A UE quere unha asociación especial con Israel
A Unión Europea quere crear unha asociación especial con Israel e debate actualmente como relacionar ese obxectivo coa actitude dese país no proceso de paz en Oriente Medio, informaron varias fontes comunitarias. Os ministros de Relacións Exteriores da UE e de Israel celebrarán un consello de asociación, en Luxemburgo, no que se continuará a discusión sobre como formular esta idea, que por agora non foi totalmente definida pola parte comunitaria. Os países da Comunidade "aínda están a discutir as súas posicións", afirmou unha fonte comunitaria, mentres que un diplomático europeo afirmou taxantemente que se atopará unha fórmula. O obxectivo é ver até onde se pode facer que Xerusalén participe nos mecanismos de decisión da UE segundo algún tipo de "estatuto híbrido" polo que siga sendo un país non membro pero fortemente asociado. Israel participa con outros Estados do sur e do leste na chamada "Política de Veciñanza", deseñada para ofrecer "todo menos a adhesión" aos seus veciños máis próximos. Fontes comunitarias sinalaron que un exemplo dese modelo "híbrido" podería ser a estreita cooperación que mantén a Comisión Europea con países como Noruega, que forma parte do Espazo Económico Europeo, ou Suíza, que participa nas políticas de control de fronteiras ou no Programa Marco de investigación. Amnistía Internacional advertiu á Unión Europea que calquera incremento da súa relación con Israel debe incluír "mecanismos máis firmes" sobre os dereitos humanos. O director da oficina de AI para a UE, Nicolas Beger, sinalou que unha mellora da relación con Israel sería "un sinal erróneo" se non inclúe mecanismos "que poidan confrontar eficazmente as violacións dos dereitos humanos". A posibilidade desta asociación especial acelerouse en abril pasado, cando a Comisión Europea propuxo aumentar a cooperación con Israel, Marrocos, Ucraína e Moldavia, os países que máis aproveitaron a "política de veciñanza". Hai uns dous meses, o Goberno israelí enviou á UE un documento "confidencial" co seu punto de vista, e agora a parte europea ten que ofrecer a súa resposta. Con todo, diversas fontes comunitarias negaron que estean en curso "negociacións secretas", tal como denunciou esta semana o líder do grupo de Esquerda Unitaria Europea no Parlamento Europeo, Francis Wurtz.
Sem comentários:
Enviar um comentário