segunda-feira, dezembro 29, 2008


Que está a pasar en Europa?

Por George Chaya

O panorama é o clásico xa vivido con Hezbolláh: operación israelí tras o goteo de proxectís durante unha tregua que nunca existiu, aluvión de declaracións de condena máis ou menos «desproporcionadas», trampas aos xornalistas con fins propagandísticos (a axencia France Presse distribuíra unhas «imaxes» que a blogosfera atopou nun telexornal de hai catro anos) e grupos «pacifistas» que non moven nunca un dedo mentres choven foguetes nin condenan ningún atentado de Al Qaida e que agora se interesan «pola paz» mentres defenden a Hamas (igual que se interesaron «pola paz en Líbano» defendendo a Hezbolláh). E, con todo, o cambio non pasou desapercibido, por exemplo, á CNN. Que pasou nas cancillerías europeas que, de súpeto, parecen ver con bos ollos as operacións israelís? Ao considerar o contexto, a sorpresa é aínda maior. Alemaña opúñase recentemente ao envío de tropas para pór coto ás ambicións do revolucionario Nkunda en Goma, onde están a ter lugar varias «gazas» a diario. Gran Bretaña anunciaba hai semanas a posibilidade de aplicar a lei islámica sobre o dereito romano no seu chan, e a mensaxe de Nadal da raíña acompañouse dunha segunda «mensaxe» do presidente iraniano, Mahmud Ahmadineyad.
O caso do xuíz italiano que tolerou uns malos tratos porque o propinador de malleiras era musulmán é farto coñecido, como o caso do Senado francés, en busca de atopar a forma de encaixar as prácticas financeiras islámicas no marco financeiro da UE, en plena crise (boa sorte). E, con todo, o cambio é monumental. O ministro de Exteriores belga, por exemplo, manifestaba hai menos de 24 horas de maneira informal que «o conflito palestino israelí é só o 44 por número de mortos». Francia condena «usos desproporcionados» no que parece ser a súa fórmula, pero é a primeira vez que usa os mesmos termos para referirse ás esixencias aos palestinos. Os cambios non pasaron desapercibidos ás cadeas estadounidenses, que o achacan á saída de Bush. Algúns citan o crecente malestar xudeu en todo o mundo con Europa, á que non ven mover un dedo cando os palestinos atacan, nin sequera cando grupos árabes torturan en pleno París a xudeus, como no caso Ilam Halimi, ou o máis recente, Mathieu Roumi. Outros falan de electoralismo, cun Kadima que non remonta nas enquisas e cae, a pesar dos seus siareiros mediáticos, cada vez que Livni abre a boca. Despois de todo, Hezbolláh está ao norte grazas a ela, e Gaza é Gaza por ela. Entón, que é o que motivou este cambio realmente? Nunha palabra: Obama

O 7 de outubro de 2008, antes das eleccións estadounidenses, o ministro francés de Exteriores daba un tropezón nunha entrevista publicada no diario israelí «Haaretz». Bernard Kouchner afirmaba que mentres «Francia entende os perigos do programa nuclear iraniano», non está particularmente preocupada «porque Israel dixo sempre que non vai tolerar un Irán nuclear». O tropezón pon de relevo a natureza dual da política exterior europea en xeral e francesa en particular: Israel é un tampón que caerá primeiro e levará a peor parte, dando a Europa un tempo precioso para pedir axuda a Estados Unidos; e por outra, é un saco de boxeo ao que pedir comportamentos que non é que Europa non pida aos seus inmigrantes, é que tampouco pide aos veciños de Israel. Con todo, o 12 de decembro, xa vitorioso Obama e pasado o grolo do resbalón do titular de exteriores, Nicolas Sarkozy expresaba nos medios unha preocupación extrema: "A postura de Obama sobre Irán é profundamente inmatura", afirma Sarkozy, reza o mesmo «Haaretz».
Na práctica, «Sarko» levaba preocupado desde a súa reunión con Obama en xullo, pero sae agora á luz que as reunións separadas mantidas entre o entón aspirante e os conselleiros do presidente francés «arroxaron resultados similares», segundo a prensa francesa. O sentir expresábase de forma parecida ante as noticias das negociacións entre Siria e Israel, nas que o único punto de acordo é que os Altos do Golán, co seu sistema de radar israelí imprescindible para controlar o acceso das subministracións da OTAN a Iraq e Afganistán á marxe de Irán, non pode estar en mans da ONU, como pide a UE. Nunha palabra, o que parece suceder é que os israelís se fartaron dos europeos.
Queredes paz con Siria, pero poder abastecer aos efectivos despregados? é asunto voso. Que queredes incluír a Hamas na mesa de negociacións? Perfecto, pero, que vos comprometedes (e con que número de tropas) a facer cando Hamas derroque non xa a Abas -é algo que se dá por sentado chegado o caso- senón á monarquía xordana ou ao réxime exipcio, asfixiado pola crise e a Irmandade Musulmá islamita. Tradicionalmente, Estados Unidos ocupábase dos feitos e Europa dos ideais, o que tiña a vantaxe adicional para Europa de non ter que sufrir as baixas, consecuencia de defendelos. A chegada de Obama cambiou as tornas. Sendo rigorosos, Europa non cambiou, só está a manifestar por primeira vez de cara á opinión pública o que manifesta a porta pechada, cando os flashes se apagan e os xornalistas saíron: que lle gusta o petróleo barato, e que non lle gusta Hamas. É o primeiro impacto da chegada de Obama. Haberá máis.

Sem comentários: