segunda-feira, janeiro 08, 2007



A Europa dunha velocidade

Por Francisco Agenjo

Sempre se falou de que existen dúas Europas dentro da UE, a Europa das dúas velocidades. En realidade, e como pon de manifesto o acelerado e cambiante contexto internacional, existe só unha velocidade para Europa: excesivamente lenta. Nun mundo en constante cambio, que pon obstáculos e oportunidades por igual no camiño de individuos, nacións, empresas e institucións, os cambios estanse producindo a unha velocidade pasmosa. En cuestión de anos, unha nación como a chinesa convértese no terceiro país máis poderoso economicamente do mundo, ao tempo que lanza astronautas (taikonautas) superando á Unión Europea. Estados Unidos lanza unha doutrina unilateral da súa visión do mundo, para adaptala ás reaccións en menos de dous anos, mentres que Europa nese tempo non conseguiu desbloquear o debate da súa Constitución. Antes de darnos de conta, mentres aquí debatemos por fronteiras, independencias vas e fatuas, levando a política a un estancamento nada práctico, USA anuncia unha nova doutrina espacial destinada a acaparar os recursos do espazo para eles, e negárllos aos seus rivais. Corea do Norte posúe armas nucleares, e Irán está en camiño de telas. Rusia ameaza por segundo ano consecutivo a súas ex repúblicas con cortes que afectarán a Europa, e mentres un movemento político antioccidental érguese nos países islámicos e en Latinoamérica. O Cambio Climático xa só é negado polas empresas que serían prexudicadas polas solucións que deberían impulsarse para palialo, e polos científicos a soldo delas. A extinción de especies é mil veces máis rápida có ritmo natural, e Alaska, o Ártico, Groenlandia, o Amazonas e a Antártida tópanse en grave perigo de desaparecer, coas irremisibles consecuencias que tería. E mentres, en Europa segue embulleirada en diálogos, debates, burocracias, directivas e políticas de varios niveis. Eu sempre vin a Europa como un faro no mundo. Un territorio de razón, mais tamén de sentimento, un lugar de progreso, mais tamén de respecto ambiental, unha fonte de innovación, mais cun profundo sentido da Historia, con maiúscula. E así segue sendo. Pero se queremos que siga así, debemos mirar ao futuro, non só centrarnos no presente, e darnos de conta dos terribles desafíos, e as magníficas oportunidades que xórden ao paso. Os modelos anteriores, que garantiron o Estado do Benestar, o maior tesouro dos europeos, non serven para sostelo, e moito menos para amplialo, como é a nosa obriga igual que fixeron os nosos pais. O mundo está mudando a tal velocidade que as políticas de integración que seguimos ate agora, as economías de escala derivadas dela, xa non garanten prosperidade económica. A seguridade xurídica e legal, que atrae investimento e crecemento, vese empecida por directivas onerosas de cumprir, o que se une ao grave problema que a industria está topando na deslocalización. Aferrarnos a unha agricultura proteccionista, pechar fronteiras, fomentar unicamente a construción, provocarán en breve unha perda de competitividade que porá en perigo o Estado do Benestar. O Estado, os estados europeos, as institucións nacionais, comunitarias e locais, deben recoller a luva, e preparar a Europa para poder aproveitar as oportunidades e sortear os obstáculos que o mundo poña no camiño deste “Novo estado” que estamos construíndo. E debemos facelo de varias formas. Respectando o que somos, e o que fomos, pero sabendo o que queremos ser. Colaborando cos nosos aliados, e tendendo a man a quen non se considere como tal, pero que, no fondo, perseguen os mesmos fins que nós. A erradicación da pobreza, a estabilidade mundial, o plurilateralismo e o “fin de todos os medos”.Debemos comprender, cada un de nós como europeos, e como cidadáns do mundo, que para mellorar este mundo debemos mellorar a nosa propia casa. Non podemos axudar aos demais se non podemos axudarnos a nós. Imaxínanse que pasaría se de verdade Europa fose a primeira potencia mundial, e enfocase a súa riqueza, os seus coñecementos e súas esforzos a crear unha verdadeira Paz Mundial? Sería posíbel ver unha Pax Europea que se estendese en todas as áreas de influencia da UE, baseada na cooperación, a igualdade, o crecemento, o respecto cultura e medioambiental? Para ser esa potencia, ou unha delas (non esquezamos que nos estamos quedando atrás e Europa cada vez ten menos que dicir no contexto internacional), debemos ter claro como conseguilo. Ese camiño non pasa por protexer a agricultura, nin pola minería, nin sequera pola industria. Se debemos asegurar a creación de riqueza, o auxe dunha influencia benigna e ben entendida no mundo, e programas de erradicación da pobreza e de corrección dos problemas que causará o Cambio climático, debemos facelo creando unha economía e uns estados modernos, áxiles e preparados. Apostando por economías baseadas no coñecemento, na innovación e a ciencia, non en man de obra barata, nin en enerxías fósiles (a pesar das presións da industria petroleira e enerxética, e da enorme inercia que levamos).Porque non nos enganemos, se existe unha fonte de riqueza que vai cambiar o mundo, e pode salvalo (ou destruílo) é a ciencia e a tecnoloxía. Xa non se pode falar dunha volta ao básico, ao natural, sen mirar aos dous ou tres mil millóns de persoas que en China, India e outros países emerxentes, que queren iso mesmo que temos nós, con todo o dereito do mundo. A incorporación de tres mil millóns de consumidores aos circuítos de comercio, consumo e produción mundiais terminará por destruír o noso planeta, pero antes, deixará a Europa fóra de xogo a menos que nos preparemos para estar á altura. Relegar o noso papel a un mercado interior é imposíbel, reducir a nosa influencia exterior é un suicidio. O Estado debe modernizarse para, sen perder o seu poder, favorecer os cambios industriais, innovadores, científicos e medioambientais que marquen un camiño para Europa. E iso pasa por facer as cousas con maior rapidez, con máis seguridade de procesos clave, aproveitando o inxente capital humano e tecnolóxico que posuímos, así como os recursos que fomos acumulando durante anos, e que, de seguir consumindo como o facemos agora, se esgotarán, como esgotouse a riqueza e o poder de Roma. Europa é boa en telecomunicacións, en industria aeroespacial, en física e química, pero debemos abrir as portas a novas ciencias ao tempo que reforzamos aquelas nos que somos líderes ou estamos en cabeza. Podemos permitirnos perder o tren da nanotecnoloxía, da biotecnoloxía, da intelixencia artificial, da robótica, das enerxías renovables? Contestade unha soa vez que si podemos darnos ese luxo, e estaremos poñendo un cravo no cadaleito do Estado do Benestar. Non se trata de ser os mellores en todo, oxalá, pero si se trata de ser bos en cada área, e descubrir onde somos os mellores, topar as nosas vantaxes competitivas como nacións, como área económica e como Estado supranacional. E desenvolvelas. Repito, recalco máis ben, que iso pasa por comezar desde hoxe mesmo (e xa chegamos tarde) a potenciar a rapidez na tomar unha decisións, a desenvolver os nosos centros científicos, a mellorar a innovación das nosas universidades e empresas, a garantir o bo termino dos nosos proxectos comúns, e a mirar os novos horizontes científicos, económicos e sociais que abran as portas que Europa sexa o que ten que ser. Un punto de referencia mundial que non poida ser deixado de lado á hora de construír un mundo máis xusto, máis sostíbel e máis rico.

Sem comentários: