Europa e o mundo
Por Daniel Innerarity, profesor titular de Filosofía na Universidade de Zaragoza
No recente debate durante a campaña ás presidenciais francesas de 2007 falouse moi pouco de Europa e de política internacional, o que xa é un feito significativo. Pero o que se dixo foi dabondo para comprobar que asentada está unha determinada idea de Europa. Nun momento da discusión Nicolas Sarkozy afirmou que non estaba disposto a que Europa fóra "o cabalo de Troya da mundialización". O entón candidato talvez sexa agora o Presidente da República francesa grazas a que foi capaz de formular dun xeito nídio ese sentimento estendido que considera a mundialización únicamente coma unha ameaza. Esa percepción ten unha versión de dereitas e outra de esquerdas; uns e outros parecen incapaces de percibir o vínculo estreito que existe entre o proxecto de integración europea e a mundialización, as virtualidades que contén unha forma de cooperación política en orde á configuración dun mundo multipolar.
O máis interesante da construción europea é que permite superar a ficción de que a sociedade pode ser construída estatalmente e con independencia doutras sociedades. Non existe unha sociedade civil europea que resulte da mera agregación de sociedades nacionais e desconectadas do resto do mundo. A sociedade europea forma parte dunha sociedade global. É un erro subliñar en exceso a diferenza entre Europa e o resto do mundo ou pensar que toda a estratexia da integración se xustifíca para defenderse dun mundo visto como unha realidade amenazante. Se por algo se xustifica o experimento europeo é porque promove un modelo de identidade que non só non require anular a súa diversidade interior, senón que tampouco necesita unha oposición a outros para a súa propia afirmación: é un nós sen outros.
Un dos valores fundamentais de Europa é que a identificación co propio faise menos exclusiva e permite unha gran complementariedade. É unha paradoxa o feito de que impulsar unha verdadeira cidadanía europea a través de valores universais conduza a unha menor identificación exclusiva con Europa na medida en que tales valores fornecen aos europeos razóns para verse a si mesmos como parte do mundo, dunha común humanidade. A construción política de Europa presenta unhas singularidades que a diferenzan de todos os proxectos de construción nacional. Probablemente sexa a primeira entidade política que se configure sen necesidade dun patriotismo ideolóxico dos que esixían un pobo delimitado e homoxéneo, unha orixe común, unidade de lingua e cultura, e algún inimigo exterior que fose útil para a cohesión interna. Malia que abunde a retórica nesa dirección, a contraposición con Estados Unidos trata de conferir a Europa unha lexitimidade que non necesita, xa que se asenta noutro tipo de valores.
O proxecto europeo non esixe, como foi habitual na configuración das nacións, dramatizar o perigo exterior para asegurar a cohesión interior. Europa non pode concibirse como algo separado do mundo. Ao longo da historia, os europeos tiveron, dun xeito ou outro, a conciencia de estar vinculados co resto do mundo. Esa referencia, que noutras épocas tivo un impulso civilizatorio, pero tamén comercial e colonial, deu a Europa unha forza que continuamente subtráea do seu posible ensimismamento. Por iso pode afirmarse que ao impacto da globalización non supón ningunha ruptura especialmente orixinal con respecto á súa historia. Fronte á concepción dunha Europa como unidade autárquica claramente separada do resto do mundo e en competencia con el, o experimento europeo non ten outra xustificación que representar o embrión dunha verdadeira cosmopolítica.
Úrxenos "desprovincializar Europa", é dicir, poñela no contexto que lle corresponde e fronte ás súas actuais responsabilidades. A Unión Europea pon de manifesto, aínda que sexa de xeito incipiente, que a globalización non é unha ameaza para a democracia senón unha oportunidade para estendela máis aló dos límites do Estado-nación. Europa é unha forma especialmente intensa de elaborar un sistema global, unha world polity en miniatura. A globalización, máis que como unha ameaza, como desafío ou catalizador, debe ser vista como unha posibilidade para definir o proxecto europeo en términos globais. Non se trataría tanto de tomar partido como actor global senón de promover outro modo de organización das relacións entre os actores. Estamos tratando de buscar o significado da sociedade nun mundo no que a coherencia social, a participación democrática e a lexitimidade política están sendo redefinidas. As prácticas de goberno da Unión Europea cultivan unha serie de disposicións de alcance universal: a facultade de ver a propia comunidade cunha certa distancia, a aceptación das limitacións, a confianza mutua, a disposición a cooperar, un sentimento de solidariedade transnacional.
Europa non é exemplar por unha superioridade dalgún tipo, senón porque o espazo público europeo é un caso representativo do feito de que a maior parte das decisións políticas non poden adoptarse sen examinar a súa consonancia cos intereses dos outros. Nese sentido Europa pode considerarse como paradigma da nova política que está esixindo un mundo interdependente. Europa ofrece unha experimentación moderna da formación dun mundo verdadeiramente multipolar. É, sen dúbida, unha das mensaxes que a Europa política pode propor: multipolar ela mesma, pode promover ese modo de organización; proxectando ao exterior a súa propia práctica interna pode contribuír a "civilizar" a globalización.
O proceso europeo de integración política é unha resposta inédita, talvez un día exemplar, ás circunstancias que condicionan actualmente o exercicio do poder no mundo.
Sem comentários:
Enviar um comentário