Europa, antisemita ou deslembrada?
Por Joan B. Culla i Clara
Pódese criticar a política do Goberno israelí -do actual, do anterior ou do próximo- sen ser acusado de antisemita? A pregunta, moi presente no debate público francés desde hai anos, adquiriu renovada actualidade á luz dos resultados do último Eurobarómetro, segundo os cales o 69% dos cidadáns da Unión Europea considera a Israel a maior ameaza para a paz mundial. Esa pregunta, en todo caso, é meramente retórica, porque resulta evidente que si, que se pode e que se debe; confírmano a diario a oposición política israelí -consagrada, como en calquera democracia, a criticar a xestión gobernamental e ao contraporlle alternativas-, algúns dos máis prestixiosos órganos de prensa daquel país (Haaretz, por exemplo) e grandes periódicos internacionais aos que non cabe acusar antisemitismo algún, como The New York Times.
Cuestión distinta é se tales críticas fustigan actuacións concretas dun goberno concreto -algún deu motivos abondosos para iso- ou, segundo acontece a miúdo, deslizanse para a condena xenérica e a execración moral da "política israelí" coma un todo global e permanente. Porque hai neste caso unha singularidade que non pode ser ignorada: por feroz e estridente que sexa, ningunha crítica contra o "imperialismo norteamericano" pon en cuestión a lexitimidade de Estados Unidos como país, nin o seu dereito a seguir existindo; por despótica e sanguenta que se considere a política de Vladimir Putin, iso non leva a ninguén a cuestionar a identidade rusa nin a suxerir a súa erradicación. Cando se analiza e se opina sobre Israel, en cambio os confíns entre a crítica contra o Goberno e a deslexitimación do Estado son moito máis sutís e borrosos; tanto ou máis que a distinción entre o israelí e o xudeu.
Estou, con estas reflexións suxerindo para Israel un trato de favor informativo, ou algunha clase de autocensura nas críticas? Non, en absoluto. O que digo é que, como en calquera outro problema internacional de magnitude comparábel, a visión que os medios ofrecen del á cidadanía debería ser complexa, plural e matizada. En cambio, o conflito israelo-palestino é, desde hai moitos anos, pasto predilecto da simplificación e da caricatura. Da caricatura en sentido metafórico, e tamén en sentido literal: cóntanse por centos, e piden a berros un estudo rigoroso, as viñetas e os chistes gráficos que a prensa española publicou sobre ese asunto, polo menos a partir do estoupido da primeira intifada: debuxos de tanques e soldados xudeus esmagando a palestinos indefensos, nunca de civís israelís despedazados nun autobús ou un restaurante; imaxes e textos nos que Sharon era comparado con Hitler, Stalin, Himmler, Franco, Pinochet...
Mais o problema non é nin sequera a flagrante parcialidade desas pezas de opinión, moito máis potentes cós sesudos artigos de fondo. O problema é previo: cantas viñetas; cantos chistes lembran vostedes acerca das matanzas interétnicas en Ruanda e Burundi, da guerra civil en Arxelia, dos devastadores conflitos internos en Liberia, en Sierra Leona, no Congo, en Darfur, en...? Practicamente ningún, porque esas son crises demasiado complicadas para resumilas en catro trazos de lapis; ademais vaia vostede a saber quen ten aí a razón, se os hutus ou os tutsis, se os guerrilleiros islamistas ou o réxime de Arxel...!
Co Próximo Oriente, en cambio, todo é máis fácil e cómodo: as vítimas sempre a unha banda, os verdugos ao outro. Non cabe, pois, sorpresa algunha diante do resultado da enquisa do Eurobarómetro: 6 de cada 10 europeos opinan que Israel representa o principal perigo para a paz mundial: máis perigo que o absolutismo comunista norcoreano, máis que os xogos de guerra nuclear a que gustan entregarse India e Paquistán, máis que a bomba demográfico-política iraniano, incluso máis que o belicismo da hiperpotencia norteamericana. Por que?. Por unha banda porque, mentres non vimos xamais unha imaxe non oficial do reino de Kin Jong II, mentres non somos capaces de imaxinar un apocalipse por Cachemira, mentres moitos aínda creen que os ayatolás derrubaron ao Shá proamericano, Europa cea todas as noites vendo a crónica minuciosa -e a miúdo sesgada- do ocorrido aquel día nese minúsculo recuncho do globo chamado Israel-Palestina. Hipertrofia ou desproporción na cobertura informativa, polo tanto, e tamén o decantamento masivo e maniqueo dos creadores de opinión europeos a favor dun dos bandos e en contra doutro. Se un estadista tan experimentado e serio como Mario Soares é capaz de describir -no xornal La Vanguardia- o polémico muro de seguridade israelí como "un proxecto de verdadeiro exterminio", que poden contestar os cidadáns comúns á famosa enquisa?. Significa iso que o 69% dos europeos son antisemitas? Creo que non, pero o antisemitismo europeo está aí; sería inxenuo pensar que un prexuízo bimilenario desaparece en 50 anos, e máis inxenuo aínda confundir o repliegue ou a hibernación coa morte.
Ultimamente, a xudeofobia tense desperezado e desacomplexado, e xa pode atopala non só nos predios marxinais da extrema esquerda ou da extrema dereita, senón na boca dun respetable deputado alemán, ou no brazo dun non menos respetable deputado polaco. E ben, é de sentido común sospeitar que ese odio ancestral e latente topa hoxe na demonización de Israel un desaugadoiro ideal: á moda e, ademais, progre. Se Europa -a institucional, a política, a mediática- desdeña tomar conciencia deses perigos, non só si estará autoexcluíndo de calquera papel mediador entre árabes e israelís; o máis grave é que estará esquecendo a súa responsabilidade histórica no caso, porque o sionismo e Israel son, ante todo, efectos da xudeofobia europea, a partir dos antidreyfusards franceses ate os nazis alemáns.
Sem comentários:
Enviar um comentário