sexta-feira, maio 18, 2007


A UE debe apoiar aos liberais turcos


Por Ayaan Hirsi Ali, ex parlamentaria holandesa e activista polos dereitos da muller. Publicou hai pouco as súas memorias, "Infiel". Na actualidade vive exiliada en Estados Unidos.


Os turcos laicos e liberais tiveron un brusco espertar tras anos de sono profundo. O legado de Kemal Ataturk corre perigo de acabar destruído, non por unha potencia invasora senón por algúns turcos que desexan un Estado islámico. Desde a época de Ataturk, Turquía está dividida entre os que queren gobernar o Estado segundo os principios islámicos e os que prefiren manter a vontade de Alá lonxe do espazo público. Os partidarios de introducir o islam no Goberno, como Recep Tayyip Erdogan, Abdulá Gül e o seu Partido da Xustiza e o Desenvolvemento, fixérono extraordinariamente ben.
Comprenderon e aproveitaron o feito de que é posible empregar os medios democráticos para erosionar a democracia. E recorreron a unha estratexia poderosa. Convén examinar tres piares nos que se apoia dita estratexia. O primeiro é o principio de dawa, unha táctica inspirada polo fundador do islam, Mahoma. Dawa significa simplemente predicar o islam como forma de vida -que inclúe unha forma de goberno-, de maneira constante e convincente. Cada vez que alguén se converte, está obrigado a predicar o islam a outros, co que se constrúe un movemento de base.
En Turquía, os secularistas subestimaron este piar e, polo tanto, non pelexaron cos islamistas por conquistar a vontade do electorado. Agora atópanse coa horrible realidade dunhas enquisas que indican que o 70% dos votantes pode escoller a Gül como presidente se Erdogan, o primeiro ministro, logra cambiar a Constitución para que a presidencia sexa un cargo de elección directa. Calquera protesta dos secularistas contra o que é a clara vontade popular resulta irracional e antidemocrática.
O segundo piar é a mellora da economía. Ninguén pode negar que, cando os partidos laicos estaban no poder, a economía turca estaba polo chan. Desde que Erdogan tomou posesión houbo un sólido crecemento, a inflación diminuíu e os investimentos estranxeiras medraron.
O terceiro piar, nunha democracia, é o control de dous tipos de institucións: as destinadas a educar á poboación (o ensino e os medios de comunicación) e as encargadas de manter a lei e a orde (a policía, a xustiza e os servizos secretos). Noutras palabras, os islamistas controlan a información que recibe un cidadán e teñen a capacidade de pecharlle a boca. Tralo fracaso dun intento inicial de revolución islámica no 1997, cando o exército organizou un “golpe brando” contra os islamistas electos, Erdogan e o seu partido comprenderon que facer as cousas de maneira gradual permitiríalles obter un poder máis duradeiro. Non hai dúbida de que saben que, para islamizar por completo Turquía, necesitan ter o control do exército e o Tribunal Constitucional, as dúas institucións que, ate agora, mantiveron vivas as aspiracións de Ataturk e protexen o Estado laico.
A decisión actual do Tribunal Constitucional de anular a designación de Abdulá Gül para a presidencia, despois de que o exército lembrase que é o custodio do secularismo, non é máis que un inconveniente temporal para os islamistas. Erdogan e Gül teñen outro as na manga. Se continúan mostrando a mesma contención e a mesma paciencia que lles permitíu chegar ate aquí, talvez poderán lograr o seu obxectivo, mentres sigan solicitando o ingreso na UE.
Os dirixentes europeos, benintencionados pero inxenuos, deixáronse manipular desde o principio polos islamistas gobernantes e declararon que o exército turco debe estar suxeito ao control civil, como todos os exércitos nos Estados membros da UE. Vistas así as cousas, Erdogan e o seu partido gañáronse a pulso o triunfo. Condenarlles por chegar ate onde chegaron é unha mostra de mesquindade e envexa e, desde logo, non serve para evitar que se fagan con todo o poder en Turquía.
En retrospectiva, os liberais laicos de Turquía non poden culpar a ninguén máis que a si mesmos. Infravaloraron o poder do dawa, non lograron mellorar a economía cando gobernaban e non se deron conta de que os membros da UE estaban sendo manipulados. Agora ben, unha característica importante do liberalismo é a capacidade de aprender das equivocacións. O feito de que os laicos se equivoquen en Turquía non quere dicir que non poidan volver a intentar preservar o legado de Ataturk e crear as condicións para que a democracia turca progrese de acordo cos valores occidentais.
Os liberais laicos de Turquía teñen que elaborar un plano para construír o seu propio movemento de base, un movemento que conteña a mensaxe da liberdade individual. Deben restaurar a confianza dos electores e facer que estean dispostos a poñer a economía de novo nas súas mans, e deben reconquistar as institucións educativas e informativas, a policía e a xustiza. Ademais, deben lograr que os líderes da UE comprendan e respecten o feito de que, en Turquía, o exército e a xustiza, ademais de defender o país e a Constitución, teñen así mesmo a tarefa -tal vez incluso máis importante- de protexer a democracia turca fronte ao islam.
Restablecer o auténtico secularismo en Turquía non quere dicir restablecer calquera secularismo. Refíreme a un securalismo laico que protexa as liberdades e os dereitos individuais, non un secularismo ultranacionalista no que o Mein Kampf de Hitler sexa un best seller, se nega o xenocidio armenio e se persíge ás minorías. Un nacionalista deste tipo foi o que asasinou ao xornalista armenio Hrant Dink.
Esta mestura de nacionalismo violento e islam predador é a que fai que os liberais laicos turcos, coas mulleres ao fronte, teñan diante un reto moito maior có de calquera outro movemento liberal actual. As democracias liberais de Occidente deben apoiar aos liberais turcos nestes momentos difíciles. E, aínda que pareza paradoxal, ese apoio debe comezar por recoñecer que o exército turco non é semellante a ningún outro. O exército ten a tarefa excepcional de salvaguardar o carácter laico e democrático de Turquía.

Sem comentários: