domingo, junho 22, 2008


Europa era isto?

Por Suso de Toro

O euro? Ben. Europa? Mal. Somos un éxito financeiro e económico, pero sucumbimos ao mal europeo: a falta de ilusión e de proxecto. O do referendo irlandés é o de menos. Irlanda, seica o Estado máis beneficiado pola Unión Europea, divertiuse co seu non a Europa a propósito de que non terá que devolver o diñeiro recibido cos seus intereses e abandonar a Unión. Cando os nosos actos non teñen consecuencias deixamos de ser responsables. Para salvar o tropezón da cambadela irlandesa, Europa volverá facer tratos e trapicheos; xa toparemos o xeito de seguir, o caso é ir indo. Cara a onde?
Ésta non é a Europa nacida das ruínas da posguerra; non a que integra a Irlanda, España, Portugal. Países que vían un horizonte en integrarse na Europa en marcha. O antieuropeísmo destes votantes irlandeses parece consecuencia de adoptar a perspectiva británica, da ruptura xeracional e da perda de memoria colectiva, de non sentirse descendentes da súa memoria nacional. Tamén hai signos de que o soño europeo debilítase entre nós. Nos anos sesenta, as xeracións que imaxinaban unha España democrática tiñan os seus referentes na Unesco, París, a socialdemocracia sueca, alemá... Había fame de coñecer eses países envexados con supermercados opulentos e carteleiras con películas modernas e prohibidas. Coa democracia difundíronse os libros de escritores alemáns, austriacos... Despois de Godard, Truffaut, chegaron Herzog, Wenders, Fassbinder, Tanner... Quen coñece hoxe autores suecos, alemáns, daneses...?Nin sequera os franceses e italianos, que estiveran máis cerca antes. España recréase en si mesma; grazas ao castelán soña hexemonizar gran parte de América, e a través do concepto "Iberoamérica" soña mesmo con ser referencia en Brasil. é un éxito cultural e empresarial, creouse un espazo cultural e un mercado para o latino. Os cantaores, rumberos, regatoneros, salseros escóitanse máis que nunca. Pero sempre que se gaña algo, pérdese algo. Pero aquela nova España democrática que interesou aos europeos tampouco é xa novidade, non esperta curiosidade en Europa. Os Estados que fundaron a Unión e os que se incorporaron nos oitenta teñen cada un os seus propios problemas. A Europa ampliada dos anos oitenta tiña un horizonte histórico, un programa marcado pola crise da URSS; tiña diante unha fronteira que se abría. A metade do territorio europeo eran Estados que quedaran conxelados, apartados da marcha de Europa, case da historia mesma, e agora podían reincorporarse a Europa. Podía ser unha potencia alternativa e equilibradora nun mundo que se reestruturaba. A Alemaña de Kohl lanzouse con apetito, cruzou a fronteira e tragouse, con máis dificultade da prevista, á Alemaña oriental. Logo viñeron Polonia e os demais Estados. A diferenza da integración de países como Irlanda, Grecia, España ou Portugal, onde houbera cambios económicos e sociais e onde a Unión era un soño desexado e acariñado desde había tempo, estes novos países entraron inopinada e precipitadamente: foron tragados.

Como a gran serpe que traga unha vaca e ponse a si mesma en perigo de morrer de empacho, a gula cegounos impedindo ver que esa ampliación forzada implicaba unha gran transformación e desencadearía unha crise existencial. Esta Europa tivo éxito, é certo, próbao a fortaleza e estabilidade do euro; non comprendemos até que punto é un logro histórico a moeda única europea. Pero estamos embotados como a serpe dixerindo a vaca. E pódese morrer de empacho. Hoxe, a Unión está guiada por unha visión da historia miserable, puramente socioeconómica, que esquece as bases do programa ilustrado europeo que era a ideoloxía que a xustificaba. Demóstrao a aprobación dun límite legal de 60 horas de traballo semanal; iso é retroceder ao nivel das sociedades predemocráticas. Con iso, Europa retrocede ao perder o seu modelo propio, o seu contido, e busca parecerse aos seus competidores; ao modelo norteamericano, con cidadáns sen cobertura social, e ao modelo chinés, traballa e rebenta. Se Europa é máis que un mercado non só debía examinar as contas dos países que aspiraban a entrar, tiña que terlles axudado a xerar a súa cultura democrática, civilidade. Quizais non podía ser doutro xeito, ou non había tempo histórico, pero esta vaca atragantouselle á serpe glotona.
Tras o aturdimiento da dixestión necesitamos claridade de espírito para soñar un novo horizonte. Europa foi creada por soñadores, e non existirá sen un soño e un argumento europeos. Empezar por coñecernos; somos estraños compartindo moeda e un territorio sen pasaporte. O máis complicado é que vimos de dous ou tres tempos históricos distintos e que carecemos de medios para resolver isto. Estamos desprovistos de instrumentos ideolóxicos; nin sequera hai medios de comunicación europeos, non hai unha historia común... Ademais do euro só existe Eurovisión e a Copa de fútbol. Ou temos ideólogos e líderes políticos europeos que tezan un argumento e un soño que unha aos habitantes da Unión, ou retrocederemos ao Mercado Común. E se tal como veu a historia, esta Unión Europea formada por Estados non pode ser outra cousa máis que un mercado e unha moeda? Non estaremos a nos enganar? Aínda lle interesa unha Europa política aos Estados que fundaron a Unión? A Alemaña? Seguro que é posible tentar Europa aínda? Poida que xa non.
Artigo publicado no xornal El País - 22.06.08

Sem comentários: