sábado, fevereiro 03, 2007


Alemaña e o novo impulso a Europa


Por Angela Merkel


Alemaña asume durante medio ano a presidencia da Unión Europea. Estamos decididos a traballar por Europa. A día de hoxe, Europa vese ameazada polo terrorismo islámico internacional, o cambio climático e as crecentes ondadas de refuxiados. Pero Europa tamén ten éxitos no seu haber. A ampliación europea é unha historia de éxitos. Co ingreso de Bulgaria e Romanía, a Unión ten hoxe 27 Estados membros. A forza de atracción de Europa mantense intacta: xa se empezou a negociar con Croacia e Turquía. A Albania, Bosnia-Hercegovina, Macedonia, Montenegro e Serbia a UE ofreceulles unha perspectiva de adhesión. Foi unha decisión acertada, aínda que non creo que poidan adherirse á Unión antes de mediados da próxima década. E iso porque, por unha parte, estes países aínda non están preparados dabondo e, por outra, a UE tampouco acadou a necesaria madurez integradora.

É certo que as perspectivas de adhesión case sempre son recomendables, por canto a miúdo poñen en marcha procesos de modernización -España, Irlanda, Portugal, sábeno por propia experiencia-. Deste xeito tamén se estabilizan as nosas rexións veciñas. Por esa razón é máis que desexable que vinculemos, por exemplo, a Ucraína e a rexión do Mar Negro, e quizais tamén a outros países, dun modo máis estreito á UE. Non obstante, non podemos ofrecerlles unha adhesión a todos eles. Polo tanto, durante a presidencia alemá vou traballar en alternativas á incorporación dos nosos veciños que sexan ao par atractivas e duradeiras. A partir do punto de vista da política exterior todos temos un elevado interese na prosecución das reformas en Turquía e a súa estreita vinculación á Unión Europea. Sen embargo, Turquía non cumpriu unha obriga esencial, a saber, a aplicación do Protocolo de Ankara a todos os Estados membros. Non é esta unha cuestión baladí, senón que o que aquí se ventila é a aplicación dunha das catro liberdades fundamentais da Unión: a libre circulación de mercadurías. E está en xogo algo tan evidente como que os candidatos á adhesión e os Estados membros da UE se recoñezan reciprocamente en termos políticos e diplomáticos. Por iso paréceme unha boa solución que unha parte das negociacións fique en suspenso ate que Turquía aplique o Protocolo de Ankara.

A UE debe seguir insistindo en que se aplique sen demora. Os informen do progreso anuais ate o ano 2009 garanten que o Consello sexa consultado periodicamente e se manteña a presión no que fai á aplicación dese protocolo por parte de Turquía. Un reto asociado á forza de atracción da Unión Europea é a inmigración, legal e ilegal, a partir das rexións veciñas. Todos temos en mente as imaxes de persoas desesperadas e inmigrantes africanos a bordo de fráxiles pateras. Non podemos limitarnos a mirar, senón que temos que actuar como Unión Europea, conxuntamente. Iso significa, por unha parte, que temos que proceder con determinación contra a inmigración ilegal. Pola outra, debemos combater ao mesmo tempo as causas da inmigración ilegal e enfrontarnos á situación nos países africanos. Queremos incluír este tema na axenda da nosa presidencia e para iso contamos co apoio de España coma un dos estados máis afectados. Perante tal cúmulo de retos non debemos, sen embargo, esquecer un dato: a Unión exerce tanta forza de atracción porque goza de capacidade de actuación e a súa voz ten peso no mundo. Agora ben, seguirán os órganos da UE estando en condicións de tomar decisións cando se produzan novas adhesións? Abondará o orzamento comunitario para financiar unha política orientada para o futuro? Que incidencia teñen os países adherentes na nosa política de Xustiza e Asuntos Interiores ou na Política Exterior e de Seguridade Común?Penso que a actual Unión Europea, integrada por 27 Estados membros con 500 millóns de habitantes, necesita unha fase de consolidación para que os Estados membros e as súas cidadanías se conxunten como familia. A UE debería aproveitar esta fase para ordenar as súas bases económicas e xurídicas e volver a ter capacidade de actuación. Por iso eliximos dúas prioridades para a nosa presidencia: queremos fortalecer o modelo económico e social europeo e continuar o proceso constitucional.

Co éxito do mercado interior común, Europa xa marcou un fito na historia económica. Pero Europa só vai poder facer oír a súa voz tamén noutros ámbitos se consegue continuar consolidando a súa posición económica a nivel mundial. A coxuntura económica europea repunta, e tamén a economía medra por riba da media. Queremos trasladar este ambiente positivo a toda Europa. Por iso imos dedicar o cumio de primavera ao fortalecemento da competitividade. En concreto, isto significa que a política enerxética, a protección do medio ambiente e a desburocratización non só son boas en si mesmas para Europa, senón que ao par contribúen ao crecemento económico. Por canto a enerxía eólica, a enerxía solar e os biocombustibles son bos para o clima e constitúen así mesmo un sector de crecemento no cal Europa ten especial éxito. No que fai á eficiencia enerxética, a investigación enerxética e as enerxías renovables, Europa pode ir en cabeza. Pero tamén queremos un abastecemento enerxético seguro para Europa. Por iso temos o propósito de fortalecer o sector enerxético nas relacións con Rusia cando negociemos un novo acordo de asociación e cooperación. No cume de primavera temos previsto aprobar un ambicioso plano de acción sobre unha política enerxética para Europa, que entre outras cousas tamén inclúe a culminación dos mercados interiores da electricidade e do gas. Ademais, queremos impulsar un acordo post-Kioto para o período a partir de 2012, co obxecto de seguir reducindo as emisións dos gases de efecto invernadoiro.

Segundo estimacións da Comisión, a través da desburocratización a UE pode acadar un crecemento adicional cifrado en 150.000 millóns de euros. Deberiamos aproveitar este potencial. Tamén queremos aumentar os investimentos en investigación e axilizar a implantación práctica das innovacións. Para iso contamos co protexo do novo Consello Europeo de Investigación e o sétimo Programa Marco de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, dotado con 54.000 millóns de euros.Xunto ao fortalecemento da base económica de Europa, o que impórtanos é que tomemos conciencia dos valores do noso quefacer europeo. Queremos subliñalo no cume informal dos días 24 e 25 de marzo en Berlín, a través dunha Declaración de Berlín exposta como aposta de futuro. O cincuentenario da sinatura dos Tratados de Roma lembraranos unha vez máis que necesitamos unha autoconciencia compartida e unha comunidade de valores compartidos.

Porque Europa se sustenta en valores profesados por todos nós: a liberdade e a xustiza, a democracia, o Estado de dereito e o respecto dos dereitos humanos. O futuro do Tratado Constitucional se considera frecuentemente como a tarefa máis difícil e máis importante da presidencia alemá. Quero xa que logo subliñar unha vez mais a miña determinación: a Unión Europea medrou, pero a súa regulamentación non medrou con ela. A UE necesita un novo documento de bases, e necesítao o antes posible. O Tratado Constitucional foi ratificado por 18 dos 27 Estados membros, o cal aumenta a nosa responsabilidade de xestionar a súa substancia co máximo celo e coidado. No Consello Europeo do mes de xuño Alemaña tratará de presentar un calendario para un intento de solución. Se de aquí ás próximas eleccións ao Parlamento Europeo no ano 2009 non logramos levar a bo porto a reforma iniciada, nos topariamos diante dunha omisión histórica.

Unha constitucionalidade interna sólida tamén lle permite á Unión Europea falar cunha voz forte para o exterior. En materia de relacións exteriores, a alteración radical da situación de seguridade require unha cooperación cada vez máis estreita entre os europeos, como tiveron que comprobar traxicamente Madrid e Londres cos atentados islámicos. Hoxe hai unha Política Exterior e de Seguridade Común que merece ese nome. A UE asumiu responsabilidades en Bosnia e Herzegovina, forma axentes de policía no Congo, está presente na Franxa de Gaza... A estabilización dos Balcáns Occidentais, e en particular de Kosovo, será un dos temas centrais da nosa presidencia. A guerra do Líbano puxo de manifesto as complicacións existentes en Oriente Próximo. Como membro do Cuarteto para Oriente Próximo, a UE comprometeuse a coadxuvar a unha solución pacífica e completa na rexión, e estamos dispostos a asumir esa responsabilidade. Tamén queremos intensificar de novo o noso compromiso con África. En consecuencia, apoiamos a Portugal nos preparativos dun cumio UE-África no segundo semestre do ano. A presidencia do Consello da UE é un gran reto para os Estados membros, e, por certo, no sucesivo será un reto cada vez máis espaciado no tempo, como agora no caso de Alemaña ou no ano 2010 no caso de España. Paréceme, pois, un acerto que implantemos en colaboración con Portugal e Eslovenia unha fórmula de presidencia "tripartita", porque permítenos proseguir proxectos e impulsar iniciativas expostas a longo prazo. Sexa na loita antiterrorista, no aseguranza das nosas fronteiras ou no tema da Constitución. Só unidos podemos seguir construíndo Europa.Angela Merkel, chanceler federal da República Federal de Alemaña, preside o Consello da UE este semestre.

Sem comentários: