terça-feira, fevereiro 27, 2007


A solidariedade de Europa con Galicia
Por Daniel Varela y Suanzes-Carpena

A Comisión Europea denegou a Galicia axudas do Fondo Europeo de Solidariedade para catástrofes naturais para os danos ocasionados polos incendios forestais. A Comisión alega que os datos comunicados polas autoridades españolas non son suficientes para considerar que se tratou de «unha catástrofe rexional fose do común» que afectase á maioría da súa poboación ou causase «danos graves e prolongados nas súas condicións de vida ou na súa economía». Destaca ademais as «sospeitas das autoridades sobre un plan organizado de orixe criminal», o que leva á Comisión a concluír que «parece probable que unha parte significativa dos incendios non tivo orixe natural e non entran xa que logo no ámbito de aplicación do Fondo de Solidariedade». Nin unha palabra sobre os danos polas riadas, os lodos, as inundacións que afectaron a urbes e ao sector pesqueiro e marisqueiro que aumentarían a factura. Respecto diso, a portavoz da comisaria Hübner, responsable do Fondo, sinalou: «Estabamos dispostos a analizar unha segunda petición, pero esta segunda petición non chegou....». O meu anterior artigo en La Voz de Galicia ( De incendios, riadas e facturas , 15-11-06) concluía así: «Coa valoración presentada pola Xunta en Bruxelas, minimizando os danos, dificilmente pode a Comisión achegar axudas significativas. Por favor, non digamos logo que Europa non nos entende ou que é cicatera con Galicia. Cicatero o é o seu Goberno, malia que aínda estea a tempo de remedialo». Non o fixo. ¿Por que? ¿Por que desprezamos diñeiro que pon a UE á nosa disposición a fondo perdido para axudarnos nunha catástrofe? ¿Por incompetencia? ¿Por irresponsabilidade? ¿Por ambas? O mesmo día en que nos denegaban axudas, Grecia recibía 9,3 millóns de euros por unhas inundacións rexionais. Portugal recibiu 31,6 millóns polos seus incendios no 2003, recorda agora o BNG, que di que Galicia foi discriminada e achaca a tramitación do expediente ao conselleiro de Economía quen, á súa vez, como tamén o propio presidente da Xunta, escúsanse dicindo que é pouco o que poderiamos recibir.... (cos datos achegados, claro). E non vale dicir que pode haber outros fondos, pois estes non serían achegas novas senón reprogramaciones de fondos xa asignados para cubrir outras necesidades de Galicia. Ou sexa, desvestir a un santo para vestir a outro. ¿Estarán dispostos a notificar á UE que as tramas incendiarias en que se basea a Comisión non foron probadas e que os danos persistiron no tempo e na economía dos galegos polas riadas? ¿Ou talvez o feito de que a Comisión recoñecese máis danos e achegase máis financiamento agora para a súa catástrofe que cando o Prestige (8,6 millóns de euros) podería dar lugar a odiosas comparacións? En fin, que aquí non se apagaron os lumes, atribuíronse a tramas, chegaron as riadas, ocultáronse os danos e non recibimos diñeiro. Non culpemos á UE.

Sem comentários: