quarta-feira, fevereiro 14, 2007


Os voos ilegais e a credibilidade da Unión Europea.
Por Elena Valenciano, eurodeputada. Portavoz socialista da Comisión de Dereitos Humanos e membro da comisión temporal do Parlamento Europeo que investiga os voos da CIA
O Parlamento Europeo votará hoxe o informe FAVA Sobre o suposto uso de estados europeos por parte da CIA para o transporte e detención ilegal de prisioneiros. O documento é o resultado dun ano de traballo intenso por parte da comisión parlamentar á que o Pleno da Cámara encargou a investigación. Durante este tempo se celebraron, en Bruxelas e Estrasburgo, máis de 33 reunións, escoitouse a máis de 200 testemuñas, examinando 19 casos de "entregas extraordinarias" e os parlamentarios viaxaron a Macedonia, Estados Unidos, Alemaña, Reino Unido, Romania, Polonia e Portugal. O autor do informe, o socialista italiano Claudio Fava, elaborou, ademais, distintos documentos de traballo nos que se analizan pormenorizadamente as rutas dos avións da CIA -matrículas, datas e toda a información á que tivo acceso-. É un traballo rigoroso e honesto que debe servir para esclarecer, esperemos que nun inmediato futuro, se houbo responsabilidade da UE e dos Estados membros no operativo -ilegal- desenvolvido polos servizos secretos norteamericanos.
Desde mediados dos anos 90, a intelixencia estadounidense viña utilizando un sistema de traslado de prisioneiros a distintos países -cuxos estándares de garantías xurídicas e de respecto aos dereitos humanos son máis que relativos- co obxectivo de interrogalos ou manterlos recluídos, lonxe da vixilancia das institucións democráticas norteamericanas. Tralo 11 de setembro e o shock que produciu -sobre todo nas sociedades occidentais que se viron directamente ameazadas polo terrorismo islamista-, os Gobernos europeos activan e profundan os mecanismos de cooperación cos Estados Unidos para combater con maior eficacia o terrorismo internacional.
A partir dese momento, xa sexa abusando da confianza dos Gobernos europeos ou ben de acordo con eles ou cos distintos servizos secretos, a CIA comeza a operar no territorio da UE utilizando rutas civís, aeroportos, e posiblemente as súas bases militares, chegando ate a secuestrar polo menos a 20 sospeitosos de terrorismo, con cidadanía ou residencia europea. Entre 2001 e 2005, máis de 1.000 avións sobrevoan o noso territorio e aterran nos nosos aeroportos. En 2005, o diario norteamericano The Washington Post e a organización Human Rights Watch denuncian públicamente a existencia dos traslados ilegais. En decembro dese mesmo ano, o Parlamento Europeo decide constituír unha comisión encargada de investigalos. O informe FAVA serviría para destapar a existencia dun gran operativo de detencións ilegais, e presuntos interrogatorios baixo tortura, por parte dos servizos secretos norteamericanos coa connivencia, a omisión ou a ignorancia de responsables políticos dalgúns Estados membros da UE e das súas institucións.
O grado de implicación en no operativo dos distintos Gobernos da Unión Europea deberán determinalo os propios responsables políticos en exercicio cando se produciron os feitos ou, no seu caso, os tribunais ou as comisións parlamentarias nacionais constituídas ao efecto. O Consello Europeo, pola súa banda, fará ben en articular unha resposta adecuada á gravidade do ocorrido, que quedará determinada tralo voto no Pleno da Eurocámara. Non sería, en absoluto, sensato tratar de ignorar ou de minusvalorar o acontecido. A loita contra o terrorismo internacional deberá seguir sendo unha das prioridades da Unión Europea e, nesa tarefa, a cooperación entre os diferentes socios da UE e co Goberno norteamericano será imprescindible. Temos que poder colaborar sabendo cales son as regras do xogo sobre a base da confianza mutua. Os Gobernos europeos deben enviar unha mensaxe nídia tanto á súa cidadanía como aos nosos aliados: nin sequera en nome da seguridade mundial aceptaremos vulnerar as regras que construímos entre todos, moitísimo esforzo e sobre a dor dos peores momentos da historia contemporánea.
O respecto ás garantías dos detidos, o rexeitamento absoluto da pena de morte e da tortura, a defensa da dignidade e dos dereitos humanos non son negociables. O mundo non será máis seguro se actuamos fóra da orde internacional. Haberá, posiblemente, que inventar novos instrumentos na loita contra un terrorismo global que se revela moi complexo, pero sen lexitimidade non lograremos ser eficaces. A estratexia antiterrorista do Goberno Bush xa fracasou. A Unión Europea non debería asociarse a ela sen crítica. Desde a confianza co noso aliado estadounidense, hai que volver ás regras do Dereito Internacional, reforzándoas, e manifestar a nosa vontade de cooperar sen trampas. O informe sobre os voos ilegais da CIA debe servir para recuperar a credibilidade da Unión Europea, dentro e fóra das nosas fronteiras. Esa será a mellor contribución na procura do equilibrio multilateral e da seguridade mundial.

Sem comentários: