Europa debe promover a democracia
Por Timothy Garton Ash
Hai uns días, o ministro británico de Exteriores, David Miliband, pronunciou un excelente discurso no que explicou por que a promoción da democracia é un asunto demasiado importante para deixalo en mans dos neoconservadores estadounidenses. Os liberais, progresistas e socialistas británicos e europeos (que cada un escolla a súa propia etiqueta) tamén deberían contribuír. Esas non foron as súas palabras exactas, pero a mensaxe quedou clara. É un asunto demasiado importante para deixalo en mans dos neoconservadores de EE UU Unha sondaxe mundial de Gallup reflexa que 8 de cada 10 persoas (9 en África) desexan vivir nunha democracia. O reto da UE é que facer cos veciños que nunca van ser membros, como Tunisia, Marrocos e Exipto. O mellor instante da velada produciuse cando un estudante chinés do Saint Hugh's College, en Oxford, onde o ministro estaba pronunciando a súa conferencia en honra de Aung San Suu Kyi, levantouse e dixo que a China parecen irlle bastante ben as cousas, grazas, e que está experimentando avances económicos e sociais sen necesidade de democracia, así que "para que molestarse?". Miliband respondeu que non se trata de que os demócratas occidentais se dediquen a molestar aos demais coa nosa idea do que máis lles convén, nin moito menos a imporlla. Trátase de dar unha resposta ás poboacións que están preocupadas pola falta de democracia nos seus propios países e loitan para obtela. Xente fastidiosa como Aung San Suu Kyi e outros activistas demócratas birmanos menos coñecidos, líderes estudantís, autores de blogs e xornalistas, todos eles en prisión ou en arresto domiciliario, cuxos nomes -Tin Oo, Ou Win Tin, Min Ko Naing, Ko Ko Gyi, Nay Myo Latt, Ou Htin Kyaw- leu, nunha retahíla conmovedora, ao acabar o seu discurso. É posible que por agora non sexan máis que unha minoría no seu país, pero son unha minoría que comparte os nosos valores -valores universais, subliñou o ministro, non só valores occidentais-, así que debemos apoiarlles. E detrás desa minoría valente existe seguramente unha maioría silenciosa: segundo unha sondaxe mundial de Gallup, oito de cada dez persoas desexan vivir nunha democracia, unha cifra que se converte en nove de cada dez en África. Os autodenominados "realistas", os afeccionados á realpolitik de Kissinger, equivócanse ao dicir que, neste aspecto, os nosos intereses e os nosos valores están en conflito. Os valores e os intereses poden ser contraditorios a curto prazo, pero, a longo prazo, non existe mellor forma de garantir os nosos intereses fundamentais -paz, seguridade e desenvolvemento, ademais de liberdade- que a difusión da democracia liberal e rexida por leis (as electocracias non liberais como Rusia son outra cousa, e, de feito, poden ate empeorar as cousas). Ata aquí, nada que obxectar. Pero o argumento do político e intelectual británico ten dous inconvenientes. O primeiro é que o relaciona coa intervención en Iraq. Talvez, para un ministro británico de Exteriores, é de rigor mencionar de pasada as eleccións provinciais en Iraq como exemplo de "democracia incipiente" (por incipiente enténdase morta antes de nacer, e por democracia, electocracia non liberal); pero chamar ao extraordinario florecemento da resistencia civil que se produciu o ano pasado en Birmania "reforzo civil" é un erro gratuíto. Miliband acuñou esta expresión no blog que mantén dentro da páxina web do ministerio hai unhas semanas, e é evidente que lle gusta, aínda que só sexa polo orgullo de habela creado. Pero debería abandonala de forma inmediata. Sexa cal for a súa intención, o que consegue é equiparar a valerosa acción non violenta dos monxes e opositores birmanos que loitan pola democracia ao seu xeito, no seu propio país, co "reforzo" militar do xeneral David Petraeus en Iraq, coma se fosen dúas caras da mesma moeda. No canto de ser unha alusión enxeñosa, é practicamente un insulto para os heroes cívicos birmanos cuxos nomees leu en voz alta. Ademais alimenta a reacción, tan estendida en Europa, de pensar que promoción da democracia significa Iraq, e, xa que logo, hai que aborrecerla. Porque unha das maiores fazañas de George W. Bush é que case conseguiu dar mal nome á democracia. Como afirma Thomas Carothers, da institución Carnegie Endowment de Wáshington, DC, nun folleto recente, é preciso "descontaminar" a promoción da democracia deste efecto Bush. E unha expresión como "reforzo civil" consegue o resultado oposto. A imposición da democracia, ou algo que chamamos democracia, tras unha intervención militar levada a cabo, sobre todo, por outros motivos, é moi distinta da promoción pacífica da democracia, que, como observou o propio Miliband, necesariamente "crece na terra do país" en cuestión. É, coma se dixésemos, a diferenza entre pór fertilizante para alimentar unha herba fráxil e pór herba artificial nunha terra conquistada. O segundo problema do discurso de Miliband en Oxford é doutro tipo. Dado que está recentemente chegado ao cargo e ao tema, é lóxico que aínda non pense con coidado en que faría verdadeiramente falta para promover a democracia de forma eficaz e por medios pacíficos. Cando o faga, e se se atreve, non terá máis remedio que falar máis de Europa. O Reino Unido pode facer pouca cousa por si soa. Para influír de verdade na evolución interna doutros países sen que haxa unha ocupación fai falta un esforzo sostido e coordinado do maior número posible das democracias máis ricas coas que teñan unha relación máis estreita. Miliband mencionou cinco principais formas de promover a democracia: medios de comunicación libres, apertura económica e financeira, axuda ao desenvolvemento, incorporación a "clubs" como a UE e a Organización Mundial de Comercio e, para rematar, "o poder duro das sancións selectivas, os procesos penais internacionais, as garantías de seguridade e a intervención militar" (un batiburrillo que está pedindo a berros que o desfagan). A UE é un actor fundamental, polo menos, en tres destes elementos. Logo de falar da necesidade dunha "política de estreita veciñanza" máis forte para a UE, referiuse á capacidade de atracción da Unión. É verdade, e esa é a solución a longo prazo para Kósovo (que seguramente proclamará a súa independencia este domingo) e Serbia (que seguramente reaccionará con indignación, ata tras a reelección do presidente Boris Tadic, máis proeuropeo). Pero o reto máis xeral ao que ten que enfrontarse a UE é que facer cos veciños que nunca van ser membros, países como Marrocos, Tunisia e Exipto. O que necesitamos non é unha política única europea de promoción da democracia, senón un enfoque común europeo da promoción da democracia. Os países europeos non teñen por que facer sempre as mesmas cousas, e, desde logo, a democracia vai lista se a deixamos en mans da Comisión Europea; pero o que si necesitamos é unha visión compartida do que estamos tratando de lograr no país veciño X ou E e de como é posible conseguilo. Poida que o máis prometedor sexa, por exemplo, centrarse nestes momentos no imperio da lei e os dereitos da muller en Marrocos, a independencia dos medios de comunicación en Exipto, etcétera. Entón é unha vantaxe, e non unha debilidade, que haxa ata 27 embaixadas de países europeos, máis a delegación da UE, máis unha serie de fundacións europeas, que pon en práctica unha mesma estratexia xeral de distintos xeitos. Ás veces, uns liliputienses cun milleiro de fíos poden máis que Gulliver. Ningún destes dous problemas do discurso de Miliband en Oxford é insuperable: só ten que dicir menos cousas sobre o primeiro e máis sobre o segundo. Foi un excelente comezo. Mentres tanto, poderiamos oír, por favor, que visións teñen outros ministros de Exteriores europeos sobre a promoción da democracia? Debería ser un tema moi querido para Bernard Kouchner, e a metade dos Estados membros actuais da UE, desde España ata Estonia, teñen aínda na memoria o recordo recente tanto de loitar en primeira liña pola democracia como de haberse beneficiado do apoio externo. Saben do que falan.
El País (17.02.08)
Sem comentários:
Enviar um comentário