sexta-feira, fevereiro 02, 2007


Europa resistirá
Por Darío Valcárcel
A pesar das freadas e trampas, a Unión Europea parece decidida a saír desta crise. A chanceler alemá, presidenta da UE neste semestre, negociaba estes días con dous grandes antieuropeos, mellor dito tres: os irmáns Kaczyinski, polacos, e o presidente Vaclav Klaus, checo. O cal non significa que polacos e checos sexan inimigos da UE, senón que, desculpen a linguaxe, os señores Klaus e Kaczyinski manteñen a súa campaña de extorsión. A Unión sempre se topará fronte a esta clase de adversarios. Se non ten forza para defender as súas razóns, para someter a xentes así, significará que a Unión non vale.
Pero valerá, estean certos. A presidencia alemá e o representante europeo para a política exterior, Javier Solana, adiantan as reformas do tratado. Dúas delas, aparentemente formais, son decisivas: acabar co castrante mecanismo da presidencia semestral e crear no seu lugar un presidente do Consello da Unión para cinco anos, cun vicepresidente-ministro para a política exterior europea, apoiado por un pequeno servizo exterior. Só esta mudanza prestaría tal dinamismo, tal forza á UE, que a faría irrecoñecíbel en dez anos. É de xustiza recoñecelo: quen ten pelexado por esta reforma con formidábel tenacidade, desde Bruxelas, foi un español. A segunda reforma, inseparábel da primeira, é a adopción das decisións por maioría: todo o cualificada que se queira, pero maioría. Nunha Unión de 27 membros non é posíbel a unanimidades. A Unión Europea tardará longos anos en fraguar, pero acabará talvez por ser un corpo integrado, capaz de tomar decisións. Algunhas decisións de alcance histórico se toman xa nun terreo tan difícil como a defensa. O envío á fronteira de Líbano-Israel de 6.000 soldados, con máis de 1.000 efectivos alemáns patrullando as augas do Mediterráneo Este, que é senón un arriscado exercicio de defensa común?
Sexamos prácticos: Reino Unido resistirá máis na medida que perciba unha Europa indecisa. Pero os británicos son ao fin intelixentes e prácticos: avanzarán para a integración se as decisións da poboación son firmes. Esa poboación (alemáns, franceses, italianos, portugueses, españois...) deberá de negociar con Gordon Brown, quizais en xuño sexa primeiro ministro. Brown será talvez pragmático: é intelixente e sabe o enorme peso que a UE representa. Os catro estados que apoian un futuro tratado para 2009 suman 250 millóns de europeos. Belgas, gregos, finlandeses, bálticos e eslovenos engaden 30 máis. Non aspiran a un acordo mínimo: queren que garanta o avance cara a integración pactada, cun núcleo variábel: os británicos, por exemplo, poderían atrasar a súa entrada no euro, pero afirmar a súa participación na Europa militar. Madrid ven de celebrar dúas grandes reunións en apoio do futuro tratado, unha privada e outra pública: a segunda delas presidida polo ministro Miguel Moratinos. Merkel e Solana cren que o novo tratado podería retroalimentarse de protexo cidadán. Só unha Unión baseada na cidadanía podería abordar o cambio climático, as futuras fontes de enerxía, a lexislación sobre migracións, a loita contra o terrorismo islámico... O non-tratado sería un afundimento, un Titanic comunitario. A idea de Europa non se afundirá. Os europeos son pobos que sufriron e escarmentaron durísimamente. Buscan desde 1950 unha saída común. Cada avance, pactado, será máis difícil. Pero pesarán os valores de Europa. Publicáronse nestes días dúas imaxes: unha na última páxina do xornal madrileño ABC de 31/01/07, o sarxento Ziegel xunto ao senador John McCain. Outra no Herald Tribune do luns pasado: piedade infinita dun médico iraquí mentres atende a unha nena ferida nun atentado. Esperanza en medio do horror. Paul Ricoeur e a súa defensa dunha memoria xusta e feliz, contra o abismo da melancolía. Tamén isto é Europa: en medio do cruzamento de intereses, salienta sobre todo a defensa da civilidade. Falar ao outro, non satanizar ao outro.

Sem comentários: