Romanía e Bulgaria únense desde hoxe á familia europea
A Unión Europea conta a partir de hoxe, 1 de xaneiro de 2007, con dous novos socios, Romanía e Bulgaria, que aportan ao club comunitario unha poboación de 30 millóns de habitantes e converterán á Unión nun espazo de case 500 millóns de europeos. Coa incorporación das dúas ex repúblicas socialistas, a UE pon punto final á súa quinta ampliación, iniciada tralo fin da guerra fría, culminada en maio de 2004 coa entrada de dez novos membros do centro e este de Europa e considerada o símbolo da reunificación do Vello continente. A aposta de ampliación para o Este foi de tal envergadura que a UE tivo que idear unha reforma institucional para poder funcionar eficazmente con 27 membros, reforma recollida no Tratado constitucional agora en stand-by polo rexeitamento de Franza e os Países Baixos a ratificar o texto. De aí que a chegada de Bulgaria e Romanía coincida coa persistencia do debate sobre a capacidade da UE para seguir aumentando de tamaño e a urxencia de facer as reformas necesarias para xestionar un club cada vez máis numeroso. "Non podemos ampliar a UE eternamente sen reformar as institucións", advertía o pasado mes de setembro o presidente da Comisión Europea, Durao Barroso, certificando así que non haberá máis ampliacións ate que se chegue a un acordo sobre a Constitución Europea. Esta tese e o endurecemento das condicións para os candidatos futuros foi asumida tamén polos Xefes de Estado e de Goberno no cumio celebrada en Bruxelas a medidados de decembro, na que se condiciona a ampliación á capacidade da UE para integrar novos membros. Pero ademais da delicada situación que vive a propia UE, a adhesión de Romanía e Bulgaria prodúcese sob estritas medidas de vixilancia e control sen precedentes en anteriores ampliacións. De feito, as lagoas que os dous novos socios teñen en ámbitos tan delicados como a loita contra a corrupción e o crime organizado, o control dos fondos estruturais e as axudas agrícolas ou a seguridade alimentaria, levaron ao Executivo comunitario a establecer un rigoroso mecanismo de cooperación e verificación dos progresos nestas áreas. Xa que logo, a Comisión Europea informará regularmente ao Parlamento e ao Consello dos avances que, se foran considerados insuficientes, poderían derivar no establecemento de cláusulas de salvagarda. Tanto Bulgaria como Romanía deberán render contas cada dous anos ate que cumpran plenamente os obxectivos nas áreas mencionadas. O primeiro informe terá que presentarse antes do 31 de marzo de 2007. Así mesmo, para garantir un uso correcto dos fondos estruturais e de cohesión, sobre os dous novos socios pesa a ameaza de Bruxelas de cancelar os pagamentos se houbera sospeitas de irregularidades, fraudes ou prácticas corruptas. É máis, se no momento en que se produza a adhesión non se logrou probar un sistema eficaz para a xestión dos fondos, a Comisión Europea reducirá o fluxo de fondos previsto para 2007. No ámbito da saúde animal, aplicouse xa restricións ás carnes e lácteos procedentes de Romanía e Bulgaria por non cumprir todos os requisitos necesarios para venderse nos mercados europeos. En todo caso, ao cabo de tres anos, estes produtos en cuestión deberán de estar listos para a súa comercialización no resto da UE porque, do contrario, será prohibida a súa produción. Ademais, a Comisión Europea advertiu de que ve "importantes deficiencias" en materia de seguridade aérea en Bulgaria e activou unha cláusula de salvagarda que exclúe ás 15 aeroliñas búlgaras das vantaxes do mercado europeo, pero decidiu aprazar ate finais de febreiro a decisión sobre se inclúe ou non na 'lista negra' e prohíbe voar na UE a ditas compañias. Non obstante, o aspecto máis controvertido da incorporación dos dous novos membros será o da libre circulación de traballadores romaneses e búlgaros no mercado laboral europeo. Os Gobernos do resto de Estados membros teñen pleno dereito a establecer restricións temporais á entrada de man de obra durante un período máximo de sete anos e algúns países, como España, xa anunciaron a súa intención de facelo polo menos durante dous. Aínda que a Comisión Europea se mostra comprensiva cun asunto moi sensible, lembra que a temida onda de 'fontaneiros polacos' esgrimida durante a anterior ampliación carecía de fundamento porque, nin se producíron as avalanchas por algúns vaticinadas nin a chegada de traballadores do Este prexudicou as economías europeas. Máis ben ao contrario , Bruxelas sostén que alí onde non foi limitada a entrada de man de obra procedente dos novos Estados --como foi o caso do Reino Unido e Irlanda-- o crecemento económico foi superior ao resto de países que si estableceron moratorias.
Dous comisarios, 53 deputados
Converter a Romanía e Bulgaria en membros de pleno dereito da UE terá tamén o seu reflexo nas institucións comunitarias. A partir de xaneiro o colexio de comisarios que encabeza o portugués Jose Manuel Durao Barroso, terá dous membros máis: o romanés Leonard Orban, que se encargará da carteira de Multilingüísmo, e a búlgara Meglena Kuneva, que asumirá a de Protección ao consumidor. Mentres, a Eurocámara sumará aos 732 escanos que ten actualmente, 35 eurodeputados romaneses e 18 búlgaros. Foi precisamente o Parlamento Europeo o que, ao dar a benvida aos novos socios, pediulles seguir realizando progresos para minimizar o risco de cláusulas de salvagarda. Entre outras cousas, a Cámara de Estrasburgo expresou a súa preocupación polas condicións dos centros de acollida infantís, de discapacitados e doentes mentais en Bulgaria, país ao que tamén se reclama o peche de dúas unidades da central nuclear de Kozloduy. No caso de Romanía, a Eurocámara puxo o acento nos dereitos das minorías esixindo a Bucarest a aprobación dunha lei que protexa especialmente a romanís e húngaros. "Europa medra e se alonga. Europa celebra esta ampliación", proclamou o Durao Barroso no recente cumio europea de Bruxelas durante a cal a capital europea celebrou, en ambiente festivo fronte a un enorme pastel representando o mapa da Unión Europea, a adhesión de Bulgaria e Romanía. "Benvidos a casa", dixo graficamente Durão Barroso.
Sem comentários:
Enviar um comentário