Por Joe Linehan
Así rezaba o titular dun artigo do matutino británico “The Guardian”. Baseándose en dúas enquisas entre a poboación escocesa, o veterano xornalista inglés Simon Jenkins argumentaba que o estado de Europa hoxe día é o de emerxentes e modernas nacións sen Estado que están gañando o pulso, con argumentos coherentes e democráticos, aos trasnoitados estados-nacións da vella Europa. As enquisas indicaban que o apoio a unha Escocia independente chegou ao 52% do electorado e que, nos últimos 25 anos quen se ven como Scottish pasaron da metade ao 75%, mentres que quen responden British reducíronse a un 20% a metade que hai un cuarto de século. O argumento central a favor de que unha nación consiga a súa independencia, separándose dos seus veciños, é que pode mellorar os beneficios materiais da cidadanía proveitos económicos e sociais e, ao ter un acceso máis directo aos seus representativos electos, tamén vantaxes políticas. No caso de Escocia, a independencia suporía un goberno socialdemócrata de esquerdas o cal daría máis oportunidades para frear o avance do neoliberalismo rampante no actual Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte; suporía un parlamento que traballase a favor da paz (non de guerras como a de Iraq) e o fin da base de submarinos equipados con mísiles nucleares Trident (situado lonxe das urbanizacións inglesas), entre outros avances. E, estas vantaxes sen ter a escusa de culpar aos males á metrópole de «Londres». Para a clase política británica a situación é preocupante. Non poden recorrer nin á loita armada nin ao «terrorismo» como a escusa que a chaira maior do Goberno británico viaxou a Escocia en novembro coma se fóra, segundo Simon Jenkins, «unha pandilla de fidalgos españois apurándose en saír da libertinaxe de Madrid para acorar unha rebelión nas súas provincias». O obxectivo da reunión era frear o éxito do Partido Nacionalista Escocés, liderado por Alex Salmond, antes dos comicios de maio deste ano. Efectivamente, para o Goberno laborista hai que evitar que xurda un estado independente no norte do Reino Unido, o cal conlevaría a perda duns 50 escanos e do poder no Parlamento en Londres. Segundo o xornalista inglés, «calquera conato de autonomía está considerado, por parte dos reaccionarios británicos, como unha insubordinación por parte de xente que non coñece os seus propios intereses». É máis, en canto ao «territorio nacional», os paternalistas británicos (a maioría ingleses) creen, segundo Jenkins, que «o grande é fermoso se é británico (...) o pensamento único actual sostén que calquera escocés, galés, norirlandés ou, de feito, iraquí ou afgano ten que estar mellor sob a soberanía benigna de Londres. En Westminster o imperialismo segue sendo o seu modus operandi por defecto». Duras palabras procedentes dun dos decanos do xornalismo británico. «A autodeterminación é a nova política» di este columnista do “The Guardian” citando a Irlanda, Eslovaquia e os estados bálticos como estados que se beneficiaron coa súa independencia. Ademais, critica a hipocrisía do Goberno británico por estar a favor da autodeterminación para todos os demais, «chegando incluso a imporlla á antigua Iugoslavia e a Iraq e Kurdistán». E Jenkins conclúe con esta consideración: «Se os escoceses queren revogar a Lei de 1707, os británicos non poden opoñerse. A historia do último cuarto de século é que un estado non ten lexitimidade sen o consentimento dos seus territorios minoritarios (...) No debate, o poder sempre será centrípeto e a democracia sempre centrífuga. Eu prefiro a democracia».
2 comentários:
Velaí un bó exemplo para os que índa cren que a autodeterminación chegará mediante a violencia. Esa idea non só é rexeitable de raíz, senón incluso anacrónica. Vaino conseguir antes Escocia por medios pacíficos que o que o consigueu Irlanda (e non toda) ou o consiguerá Euskadi.
Agardo que se cumpram estes agoiros. Um proceso de autodeterminaçom democrático dentro da UE seria a dia de hoje a melhor nova possível para os independentistas galegos, e deixaria sem argumentos aos que afirmam que tal cousa é um disparate ilegal e impossível.
De todos os jeitos, Iago, hai que admitir que Irlanda leva quase 90 anos de independência de facto (ou quando menos a meirande parte da ilha) e nom o teria conseguido, desgraciadamente, sem a violência (despois de séculos de loita, os británicos só aceitaram dialogar quando o IRA puxo um lote de mortos na mesa e lhes meteu o medo no corpo).
Agora parece estar a piques de chegar a independência de Escócia, mais se o tema se enfria e passam uns anos sem avanços, pode voltar enfriar-se o tema... ogalhá nom seja assi e pronto esteamos tomando um bom whiskey de malta para celebrá-lo.
Enviar um comentário