sábado, janeiro 06, 2007


A maldición do unilateralismo

Joschka Fischer

Que Estados Unidos se dera de conta de que perdeu a guerra en Iraq é tal vez o dato máis transcendental da política internacional no 2006. A era do unilateralismo norteamericano fica obxectivamente acabada. Só o futuro dirá se a política exterior estadounidense vai reflectir ou non esa realidade. Por desgraza, isto significa tamén que se perdeu unha oportunidade extraordinaria. Porque só Estados Unidos -con todo o seu poder e o seu sentido de misión- tiña a capacidade de crear un novo orde mundial a principios do século XXI. Para acadalo, tería que supeditar o seu poder ao obxectivo de construír a nova orde, tal como fixo ao rematar a II Guerra Mundial en 1945. En lugar diso, sucumbiu á tentación do unilateralismo. A grandeza nacional dunha potencia mundial nace sempre da súa capacidade de definir o mundo. Se a potencia mundial o esquece, ou perde a capacidade de actuar en consecuencia, comeza o seu declive. Resulta case tentador pensar que o gran rival de Estados Unidos na guerra fría, a Unión Soviética, deixoulle coa súa brusca desaparición -da que se cumpren 15 anos- un cabalo de Troia: o agasallo envelenado do unilateralismo. Sen un cambio fundamental na conciencia política estadounidense, a amnesia unilateralista da súa política exterior terá consecuencias de gran alcance e deixará un inmenso baleiro no sistema mundial. Ningunha outra nación -nin China, nin a Unión Europea, nin India, nin Rusia- ten ese poder e ese sentido de misión necesarios para asumir o papel de Estados Unidos. Só este país podía (e potencialmente pode aínda) aunar na súa política exterior o realismo e o idealismo, o interese e a ética. Só Estados Unidos tiña unha política exterior que se propoñía como misión a liberdade e a democracia. Non sempre foi así, nin tampouco en todas partes; desde logo, non no caso de Latinoamérica. Pero, cada vez que actuou de acordo con ese principio, a súa forza e a súa vontade de buscar a cooperación internacional impulsou unha orde cuxas institucións seguen mantendo unido o mundo. A ONU, a OTAN, o FMI e o Banco Mundial, o dereito internacional público e o dereito penal internacional e ate a Europa libre e unida de hoxe son os logros supremos da política exterior estadounidense. Sinalan uns momentos históricos nos que Estados Unidos utilizou o seu poder para impulsar unha orde mundial e, ao mesmo tempo, protexer os seus propios intereses do xeito máis eficaz e sostíbel. O afastamento desta gran tradición non comezou cos atentados terroristas do 11 de setembro de 2001. Xa nos últimos anos da guerra fría, EE UU comezara a considerar todo o sistema de tratados e institucións internacionais como un obstáculo para os seus intereses. As elites responsables da política exterior vían cada vez mais ao seu país como un Gulliver maniatado e oprimido por ananos políticos, coas súas leis internacionais, os seus tratados e as súas institucións multilaterais. Os estadounidenses empezaron por valorar menos a orde mundial que eles mesmos crearan, logo o debilitaron e, por último, atacárona deliberadamente. Así, pois, o debate actual que existe en Estados Unidos sobre as consecuencias da derrota en Iraq non é todo o profundo que debería, porque, a pesar das críticas que se fan ao poder estadounidense, segue sendo unha discusión baseada no uso unilateral do poder. Ocorre tanto coas opinións da oposición demócrata como co Informe Baker-Hamilton. O que fai falta é un regreso consciente e deliberado da política exterior estadounidense ao multilateralismo. Unha mudanza de actitude que é esencial para que melloren as cousas, porque a situación en Iraq representa, sobre todo, unha derrota da orientación unilateralista de EE UU. Oriente Próximo, Corea do Norte, Darfur, África central e oriental, o Cáucaso: en ningún destes lugares pode actuar con éxito EE UU se o fai só. Non obstante, sen EE UU e o seu poder, as perspectivas de futuro en todos eses lugares son aínda máis pesimistas: con máis perigos e con máis caos. A situación é similar con respecto ao crecemento mundial, a enerxía, a xestión dos recursos naturais, o cambio climático, o medio ambiente, a proliferación nuclear, o control de armas e o terrorismo. Ningún destes problemas pode solucionarse, nin sequera conterse, de forma unilateral. Pero ningunha solución que se intente poderá chegar moi lonxe sen Estados Unidos e a súa capacidade de dirixir con decisión. O mesmo acontece co futuro do dereito internacional, o dereito penal internacional recén creado e Nacións Unidas. Se non desenvolvemos máis estas normas e institucións, a globalización tamén será cada vez máis caótica. Madeleine Albright dixo unha vez que EE UU era "o país indispensábel". Tiña razón entón, e seguea tendo hoxe. Só hai unha potencia capaz de arrebatar o posto a Estados Unidos: Estados Unidos. O que hai que saber hoxe é se súa crise de conciencia actual significa o comezo dunha volta ao multilateralismo. Volverán os estadounidenses a recuperar o espírito de 1945 ou decidirán, a pesar da lección e da decepción, manterse no seu camiño solitario? Ningunha outra potencia pode asumir o papel de Estados Unidos no mundo nun futuro inmediato. A alternativa ao seu liderado é o baleiro e o caos crecente. Agora ben, de aquí a 10 ou 20 anos, se Washington segue rexeitando as súas responsabilidades multilaterais, é posíbel que China defina as regras. Por todo isto, os amigos de Estados Unidos non son os únicos vitalmente interesados en que regrese ao multilateralismo. Dados os perigos que representa o unilateralismo para a orde mundial actual, tamén os seus inimigos están interesados.

Sem comentários: