A crise da Europa social
Por Vicenç Navarro
A celebración dos cinco anos do euro e a expansión da Unión Europea a 27 países coincidiu coa publicación dos últimos datos do Eurobarómetro que sinala o continuo declive da popularidade de tal institución entre grandes sectores das poboacións dos países membros da Unión Europea. Tal declive presentouse xa no voto negativo á Constitución Europea nos referendos francés e holandés, que traduciron un rexeitamento para as institucións da UE que procedía primordialmente, índa que non exclusivamente, dos sectores das clases populares que se sentían máis inseguros fronte aos desenvolvementos económicos e sociais -incluíndo a súa expansión- que están ocorrendo na súa vida cotiá, e que atribúen en gran parte a políticas estimuladas ou desenvolvidas polas institucións da UE. Así, en Francia e en Holanda (onde a Constitución foi rexeitada) o 72% e o 63%, respectivamente, dos votantes da clase traballadora votaron en contra da Constitución Europea, porcentaxe de rexeitamento superior ao doutras clases sociais. O mesmo ocorreu en Luxemburgo (onde a Constitución foi aprobada), onde o 62% dos traballadores manuais que votaron o fixeron en contra da Constitución. É máis, as enquisas populares mostraron que se existisen referendos sobre a Constitución Europea en Alemaña e Dinamarca, a maioría dos seus traballadoras estaría tamén en contra de tal Constitución (61% e 72%). A xeneralización do proceso de rexeitamento por parte de sectores importantes das clases traballadoras en moitos países da Unión Europea permite a conclusión de que tal rexeitamento non debíase exclusivamente a situacións locais (como podían ser a impopularidade en Francia do presidente Chirac, por exemplo) senón a feitos xerais que están ocorrendo a nivel europeo. Entre eles existen catro que están afectando ao benestar e a calidade de vida de amplos sectores das clases traballadoras e outros compoñentes das clases populares, e que non tiveron a visibilidade mediática ou atención política que debesen, agás retoricamente. Un deles foi o desemprego, o cal medrou moi notablemente a partir de finais da década dos anos setenta e principios dos anos oitenta. Desde entón o desemprego, que fora a partir da II Guerra Mundial máis baixo en Europa que en EE UU, pasou a ter unhas taxas moito maiores que naquel continente. O desemprego converteuse en Europa nunha lacra social que afecta particularmente a algúns sectores e grupos etarios, acadando as súas máximas cotas entre os mozos, as mulleres, e os traballadores non cualificados.Outro feito con menor visibilidade mediática, pero de igual transcendencia, foi unha redistribución da renda baseada nun gran crecemento das rendas do capital e un estancamento das rendas do traballo. Un exemplo deste fenómeno xeneralizado na UE preséntase tamén en España. O beneficio neto das empresas non financeiras españolas aumentou un 25% no ano 2005, e o das grandes que cotizan en bolsa e que se inclúen no IBEX-35 foi dun 44%. Os grupos que conseguiron maior crecemento dos seus beneficios foron as empresas enerxéticas, a banca (que segundo a Asociación Española da Banca, acadou un crecemento dos beneficios de 58,8% respecto ao ano 2004) e as empresas da construción. Este crecemento dos beneficios do capital contrastou co estancamento dos salarios. O salario promedio no ano 2005 tiña practicamente a mesma capacidade adquisitiva que no 1997, habendo medrado só un 0,4% durante tal período. Esta situación reproduciuse na gran maioría de países da UE, contribuíndo a un gran crecemento das desigualdades de renda, sendo España un dos países onde tal crecemento foi maior.A terceira situación que está afectando negativamente o benestar das clases populares é a ralentización do crecemento do gasto público social por habitante. O crecemento de tal gasto na década dos anos noventa e principios dos anos 2000 foi menor na maioría de países da UE que na década dos anos oitenta. Este descenso da taxa de crecemento foi acompañado dunha diminución dos beneficios sociais nos programas que afectan en gran medida a calidade de vida dos traballadores. Así, Walter Korpi e Joachim Palme (New Politics and Class Politics in the context of Austerity and Globalization: Welfare State Regress in 18 Countries) documentaron como as taxas de substitución salarial nos seguros públicos de enfermidade, desemprego e accidente laboral diminuíron na maioría de países da UE.Todos estes feitos son, en parte, consecuencia das políticas públicas levadas a cabo nestes países co estímulo, cando non o mandato, da Comisión Europea. Estas políticas incluíron a redución do gasto público (estimulado indirectamente polo Pacto de Estabilidade), a redución dos impostos (que beneficiaron aos grupos máis podentes da poboación), a redución da protección social con diminución dos beneficios sociais, a desregulación dos mercados laborais e un mantemento por parte do Banco Central Europeo duns xuros bancarios máis altos do que se necesitaría para manter unha baixa inflación. Estas políticas traducen o consenso de Bruxelas, e reproducen a sabedoría convencional que se presenta nos establishments económicos e financeiros europeos, e que está creando unha enorme crise da Europa Social, causa do rexeitamento por amplos sectores das clases populares e moi en particular das súas clases traballadoras ás institucións da UE, que se consideran responsables de seu crecente inseguridade, a cal é un caldo de cultivo para movementos antisistema con contidos racistas antiinmigrantes. Non é racista o máis ignorante senón o máis inseguro e hai hoxe moita inseguridade nos mercados laborais europeos, inseguridade que se percibe (por amplos sectores das clases populares) exacerbada pola continua expansión, xeradora de man de obra barata que compite por un número limitado de postos de traballo.
Sem comentários:
Enviar um comentário