terça-feira, janeiro 02, 2007


Alemaña centrará a súa Presidencia no impulso da Constitución Europea

A política enerxética e de medio ambiente tamén estarán na axenda de Berlín.

O Goberno de Angela Merkel centrará a súa Presidencia da Unión Europea, que comezou o 1 de xaneiro, na modernización económica, social e ecolóxica da UE, pero ante todo, tentará impulsar o proxecto constitucional. Alemaña ten preparada unha ampla axenda para a súa Presidencia da UE e os países membros depositaron grandes expectativas nun país que é plenamente consciente da súa enorme responsabilidade. Tanto Merkel, como o ministro de Asuntos Exteriores, Frank Walter Steinmeier, reiteraron en numerosas ocasións que a Unión Europea e os seus 27 países membros necesitan con urxencia unha Constitución para preservar os logros acadados en todos estes anos e afrontar os retos de futuro. Para iso, Alemaña, que se mostra remisa a unha modificación do texto constitucional, quere presentar no cumio que pechará a súa presidencia de turno en xuño un calendario que impulse a Constitución e facilite a posibilidade de que esta saia á luz antes dos próximos comicios europeos de 2009. Merkel asegurou que o país actuará como "mediador" entre os distintos estados para acadar un acordo e, se ben o gabinete de Goberno prometeu que fará "todo o posíbel" para sacar adiante a Constitución, o certo é que tamén dixo que só o lograran "se aunamos nosos esforzos" porque "a situación de partida non é fácil". Esa parece ser unha das claves de Alemaña, que incluso titulou así o eslogan da súa Presidencia: "Europa gelingt zusammen", o que viría a dicir que Europa poderá funcionar e ter éxito só de se manter unida.
Enerxía ecolóxica e segura.
Outra das prioridades máximas na densa axenda da Presidencia alemá é crear unha política enerxética común e garantir un "abastecemento enerxético ecolóxico e seguro", sobre todo diante dos elevados prezos da electricidade e a enerxía e a escaseza e precariedade dos recursos naturais no planeta. Ademais, iniciará conversacións para lograr unha redución de emisións de CO2 e combater o cambio climático na Terra. Xunto a iso, Alemaña traballará contra o terrorismo internacional e o crime organizado, a defensa da paz e a democracia no mundo. Sobre estes piares baseara tamén as súas relacións exteriores. "A meta é estender o modelo europeo de seguridade e estabilidade ás rexións veciñas", dixo Steinmeier. De aí o seu compromiso cos Balcáns e a forte vixilancia do proceso de establecemento do estatus definitivo de Kosovo. Tamén serán claves a rexión mediterránea e Rusia. Alemaña está a favor de principiar as negociacións para un novo acordo de asociación con Rusia que dedique un capítulo prioritario ás cuestións enerxéticas, mais para iso terá que superar o actual veto de Polonia, que esixe que Moscova levante a prohibición sobre a carne polaca. A subministración de Rusia cobre o 30% das necesidades de hidrocarburos de Alemaña e o 25% das europeas, algo que fai do país do Este de Europa un aliado imprescindíbel para os membros da UE. O discutido proxecto do gaseoducto polo mar Báltico que suministrará a Alemaña a partir de 2008 é a mellor proba de que Berlín é partidario das relacións con Moscova. Asia Central e África serán outros territorios sobre os que a Presidencia alemá fixará con frecuencia a súa atención durante o primeiro semestre de 2007 e os seus intentos para lograr a paz en Medio Oriente non cesarán, prometeu a chanceler alemá. "A paz e a estabilidade seguen sendo a base do proceso de integración europeo", dixo Merkel, quen ten a intención de apoiarse nos seus socios da UE e do Cuarteto co fin de buscar saídas que fagan viábel unha solución global ao conflito no Medio Oriente garantindo a seguridade e o recoñecemento de Israel e da ANP.
No que fai á ampliación da UE, Merkel subliñou que nos países membros non hai un "cansazo do proceso de ampliación", e que "a comunidade segue aberta a novos estados", mais certo é que "é preciso contemplar de xeito máis intenso as capacidades de integración da Unión Europea".
Merkel, en contra do ingreso de Turquía
De todos é sabido que Merkel é remisa á posíbel adhesión de Turquía á UE, e amósase máis partidaria dunha "relación estratéxica" con ese país e está a favor da suspensión da apertura de oito dos 35 capítulos de negociación. Steinmeier, pola súa banda, anunciou en Bruxelas que a Presidencia alemá tentará abrir entre dous e catro dos capítulos non suspendidos. Por outra parte, nos seis primeiros meses de 2007 o novo presidente europeo prometeu traballar para mellorar o crecemento económico e o emprego na UE. Para logralo se propuxo un maior investimento en educación e investigación nos distintos estados membros, mais tamén unha política activa en materia de comercio exterior. Con este fin terán lugar cumios con Canadá, os Estados Unidos e Xapón, así como as negociacións sobre un acordo marco UE-China. Por último, Alemaña, Portugal e Eslovenia, estados que exercerán a Presidencia europea de turno durante os vindeiros 18 meses, deseñaron unha "presidencia tripartita", polo que moito do que Alemaña poña en marcha o próximo semestre, terminará sendo efectivizado por Portugal e Eslovenia.

Sem comentários: