sábado, março 01, 2008


Europa e a independencia

Por Vicent Partal


No século XIX apareceron en Europa nove estados novos. E do principio do século XX á Segunda Guerra Mundial, dezaseis. En cambio, dende a fin da Guerra Mundial até a caída do muro de Berlín, Europa só viu nacer catro estados novos (Islandia, Malta e as dúas alemanias). Aqueles corenta anos fixeron pensar que o nacemento de novos estados era cousa do pasado. Mais na década dos noventa volveron aparecer: trece. E no que vai de século xa xurdiron tres, contando o caso cosovar. Con estes números na man resulta ridículo facer crer que unha fronteira europea, sexa a que sexa, non vai cambiar nunca.
Nos anos setenta, no tránsito do franquismo á monarquía, atopabámonos no punto máis alto da anomalía na que viviu Europa dende a guerra fría. Mover unha fronteira naquel clima de ataque nuclear inminente entre as dúas potencias equivalía a mover as esferas de influencia e desencadear máis tensión. Por iso, a hipótese da independencia era imposíbel. Mais abondou coa caída dun dos contendentes, a Unión Soviética, para volver á normalidade. É certo que a algúns custoulles moito aceptalo. A Unión Europea, por exemplo, ameazou formalmente a Lituanía advertíndolle que nunca entraría se rachaba coa URSS. A realidade impúxose e hoxe, por exemplo, a lituana Dalia Grybauskaité é comisaria europea, e non unha calquera, senón a encargada dos orzamentos comunitarios.É verdade que dende a caída do mura até hoxe Europa viu aparecer novos estados na antiga zona oriental, coa única excepción da unificación alemá. Mais tamén o é que este proceso normalizou completamente o independentismo. Toda Europa sabe que calquera país pode ser independente e, se o fai, máis tarde ou máis cedo vai pasar a formar parte da Unión Europea. Dos 26 membros da “comisón Barroso”, sete son cidadáns que veñen de estados que non existían cando a Unión Europea comezaba a tomar forma no Tratado de Roma. E este é un detalle que paga a pena ter en conta á hora de entender a celeridade e normalidade coa que Europa saudou a aparición do novo estado cosovar.O medo de EspañaEspaña foi o único estado grande que se negou a recoñecer a nova realidade, por medo a estabelecer un precedente que poida acabar rebotando cando os vascos exerzan a autodeterminación ( se a hipótese do actual goberno vasco é correcta, isto sucederá na vindeira lexislatura). Neste sentido é curiosa a reacción británica, claramente favorábel, no só a Cosova, senón á democracia. Cando algúns lle preguntaban a algúns representantes británicos se non tiñan medo de que Escocia seguise o mesmo camiño, a resposta era invariábel: Se o pobo escocés quería a independencia, Gran Bretaña non ía impedilo. E xusto é dicir que, aínda que o obstaculizase, xa veriamos o que acontecía, porque Europa deu esta semana un paso adiante monumental. Europa vén de patrocinarlle a independencia a Cosova unha independencia que nin Serbia, nin Rusia nin un membro tan importante como España aceptan. Isto é unha gran nova, de primeira magnitude.A partir de agora haberá quen diga que xa está, que o mapa xa está refeito e que ninguén máis poderá ser independente. Mais non hai ningún analista serio que non saiba que aínda hai independencia por activar en Europa antes de que a estabilidade do continente sexa completa e indiscutíbel. Escocia, as illas Feroe, Euskadi, Flandres, Valonia ou nós mesmos somos realidades que se debuxarán con normalidade no novo mapa europeo, se queremos. Porque nos anos setenta reclamar unha modificación de fronteiras era ir contra o mundo, pero hoxe quen obstaculiza a vontade popular é o que vai contra o mundo. Esta é a razón pola que España quedou soa, con Serbia, mirando de parar o reloxo da historia.

Vicent Partal (Bétera, 1960). Fundador e director do xornal electrónico VilaWeb, creado en 1995. VilaWeb conseguiu converterse nun medio dixital de referencia e líder de audiencia en lingua catalá.

Sem comentários: