A Europa das linguas
Por Laura Sánchez
Cincocentos millóns de europeos falan diariamente máis de 80 linguas autóctonas e non autóctonas, 23 delas recoñecidas oficialmente pola Unión Europea. Co obxecto de garantir os dereitos de todos estes cidadáns, o Parlamento Europeo aprobou en novembro pasado unha estratexia encamiñada á protección das linguas minoritarias que, entre outras medidas, solicita a intervención do Defensor do Pobo europeo para garantir os dereitos lingüísticos dos cidadáns. Ademais, a Carta Europea das Linguas rexionais e minoritarias incide particularmente no carácter positivo da diversidade lingüística, como un elemento de cohesión e de valor engadido para as sociedades democráticas e, por conseguinte, salienta a necesidade de adoptar estratexias de conservación, desenvolvemento e promoción do uso das linguas minoritarias e minorizadas. «Sería máis sinxelo falar entre nós se todos usaramos a mesma lingua, pero teríamos moito menos que dicir», afirmaba ao respecto o ex comisario de multilingüismo, Ján Figel. Europa, de feito, promove e garante o exercicio das dúas posibilidades: debemos aprender novas linguas que permitan unha máis fácil comunicación entre os europeos, pero debemos, ademais, manter as nosas linguas vivas e produtivas, na medida en que nos relacionan coa nosa propia identidade, conformando un espazo europeo culturalmente máis rico e máis democrático.
A través da súa aposta polo multilingüismo, Europa decántase por recoñecer o valor e as oportunidades que ofrece a diversidade, fortalecendo as capacidades dos cidadáns e facilitando a súa mobilidade, ao tempo que favorece a tolerancia e o entendemento mutuo. É realmente nesa estratexia onde debemos enmarcar o obxectivo de que os estudantes aprendan polo menos dúas linguas ademais da súa materna. Será a Europa do «dúas máis unha». Neste novo contexto, Galicia e o resto de territorios e rexións do vello continente deben aproveitar a bagaxe que lles proporciona a súa propia lingua, a cultura e a súa historia. A existencia na Comunidade galega de dúas linguas oficiais -o galego e o castelán- crea uns lazos de comunicación comúns con máis de 600 millóns de persoas no mundo. Non deberemos obviar que a proximidade do galego e do portugués ofrécenos unha vantaxe competitiva, facilitándonos a comunicación adicional con 200 millóns de cidadáns que, dende Europa, Iberoamérica ou África, son na actualidade falantes da lingua veciña.
Toda esta riqueza lingüística contribúe a xerar un marco excepcional que nos dá réditos tanto no ámbito cultural e formativo, como no económico. Formamos parte dunha sociedade altamente competitiva, na que as capacidades de comunicación teñen cada vez máis importancia -por exemplo, nas estratexias comerciais-, e onde a industria cultural estase a converter nun espazo innovador para o desenvolvemento empresarial. Na Europa do coñecemento, o multilingüismo é xa concibido e aceptado como un elemento fundamental para impulsar o coñecemento, a innovación e a creatividade. Un elemento que suma e que non resta. Segundo os datos do Eurobarómetro , o 56% dos europeos poden manter conversas nun idioma distinto da súa lingua materna, mentres que un 83% valora coma unha vantaxe o coñecemento de varias linguas. O multilingüismo é xa unha realidade valorada pola cidadanía e un recurso social de primeira orde a xuízo de pedagogos e lingüistas. O neurobiólogo sueco Torsten Wiesel, ganador del premio Nobel de Medicina en 1981 ten manifestado que o coñecemento de varias linguas desde a infancia facilita a asimilación doutras novas.
Isto é, cantas máis linguas dominemos, máis base lingüística teremos para coñecer novos idiomas. Galicia debe garantir que os seus cidadáns participen plenamente nesta sociedade plurilingüe, e deberao facer priorizando a riqueza e valor que, neste camiño, supón o feito de ter dúas linguas oficiais. Só desde esa perspectiva será quen de participar de seu nunha Europa aberta e multicultural. Dispoñemos dunha lingua propia que, sendo coñecida e falada pola práctica totalidade da poboación, debe incentivarse desde os primeiros niveis do ensino. Temos a responsabilidade de establecer as condicións para avanzar con decisión no dobre obxectivo de preservar e afianzar as linguas maternas, e, ao mesmo tempo, na indispensable aprendizaxe de novas linguas. Atopámonos, pois, diante dun importante reto para a nosa escola; un digno e lícito obxectivo só asumible desde o consenso e o compromiso social.
Sem comentários:
Enviar um comentário