terça-feira, maio 08, 2007


Perante a Unión Europea
Por Victor F.Freixanes

En MAIO de 1948, Castelao publica no exilio un artigo co mesmo título que encabeza estas liñas: «Perante a Unión Europea», lúcida reflexión (certamente precursora) sobre a necesidade de construír un espazo político, económico e cultural compartido entre as nacións e os Estados do vello continente, masacrado durante a Segunda Guerra Mundial, que en grande medida foi tamén unha guerra civil. Xa concluíra a experiencia do goberno Giral en París, na que o de Rianxo participara como ministro sen carteira en representación do galeguismo. Castelao viviu coma unha grande frustración esa experiencia. «Acabamos de enterrar a República», confesaríalle aos seus máis achegados. Tal se pode comprobar na correspondencia da época.
O seu regreso a Buenos Aires viña embafado, xa que logo, de tristeza e de graves agoiros. En París os médicos xa algo lle diagnosticaran da doenza que dous anos máis tarde lle había de comer a vida (1950). Non obstante, o artigo, publicado nas páxinas de A Nosa Terra (Buenos Aires), é dun entusiasmo, dun optimismo, dunha ilusionada esperanza que só coa perspectiva do tempo acertamos se cadra a comprender (e a valorar). O lector interesado pode consultar o texto no terceiro tomo das Obras completas . «Europa debe federarse ou morrer», advertira anos antes Mr. Attle (1939). Castelao fai súas estas palabras e pronúnciase sen disimulos pola necesidade urxente de iniciar a construción dun proxecto novo, unha gran federación de nacións e de Estados nos que, dende o recoñecemento da identidade de cada quen, se poida construír un futuro diferente.
En certa maneira, o cataclismo da Gran Guerra actuaba de elemento catártico, inspirador de novas vontades. «Se se quere evitar unha terceira guerra que culmine na disgregación atómica da humanidade -escribe Castelao-, non hai máis remedio que constituír, a toda présa, unha Europa san, solidaria e renacida, fronte a todo xénero de totalitarismos e contra o tráxico afán de dividir o mundo en dous bandos extremos ao servizo de dous Estados xigantes». Estase a referir, como ben se entende, á política de bloques da chamada Guerra Fría. Mais engade: «O movemento federalista europeo nace coma unha concepción nidiamente política, aínda que agora se deixe enlordar por intereses económicos. A federación dos Estados Europeos será o modelo e a etapa primeira da federación mundial: único modo de garantir a paz dentro da liberdade».
O próximo 9 de maio celebramos o Día de Europa, lembranza da Declaración Schuman, proclamada en 1950, o mesmo ano da morte de Castelao. En palabras de Otero Pedrayo: nunca Galicia se sentiu tan de seu como cando se recoñeceu e sentiu europea. Entrados no novo século, no horizonte de transformacións e mudanzas que se anuncian (cada tempo histórico impón as súas), o discurso do galeguismo (os pais da patria) nunca tivo tanto sentido, tanta oportunidade de ser visitado.

Sem comentários: