domingo, março 25, 2007

Nós, os europeos

Nin Jean Monnet, nin ningún dos pais fundadores de Europa podían chegar a soñar co que hoxe temos. Ao asinar hai 50 anos o Tratado de Roma, os seis países comprometidos na creación daquel mercado común pensaban só, e xa era entón moito, en crear un espazo comercial e económico. Á vista do alcanzado, chegamos moito máis lonxe do que marcaban entón as súas ambicións. O proceso foi moi difícil, sementado de conflitos e de compromisos entre posicións enfrontadas. A Unión Europea fíxose de crise en crise, ate a mesma parálise actual, xurdida do descarrilamento da Constitución nos referendos francés e holandés. Mais hoxe podemos dicir con orgullo "Nós, os europeos", con sentido de pertenenza e identificación e preservando á vez a nosa rica diversidade.
É un percorrido que supuxo que o Vello Continente, por vez primeira na súa longa historia, se unificase en paz, compartindo soberanía, e non pola imposición das armas. Son de lamentar as diferenzas sobre o camiño a seguir a partir de agora, ate o punto de que a declaración que onte saiu do cumio en Berlín non será subscrita polos 27 socios, senón polas presidencias das tres institucións (Consello, Comisión e Parlamento) ante a oposición de checos e polacos. Sairá ademais descafeinada e sen as palabras solemnes propostas pola presidencia alemana, "Nós, os pobos europeos", porque soaban demasiado constitucional e federal. Lamentabelmente, á declaración de Berlín faltaralle o mesmo calor e entusiasmo que nos falta agora mesmo aos europeos. Recolleranse traxectorias e valores comúns, pero se obvia a palabra "Constitución", pois incomoda a británicos, polacos e holandeses, e porque se está impoñendo a idea de que o Tratado Constitucional non poderá ser rescatado como tal, polo que hai que salvar todo o que se poida. Todos sen excepción se beneficiaron desta aventura común que creou a maior área de prosperidade e democracia do mundo, sen que ningún dos seus socios perdese por iso a súa identidade na integración, senón, pola contra, engadindo unha nova e máis rica dimensión. A UE é unha construción incompleta, pero práctica e eficaz, no dereito e nas "solidariedades de feito". Atrás fican as veleidades coloniais ou belicistas. Europa é hoxe un modelo de sociedade, de valores e de integración. Non un polo de forza que dea medo a ninguén, senón de paz, prosperidade e estabilidade, presente en operacións de paz nos Balcáns, en Líbano, no Congo e en Afganistán, algo imposíbel hai tan só 10 anos. Un dos maiores éxitos da UE foi o proceso de ampliación, acompañado sempre de máis integración.
Menos esta vez, tralo ingreso de 12 novos membros, 10 dos cales quedaran atrapados durante máis de 40 anos alén do telón de aceiro. Algúns deles chegaron cargados de euroescepticismo e desexos de preservar unha caduca soberanía recentemente recuperada. Cambiarán e necesitarán axuda para facelo. Ou doutro xeito quedarán descolgados dos que querrán avanzar máis nunha Europa de varias velocidades. Facendo da necesidade virtude, poida que ate esta pausa obrigada na integración sirva para recuperar as raíces. Os máis novos que naceron xa europeos poden considerar a UE coma algo natural, e xa dado. Non foi así. É unha marabillosa invención política, que paga a pena seguir construíndo.

Sem comentários: