Os pais dunha Europa xa cincuentona
Por Antonio Campos Romay
Certamente é difícil non sentir, con visión de hoxe, unha certa nostalxia cando evocamos nomes de líderes políticos como Adenauer, Schuman, Jean Monnet, De Gasperi, ou o noso D. Salvador de Madariaga. Uns homes que dende as ruínas dunha Europa ferida material e moralmente foron quen de soñar outros vieiros para unha andaina común dos enfrontados. Dende o tratado de París en 1951 ate 1957 -data do Tratado de Roma, que agora cumpre os seus primeiros cincuenta anos-, paseniñamente aqueles homes, entre outros, foron que de enfiar unha tarefa, Europa, que non ía ser traballo dun día, senón laboriosa, tributaria de diversas etapas, non doadas, e aínda hoxe lonxe de culminarse.Falar de Jean Monnet é lembrar, por exemplo, o seu "Plan Monnet", encargado polo xeneral De Gaulle para a reconstrución e modernización da Francia da posguerra, asociando no proceso a todas as forzas vivas do país. El concibe a primeira Comunidade Europea, a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA) que presidirá dende 1952 a 1955.
Loita por achegar pobos que secularmente se enfrontaron de xeito funesto. Pai fundador da Comunidade Europea dende o Tratado de Roma en 1957, contribúe a transformar o soño dunha Europa espazo de liberdade, prosperidade e paz, en realidade. Unha frase súa reflicte non só o seu compromiso senón tamén o seu pensamento: "Non unificamos Estados, unimos homes. Europa non se fará de golpe, nin cunha construción de conxunto, farase a través de realizacións concretas creando primeiramente e, ante todo, unha solidariedade de feito. Os homes só aceptan os cambios por necesidade, e non albiscan a necesidade máis que na crise. Non coñezo outras regras que as de estar convencido e convencer".Schuman, un luxemburgués vítima da Gestapo, é, tras unha longa carreira política, e o autor, en maio de 1950, da Declaración Schuman apoiando o traballo de Monnet na CECA, esgrimindo a tríade "reconciliación, solidariedade, paz". Morre no mes de setembro de 1963, deixándonos unha fermosa reflexión: "As duras leccións da historia ensináronme o home de fronteira que son, que cómpre non fiarse das arroutadas, de proxectos ambiciosos en demasía.
Tamén ensinoume que cando un obxectivo foi madurado e reflexionado, baseado na realidade dos feitos e o interese superior dos homes conducíndonos a iniciativas novas, mesmo revolucionarias, leva consigo -mesmo se racha a orde establecida, os antagonismos seculares e as antigas rutinas-, a facernos permanecer de xeito máis firme e a perseverar". Robert Schuman presidiu o Parlamento Europeo dende 1958 a 1960.Alcide de Gasperi, diante da dramática realidade europa que lle tocou vivir no persoal e no colectivo, entendía a necesaria unión dos europeos como"constituír esta solidariedade da razón e do sentimento, da fraternidade e da xustiza, e insuflar á unidade europea o espírito heroico da liberdade e do sacrificio que de sempre foron as da decisión nos grandes momentos da historia. Isto o di Gasperi, que naceu baixo a esfera do imperio austrohúngaro que ocupa o seu Trento natal.
Perseguido polos fascistas, liderará a Democracia Cristiá italiana presidindo moitos dos seus gobernos e sendo ministro noutros. Con Adenauer e Schuman puiría as primeiras pedras dos cimentos dunha nova Europa. Pouco antes do seu óbito será o primeiro presidente da Asemblea Parlamentaria da CECA. "O meu obxectivo é soñar que día poidamos aplaudir os Estados Unidos de Europa. Se os intereses son comúns, se non nos consideramos escravos, entón o achegamento cultural, persoal e político desenvolverase de modo normal e poderemos, a longo prazo, asegurar a paz en toda Europa occidental". Así se expresaba este alemán, Konrad Adenauer, que comeza a súa carreira política na República de Weimar, onde foi alcalde da súa cidade natal, Colonia. Os encontros que organiza entre intelectuais e universitarios católicos galos e xermanos ilustran o espírito de reconciliación e a vontade de reunificación que o animan. Os nazis o deteñen varias veces, véndose obrigado a abandonar Colonia. No remate da guerra, xa con 70 anos, afiliase a un por entón pequeno partido, a C.D.U., "Unión Democrática Cristiá".
O 15 de setembro de 1949 o Parlamento federal alemán nomeouno Chanceler de nova República Federal Alemana. Os seus 14 anos de mandato serán un permanente compromiso pola construción europea. Nos seus discursos evoca a idea dos E.E.U.U. de Europa, soñada por Víctor Hugo, facendo fincapé en que a unión de intereses económicos debería conducir a unha unión política. O socialista belga Spaak, dende 1941, foi un dos iniciadores da unión aduaneira que daría pé en 1944 ao BENELUX. Spaak, xefe de Goberno e ministro en Bélxica en sucesivas ocasións, dirixiu a Comisión de Expertos que estudou a formación da Comunidade Económica Europea e asinou o Tratado de Roma. Foi o primeiro presidente da Asemblea Xeral das Nacións Unidas (1945), presidente do Consello Europeo de Recuperación, e Secretario Xeral da OTAN. Dende todos os seus postos loitou pola unificación política e económica de Europa, manifestándose como un defensor convencido da "Europa Supranacional", é dicir, unha Europa organizada de tal xeito que as discusións tan fondas como sexa posíbel teñan lugar e que logo se tome unha decisión que obedeza a unha maioría para evitar os enfrontamentos e os puntos mortos. Dicía o noso paisano D. Salvador de Madariaga que Europa é un corpo, e unha alma tamén, mais non é aínda unha conciencia. Nado na Coruña, educado en Francia e cun peso profundo da cultura e a política británica sobre si, ingresou na secretaría da Sociedade de Nacións en 1921. Tralo ano 1931 foi embaixador da República Española en Washington e delegado de España diante do Consello da Sociedade das Nacións, na que foi membro da Comisión de Artes e Letras. Logo representou á República en París e pouco despois foi enviado novamente a Xenebra, onde presidiu o Comité dos Trece, ate xullo de 1936. Durante a guerra civil permaneceu exiliado en Inglaterra, e na década dos sesenta compartiu o liderado da oposición ao franquismo. Regresa logo da morte de Franco e volve ocupar o cadeira de brazos da Real Academia Española que lle pertencía dende 1936. Madariaga, espléndido intelectual, literato e ensaísta prolífico, aínda que pola súa acción directa non teña sinalado a súa presenza executiva nos albores da Europa que nace, cómpre lembralo non só no seu aspecto de hispanista distinguido senón como o máis devanceiro europeísta que aporta Galicia e España en termos teóricos, nuns momentos de atonía e escuridade absoluta no noso Estado.Hoxe a Unión Europea, xa configurada como unha realidade económica e política, aínda pendurándolle flocos non pequenos, é o feito máis prodixioso da nosa dilatada historia. Vales interminábeis de estelas funerarias testemuñan unha Europa de tradición sanguenta, mal convivida en fronteiras ficticias e ambicións innobres. Debuxada polo capricho de reis, repartos míseros ou rachada en enfrontamentos relixiosos. Como último corolario, a paranoia nazi-fascista deixounos a lembranza macabra do seu holocausto.Hoxe unha Europa de nacións cada vez máis difusas, con vocación de estado de territorios naturais e ao tempo de proximidade, debrúzase como un escenario de cohesión. Cunha anfitriona vertebradora de creatividade, cultura, paz e harmonía. De desenvolvemento político e tamén económico e estrutural. E, dende logo, como exemplo útil á comunidade mundial, fronte a outras propostas en canto a modelo de vida e convivencia.
Sem comentários:
Enviar um comentário