quinta-feira, março 22, 2007


A FANTASÍA POLONESA
Por Josep Carles Laínez

A ignorancia conduce á barbarie. Alguén tería de explicarllo ó goberno polaco, ó seu presidente, ós seus ministros, ós seus asesores e ós seus votantes. Tamén debería comunicarllo ó resto de gobernos europeos, pois tal vez Polonia non merece continuar dentro da Unión Europea se sigue os seus pasos na persecución penal da homosexualidade. Os motivos de tal afirmación son varios e obxectivos (o atentado contra os dereitos humanos e a igualdade esencial das persoas, a política de apartheid sexual que comeza, a posibilidade dunha escalada da violencia contra membros do colectivo GLBT, a legalización da discriminación…), ademais de intolerables para unha sociedade democrática. Non obstante, á parte da perplexidade que produce, e a mobilización á cal chama, non podo desligar de ver ese proxecto de lei, a finalidade do cal é perseguir a quen defenda ou trate da homosexualidade nas institucións académicas do país eslavo, coma exemplo patético de analfabetismo, dun ridículo absoluto.

Guste ou non, a cultura europea máis prístina (aínda que sexa no sentido etimolóxico do adxectivo) susténtase na homosexualidade. Se ben o antropólogo Alberto Cardín divulgou no Estado español, e en imprescindibles estudios, a extensión de comportamentos homo(eróticos/sexuais/fílicos) en tódolos pobos da terra, é en Europa onde adquiriu unha aura lendaria. O vínculo entre Aquiles e Patroclo é fundacional da nosa cultura, ó igual que o Banquete de Platón ou a fascinación de Sócrates polos rapazos. Alexandro Magno e Hefestión non xugaban ós acochos entre as sabas, senón que se amaban coa forza e a paixón de dous guerreiros. E de Leónidas e os seus espartanos, a disciplina militar se regaba coa emulación do masculino, e co sexo carne contra carne. ¡Que tempos aqueles, tan distantes, onde o exército se fundamentaba no vencello amoroso entre os homes!; pero que triste agora que os polacos (e moitos non polacos) non poidan comprendelo. Grecia deunos o mito; Roma, máis tarde, proporcionaríanos unha fascinante bisexualidade: Catulo, Xulio César, Propercio, Virxilio, Marcial, Tibulo… nomes básicos do noso percorrido pola historia, da nosa tradición irrenunciable.

¿Quizáis é este o coñecemento sobre o cal quere o goberno polaco facer calar a quen o expoña? ¿Cómo será posible tratar de Grecia e de Roma sen se referir á homosexualidade (tan normal, tan pura) inherente a elas? ¿E con que dereito silencia? ¿Co do conservadorismo relixioso? Se é así (cousa non inverosímil cando o derradeiro bispo de Roma foi polaco), demostran ademáis non ter nin remota idea de moral cristiá. Son exemplos desgastados, seilo, mais que expliquen a relación entre o rei David e Xonatan, por ficar no Antigo Testamento, ou que digan ónde condena Xesús as relacións amorosas entre homes (pero que non falen de Pablo, por favor, ese Joseph Smith da Antigüidade autoproclamado apóstolo). Se o cristianismo ensina o amor e a comprensión, estes gobernantes polacos resulta que tampouco son cristianos. ¿Que son, daquela?

Un perigo. Cando Jörg Haider conseguiu formar parte do goberno austríaco, a Unión Europea pechou filas e estivo á espera ante eventuais “desviacións”. O caso arestora é semellante e non admite atrasos. Está en xogo a credibilidade democrática da UE, o respecto á tradición europea (greco-romana ou cristiá), e a liberdade e os dereitos esenciais dos seres humanos que conformamos Europa. Non é pouco.

Sem comentários: