do Estado de benestar frente as forzas económicas dominantes e o seu poder mediático, que aproveitaron a libre circulación de bens, servizos e capitais para tentaren unha desregulación social e económica guiada polas ideas neoliberais, pretendendo asaltar servizos públicos adquiridos e irrenunciábeis como a sanidade, a educación ou a seguranza social e as pensións e pondo en causa e reducindo as conquistas logradas no ámbito tradicional estatal. Constitui un obstáculo formidábel para a construción da UE e a vigorización democrática das súas institucións a inexistencia dun sistema de medios de comunicación de masas europeu e, last but not least, as institución estatais utilizan os resultados das políticas comúns da Unión en favor dos governantes dos Estados cando son lles favorábeis e cárganas nas costas da UE cando non lle son acaidas. A permanencia da ideoloxía estatalista cando non chovinista colocou á Unión Europea no papel de rapaz dos azoutes dos Estados, cumprindo a Unión a función do whip boy, un neno do povo utilizado perversamente por certa nobreza británica para recebir o castigo que merecían os seus fillos.
Ainda así, se ben o rexeitamento do Tratado Constitucional non resolve apenas nada, criando unha confusión que non se solucionaría de maneira positiva polo simples feito da súa retirada, ten o efeito dunha forte aldrabada na porta das institucións políticas e económicas europeas, pondo en evidencia a necesidade de reemprender o camiño da Unión, tendo en conta as novas circunstancias e a acumulación de feitos históricos producida desde 1989.

O Tratado Constitucional

En sí mesmo o rexeitamento do Tratado Constitucional suporía un retroceso na construcción da Unión política e social, dando lugar á desaparición dos elementos de avance democrático incorporados. A diferenza dos Tratados anteriores, este introduce un Preámbulo, unha Parte I referente ao obxectivos, as competencias e as institucións da Unión e unha Parte II que integra constitucionalmente a Carta de Direitos Fundamentais, abrindo portelas para a democratización das institucións e a participación directa dos cidadáns e cidadás na construción da Europa política e social. Se así o decidiren na prática política as institucións comunitarias e os Governos dos Estados -elexidos polos cidadans e cidadás europeus que son por isto tamén responsábeis, por muito que se pretenda esquecelo ou ignoralo-, eses elementos constitucionais poderían servir de alavanca para a instrumentación de programas comúns progresistas, evitar os perigos de unha desregulación ultraliberal e manter e desenvolver o Estado do benestar. O simples rexeitamento do Tratado Constitucional non conleva a eliminación da Parte III sobre as políticas comúns, tinxidas desde hai décadas dunha componente neoliberal, senón a súa estrita permanencia por ser básicamente o resultado da refundición dos Tratados anteriores -Roma, Acta Única, Maastricht, Ámsterdam, Niza- que permanecerían. A refundición foi o resultado dunha decisión política que tiña como obxectivo facilitar unha lectura formal e legal comprensíbel para os cidadáns e as institucións. A súa conservación sen introducir elementos de carácter social e fiscal que contribuisen a garantir o Estado de benestar, que desen lugar a unha, ainda inexistente, política común de emprego e evitasen o dumping social interno dada a heteroxénea condición económica e social da Europa de 27 Estados, foi a consecuencia da presión exercida polos Estados que, como o Reino Unido, tenden a frear a Europa política e social ou, por determinados paises do Leste que poden beneficiarseda nova situación, como ocorreu co Estado español despois da entrada en 1986, despois de sofrer un empobrecedor sistema burocrático baixo a dependencia da URSS. A ameaza de veto ante a necesidade de unanimidade que ainda determina a aprobación dos Tratados, explica esta realidade frustrante, que se reproduce no debate das Perspectivas Financeiras para o período 2007-2013, pexado polas contradicións que dividen a Estados que negocian preferentemente en función de curtos intereses internos, nunha actitude que lamentabelmente é aplaudida pola opinión pública dominante en cada un deles.
As razóns europeistas do non desde a esquerda e a defensa do Estado do benestar ficarían máis desamparadas sen a Constitución. Resultados como os de Franza e Holanda poden dar lugar a unha reflexión no sentido querido pola esquerda, mais tamén fortaleceren as posicións euroescépticas e neoliberais. Non existindo neste momento vías certas de tratamento dun problema como o colocado, que non pasen polo acordo unánime dos Estados membros, a situación pode atrapallarse recorrentemente se os Estados do sí se manteñen na posición por eles aprobada: ninguén pode evitar que un novo Tratado sexa negado por determinados Estados. En última instancia, se isto se producir non existe hoxe outra solución máis que a vixencia dos Tratados anteriores e das políticas comúns que se poñen en causa ou nun caso extremo a saída da Unión dos Estados en desacordo co aprobado pola maioría. A Unión Europea carece neste momento de mecanismos de decisión maioritaria que non pasen estritamente pola unanimidade. Dada a ideoloxía dominante nas institucións estatais e nas sociedades europeas, non parece estar hoxe ao alcance a aprobación dun Tratado mediante maiorías cualificadas de cidadáns e Estados, obxectivo de toda visión democrática da Unión: necesitaríase un acordo colectivo previo enormente máis dificultoso que o praticado na elaboración do Tratado Constitucional.

O Consello Europeu de Bruxelas: a ratificación da crise

O fracaso do recente Consello Europeu de Bruxelas pon de manifesto a dimensión da crise á que se enfrenta a Unión. Para alén dos problemas concretos tratados e mesmo da solución dada ao proceso de aprobación do Tratado Constitucional, que se deixa sensatamente para un momento no que se decanten as posicións finais nos Estados e na sociedade europea, apareceron alí, cando deberon facelo responsabelmente no momento da Convención, posicións contraditorias sobre o sentido e o futuro da Unión Europea.
Quentes ainda os resultados do referendo francés, afondando na división diafanamente visíbel desde a guerra de Iraque, Tony Blair agochou fraudulentamente a evidencia de que celebrado agora os resultados dun referendo británico serían muito máis desfavorábeis que os de Franza, cargando os custos da crise sobre os demais. Cando se debateu sobre as cifras orzamentais globais para o período 2007-2013, frente á demanda maioritaria de reducir o cheque británico colocou o problema do 45% das cifras totais dedicadas á Política Agrícola Común, querendo ignorar que esas cifras -certamente inapropiadas na realidade económica actual da UE e ainda así consideradas insuficientes polos agricultores franceses que votaron non no referendo- foran aprobadas por todos os Estados e pola maioría do Parlamento Europeu en data tan próxima como 2002. Eludiu a realidade de británicos, franceses e alemáns seren aliados na exixencia da redución do Orzamento da Unión até un máximo do 1% do PIB, o que dificulta de maneira determinante toda mudanza nas partidas fundamentais do mesmo. Ulizou a PAC simplesmente como ariete: non podería facelo coa Política Común da Pesca, na que nega coa ameaza do veto a igualdade de direitos nos mares comunitarios, en contra principalmente da frota galega. Nas súas propostas orzamentais non podería falar da necesidade de establecer unha política común de emprego con partidas específicas e suficientes, afectando a sectores económicos como o industrial necesitados da modernización e da adecuación aos retos da competencia exterior ou a outras políticas sociais, que di pretender: todo iso é negado sistemáticamente polo Reino Unido.
Tampouco estivo afortunado o primeiro ministro español José Luís Rodríguez Zapatero. Non fixo valer no seu favor o resultado positivo do referendo sobre a Constitución, foi ignorado nun momento crítico sen pór todo o peso do Estado na prato da balanza do presidente do Consello, o intelixente europeista luxemburgués Jean-Claude Juncker, e na decisiva cuestión do Orzamento para o período 2007-2013 tomou unha posición escura, que en todo o caso non tivo en conta a paises como Galiza: sen ter legalmente xa direito a elas, baseou a súa posición na prolongación transitoria durante cinco anos das axudas procedentes do Fundo de Cohesión. Porén, como xa fixeran os governos do Estado español os anos pasados cando se preparaba o discutido no Consello Europeu de Bruxelas, descoidou os Fundos Estruturais que son os destinados realmente ao desenvolvimento territorial, responden a cifras europeas mui superiores ás proprias do Fundo de Cohesión e son os recibidos principalmente polas CCAA do Obxectivo nº 1, como Galiza. Esquecidos públicamente polo presidente do governo español, os FFEE son os que determinan a maior parte ingresos recibidos polo Estado desde o Orzamento da UE, 16.179 6.904 millóns de euros, isto é, 2,69 billóns das antigas pesetas. Non se sabe en que medida considerou que a tardanza en aprobar as Perspectivas Financieras pode supor, amais, que por efecto estatístico Galiza, e algunha outra Comunidade Autónoma, despois de ver como se mal utilizaron as últimas décadas, se vexa ainda máis perxudicadas na recepción dos fondos europeus. A defensa preferente por parte do Zapatero das cifras da PAC contrasta coa realidade de que do máis dun billón de pesetas que recibe anualmente o Estado español do fundo agrario europeu FEOGA garantía Galiza apenas recebe o 1% do total, entanto que Andalucia ingresa o 30% e outas comunidades cantidade tamén mui superiores ás galegas[2].
Durante o Consello EuropeuTony Blair repetiu con insistencia, convertindo a conxuntura en categoría histórica, que Franza e Alemaña non son xa os motores da Unión Europea. É certo que o debate desta cuestión, que atinxe a todos os Estados, está no cerne da evolución da Unión. Mais para alén da disputa pola hexemonía sobre a orientación da UE implícita nas palabras do británico, resulta evidente que a diferenza do que ocorre con outros Estados, sen Franza, como sen Alemaña, non se terían criado as Comunidades Europeas hai medio século, nen é concebíbel a UE do futuro. Faltaría unha parte central da xeografía, a demografía e a economía europeas. Sen a Franza da Revolución Francesa, como sen a Alemaña da Reforma, a UE perdería unha experiencia fundamental na formación das institucións democráticas e na conquista dos direitos humanos; non acadaría todo o seu sentido a construción histórica dunha unidade política sen fronteiras superadora das guerras dos século XX, mais tamén daquelas como a Guerra dos Trinta Anos no XVII a de Sucesión no XVIII e as napoleónicas no principio do XIX, que tan directamente afectaron tambén aos reinos peninsulares. Sen elas a UE non sería un espazo económico e social capaz en por sí, con case cincocentos millóns de habitantes, de facerlle frente á globalización ultraliberal. A participación de Franza na Europa da diversidade nacional e lingüística, constitui unha garantía de superación do xacobinismo centralizador e uniformizador que constituíu o paradigma dominante da estruturación e a ideoloxía dos Estados.
A solución da crise non pasa por negar o papel necesario deses dous Estados, nen facelo depender estritamente de quen goberne neles nun momento determinado, nen se pode avanzar que os próximos dirixentes estatais sexan menos europeistas que os actuais, sendo por outra parte difícilmente concebíbel unha Europa política e social sen o papel que lles corresponde a dous Estados centrais da Unión con 150 millóns de habitantes, que enlazan un co Oeste e o outro co Leste.
O Consello Europeu de Bruxelas deixou apesar de todo unha semente esperanzadora: a maioria dos Estados situanse na vía da Europea política e social e os novos Estados membros do Leste ofereceron conxuntamente unha solución orzamental baseada na diminución dos seus ingresos que foi desprezada polos maximalismos prepotentes dos que poñen en causa a Europa política: pode que comezasen a abandonar a relación privilexiada cos partidarios da Europa como un grande mercado, achegándose a idea de que nen siquer iso ten sentido para eles sen a Europa política e social.

O debate francés

Esta realidade complexa mostra até que ponto o debate francés, provocando unha comoción de evolución incerta, non tivo un carácter racional e orientador do que facer en toda a Unión. Se o resultado do referendo ten para Franza e para a UE unha importancia transcendental, nos discursos que se produciron demostrouse máis unha vez que non está incorporada na vida política interna dos Estados europeus a realidade incontestábel da Unión: o carácter da cidadanía, a economía, as normas de convivencia, os desprazamentos sen fronteiras, a visión do mundo e a presenza internacional, unha nova concepción do papel dos Estados e da diversidade política e cultural.
Apareceron en Franza os elementos irracionais que acompañan a construción da Unión Europea. O voto negativo tivo unha indubitábel componente interna: reuniu a partidos e asociacións, a capas sociais e liñas de pensamento que querían demostrar co seu voto posicións contrarias ao Governo encabezado polo presidente Jacques Chirac. Mais non só xuntou actitudes pertecentes ao mesmo campo político, senón tambén posicións tidas tradicionalmente por antitéticas. Por unha banda parte dos socialistas e dos verdes, os comunistas e troskistas, a maioría dos sindicatos, amais de organizacións antiglobalización como Attac que negaron o Tratado por neoliberal, querendo unha Europa social e a reforma do proxecto. Por outra banda a extrema direita, quer na versión ultra e xenófoba con Jean Marie Le Pen, quer na tradicionalista conservadora de Philippe de Villiers, que rexeitan de forma radical a Unión Europea. Coñecido o resultado do referendo, De Villiers, principal dirixente do Mouvement pour la France, non tardou en declarar que a Constitución da Unión era “un parrulo decapitado que ainda corre”. Sabendo que sen eles o non non tería trunfado, os dirixentes da extrema direita reclamáronse como os vencedores.
Aducindo sen maior fundamento que o non en Franza daría lugar a unha renegociación do Tratado desde as súas posicións, unha boa parte daquela esquerda confundiu no referendo a batalla louvábel por outra Europa social e democrática co combate á política interna do presidente que hai ben pouco contribuíu a elixir por esmagadora maioría. Esta foi a posición que defendeu entre eles Laurent Fabius, principal defensor do non na esquerda, contradicendo o argumentado por el mesmo hai trece anos no referendo sobre o Tratado de Maastricht, cando afirmaba que un non francés non daría lugar a unha renegociación e que as concesións dos demais Estados foran superiores ás francesas. Con un comportamento que non é específico de Franza, parte da esquerda francesa emprégase contra a Constitución da Unión cunha enerxía que lle é allea na súa luita frente ao poder francés detentado por unha direita que é corresponsábel do carácter neoliberal que teñan as políticas económicas e sociais comúns da UE.
Infelizmente, esa esquerda asumiu argumentos que non hai muito anos pertencían exclusivamente ao campo da extrema direita. Ambas mostráronse contrarias de facto ao alargamento aos paises do Leste e nada solidarias coa situación daquelas sociedades. Uns din quereren evitar o dumping social do Leste. Outros néganse á chegada de traballadores ou de produtos do Leste, utilizando para os europeus as mesmas perigosas análises praticadas a respeito das importacións de manufacturas e da imigración de traballadores procedentes do chamado Terceiro Mundo. É certo que tambén no campo do sí estiveron remexidos a conservadora UMP (Union pour un Mouvement Populaire), con parte dos socialistas e dos verdes, mais defendendo a aprobación do Tratado o significado formal do seu voto tiña un sentido unívoco. En Holanda as cousas foron máis simples mais non menos problemáticas: despois da experiencia dos pasados anos, subiu á tona a preocupación e o rexeitamento non só dos governantes senón tamén e particularmente dos cidadánas a respeito da abertura das fronteiras a outras xentes de Europa e de fora de Europa.
Apesar de que o esforzo francés foi admirábel, estando os xornais e as librarias cheas de información e publicacións sobre a Union e o referendo, a carencia dunha opinión pública informada sobre o espazo político da UE demostrouse no feito de que a idea de o voto negativo comportar a desaparición dos elementos positivos do Tratado non chegou a ocupar o papel relevante que lle correspondía: eliminaríanse as páxinas fundamentais nas que se fala de dignidade humana, liberdade, democracia, igualdade, Estado de direito e respeito dos direitos humanos, incluídos os direitos das persoas pertencentes a minorías, a igualdade entre mulleres e homes, a paz e o benestar dos povos, o pleno emprego e o progreso social, o desenvolvimento sustentábel, a solidariedade entre xeracións, a coesión económica, social e territorial, o respeito da diversidade cultural e lingüística, a paz e a solidariedade, o respeito dos principios da Carta das Nacións Unidas; e cuestións tan transcendentais como o carácter xurídico da Unión, capacitandoa para representar institucionalmente a todos os Estados e cidadáns e asinar acordos internacionais, a iniciativa lexislativa popular, o comezo dunha política internacional e de defesa, a plena capacidade lexislativa e orzamentaria do Parlamento en codecisión co Consello, a definición das competencias da Unión. Sen todo isto a Unión Europea non estaría realmente capacitada para asumir as funcións proprias dunha Europa política e social.
A vaidade francesa escureceu a complexidade da situación e tendeu a minimizar os riscos dunha negativa, apresentando a negociación posterior ao referendo como un feito carente das dificuldades extraordinarias que agora aparecen, necesitándose chegar a compromisos con todos os Estados da UE primeiro, e con todas as sociedades deses Estados despois. Nada fai pensar neste momento que o rexeitamento do Tratado posa constituír un revulsivo que garanta ou propicie a aprobación doutro máis avanzado co acordo de todos os Estados. (Paradoxalmente, non resultaría tan extraño que pola parte de Franza for realizada unha proposta de solución que, como resultado dun acordo maioritario na esquerda, unise posicións enfrontadas no referendo).
O ocorrido necesita dunha lectura que afecta ao proprio proceso de construción da Unión e os obstáculos que debe superar. As posicións contraditorias que trunfaron nos dous referendos non oferecen en sí mesmas propostas certas de solución aos problemas colocados. Se os demais Estados se aviñeran a unha modificación do texto de Convención, pasando por alto decisións de aprobación xa producidas tan lexítimas como as negativas francesa e holandesa, non poderían deducir o sentido das mudanzas desexadas polos votantes nos referendos. En Franza foron utilizados argumentos incompatíbeis co proprio sentido da realidade e a evolución da Unión. Seguen particularmente vivos restos da dialéctica anacrónica da guerra fría e aparece un populismo sectario que ten a Unión Europea por unha institución máis da globalización ultraliberal, cando é potencialmente un elemento formidábel contra ela, ou que lle nega á Unión un papel pola paz e a solidaridade mundial que lle é recoñecido desde otras posicións democráticas altermundialistas non só europeas senón tamén latinomericanas e doutros continentes. Chegouse a cualificar o Tratado como un instrumento da consagración definitiva da “transferencia do poder dos Estados ás finanzas privadas internacionais orquestrada polo tánden Reagan-Thatcher”.

A crise da unanimidade

Mais eses referendos, como calquer outro que se producir, constituen unha chamada de atención a respeito do sistema de aprobación por unanimidade que ainda rexe na Unión. Para a aprobación dun Tratado, como para a entrada de novos Estados membros, para o estabelecimento do cadro financiero para un novo período orzamental ou para a elementos da política social e fiscal, un só Estado pode impedir a aprobación de cuestións que todos os demais consideren vitais. Neste marco toma toda a súa dimensión a gravidade dos resultados negativos e a irresponsabilidade dos que non souberon evitalo, quer dando solución a determinados problemas no texto redactado pola Convención, quer orientando de maneira racional os debates dos referendos. Pondo en causa o sistema da unanimidade imperante para cuestións transcendentais como as citadas, a renegociación do Tratado a causa do non dun Estado, suposto que este queira seguir na Unión, pode ser rexeitadado por calquer outro Estado, pudendo encertarse así un proceso recorrente sen fin.
Este problema non tería outra solución máis que a da aprobación conxunta por unha maioría cualificada dos cidadáns, dos povos e dos Estados da Unión, introducindo un elemento de soberanía partillada que definiría á Unión Europea como unha entidade en sí mesma, lonxe da visión simplesmente supraestatal que ainda pervive na sociedade e nas institucións europeas e que se fixo presente nos últimos referendos. Mais isto suporía unha auténtica revolución democrática que encontraría á oposición radical de muitos Estados, obrigaría a forzar a marcha da ideoloxía ainda dominante nas sociedades europeas, formadas nunha idea da soberanía estatal que como se puxo en evidencia pervive na Europa sen fronteiras internas.
Ante isto non falta quen pense nun marco político novo aproveitando as cooperacións reforzadas que recolle o Tratado Constitucional, abríndolle a porta a unha Unión diversa, con paises que procurarían unha integración política mais plena, seguindo a lóxica da evolución das pasadas décadas, e paises que ficarían no status actual. Mais esta proposta é tan doadamente enunciábel como difícilmente praticábel. Unha Unión económica plena non é governábel sen unha Unión política na que participen os mesmos Estados. Unha Unión política restrinxida, destinada a evitar a contaminación da compentencia polas diferenzas sociais e fiscais ou o direito a libre circulación de traballadores e de bens económicos sería incompatíbel cunha Unión económica máis ampla, tanto máis se conta cunha moeda única.

A consistencia da Unión

A solución institucional a este embrullo non resulta doada. Non se pode deixar de ter en conta que elementos da Constitución, como a necesidade de unanimidade na política social e fiscal, tan criticada, foi unha imposición do Reino Unido, posibelmente aceitada por Alemaña e Franza non apenas para evitar o veto dos británicos, senón tamén como parte dun acordo para pór en marcha dunha nova política exterior e de defesa querida polos contrarios á guerra de Iraque e posta en causa polos aliados incondicionais dos EEUU.
Así e todo, se fallan franceses e alemáns non está claro que Estados posan tomar a iniciativa tendo forza suficiente para avanzar, quer procurando solucións transitorias a partir do actual texto do Tratado Constitucional, quer propondo outro texto política e socialmente mais ambicioso. Noutro tempo, cando a transcendencia da Unión non se puxera plenamente de manifesto nen se puxeran en evidencia os problemas da globalización, os problemas eran superados pola acción de personalidades singulares ou pola hexemonía de determinados Estados entre os fundadores: non se romperan ainda certos equilibrios iniciais. Agora, co temor e as incertidumes provocados pola globalización, a permanencia ideolóxica das contradicións da guerra fria e as divisións derivadas de guerras como a de Iraque, todo está necesitado dun novo paradigma.
A Unión Europea ten toda a consistencia política e económica necesaria para manter e desenvolver os valores fundamentais que a definen. Falta avanzar na criazón na vontade política colectiva que o faga posíbel. Se a vontade finalmente non falla, en espera do efeito do tempo, da reflexión e do retorno da racionalidade, a solución pode pasar pola aprobación final do Tratado Constitucional e a interpretación da Parte III das polílicas comúns desde o disposto no Preámbulo e as Partes I e II, que contradicen unha política economica e social que puxo e causa as conquistas do Estado do benestar e abren vías para a presenza da Unión no mundo como entidade política en sí mesma, reforzando o nível cuantitativo do Orzamento e a reformulando a súa distribución. O papel unitario das institucións centrais da UE, impulsor de iniciativas a Comisión e orientador político e lexislativo do Parlamento tería que pasar a primeiro plano. Dos partidos políticos europeus, recoñecidos recentemente polo Consello e o Parlamento, e das organizacións sociais continentais depende a criazón de consensos ou maiorías que non estexan ligadas de maneira determinante da conxuntura ou do puro egoismo, e muito menos do chovinismo, de cada Estado. O espazo de comunicación europeu potenciaría e sería a consecuencia dialéctica desta orientación.
Unha proposta voluntarista esta, certamente, máis non hai outro camiño racional e praticábel para a Unión. A permanencia da incerteza e a confusión non sería permitida pola sociedade europea. É demasiado precioso o legado deixado até hoxe pola Unión, resultado dunha revolución histórica institucional sen equivalente no longo proceso de criazón secular das institucións estatais. Non apenas en Europa.
[1] Para conseguir un alto número de votos ponderados no Consello, o daquela presidente do Governo español ofereceu como moeda de troco -no cadro dunha reducción global entre os 15 Estados debida ao alargamento a otros 10 Estados- unha excepcional redución do número de deputados do Estado español no Parlamento Europeu, de 64 a 54, feito que acabou constituíndose como unha, entre outras, das causas determinantes de o nacionalismo galego non revalidar a presenza no Parlamento Europeu, ficando no lugar 55 despois de perder definitivamente o 54. Como referencia do ocorrido convén citar o caso de Portugal, que nas mesmas circunstancias no perdeu máis que un deputado, pasando de 25 a 24, cando conta con pouco máis dun cuarto da populación do Estado español.
[2] O autor participou como deputado por Galiza do BNG en todo o proceso de debate do Tratado Constitucional e nas circunstancias que definiron e condicionaron a acción política deses anos. Formou parte do grupo de deputados que reclamou unha Constitución despois do fracaso de Niza. Promoveu a reunión en Santiago de Compostela do Intergrupo de Nacións sen Estado,que presidía, que fixo pública unha posición a prol da Constitución. Participou nos debates da Convención a través da Comisión de Asuntos Constitucionais do PE, apresentando especialmente propostas referentes á Europa política e social e ao recoñecimento das nacións sen Estado como Galiza. Estivo semanas antes da guerra de Iraque en Bagdad e Basora formando dunha delegación de eurodeputados pola paz. Entrevistouse co mesmo obxectivo con Kofi Annan e Hans Blix na ONU en New York como membro desa delegación. Debateu contra as posicións do xefe do governo do Estado, José María Aznar, rexeitando a guerra en Iraque e as posicións españolas na altura sobre a mesma. Participou nos debates sobre o alargamento ao Leste. Manifestou a posición galega como ponente en documentos do Parlamento sobre os fundos estruturais e de coesión e sobre a política común da pesca, estivo tamén nos debates sobre as explotacions familiares galegas, particularmente a respeito das cotas lácteas no momento da reforma da PAC e, en xeral, sobre os efectos en Galiza da política social e económica e das redes de transporte europeas.