Europa no diván
Por Josep Piqué
Parece innegábel que a Unión Europea está pasando por unha crise de identidade. O fracaso da Constitución Europea e a súa substitución por un minitratado que vaise ratificando, con máis pena que gloria e case ás ocultas, polos parlamentos nacionais, é a expresión máis evidente. Pero non só existe unha frustración institucional. É moito máis ampla. Eu a denominaría unha frustración psicolóxica, case existencial. E convén preguntarse por que. Europa, logo da terríbel devastación da Segunda Guerra Mundial, fixo un esforzo de reconciliación interna realmente extraordinario. Ate a segunda metade do século pasado, sob o concepto de Europa, escondíase a vontade permanente dalgunha das súas nacións continentais de obter a hexemonía sobre o propio continente e, por riba, do mundo coñecido. España, Francia, Alemaña ou o imperio austrohúngaro protagonizan ese empeño en diferentes momentos, sempre coa intervención "compensadora" do Reino Unido, receloso de calquera poder excesivo no continente, e dunha Rusia interesada en estender o seu dominio ou a súa influencia á Europa central. Iso supuxo constantes e interminábeis guerras. Europa era un teatro de permanente conflito que, desde a unificación alemá en 1870, enfronta, fundamentalmente, a alemáns (con apoio austriaco, italiano e turco) e franceses (con apoio británico e ruso) e, xa no século XX, coa intervención decisiva de EE.UU. Esta realidade é a que, ante unha Europa devastada, leva aos pais da construción europea a expor unhas institucións políticas que servisen para evitar novas confrontacións no futuro. E fixérono, sabiamente, a través da posta en común de intereses económicos que fixesen inviábel e impensábel outro enfrontamento bélico. Eis a denominación coa que, os que xa pasamos dos cincuenta, recordamos esa realidade: o Mercado Común Europeo. Aos poucos e non sen altibaixos, esa realidade institucional vaise dotando de maior contido. Primeiro económico (a Comunidade Económica Europea) e logo político (a Unión Europea, xa sen adxectivos). E transfírense ás institucións comúns aspectos crave da soberanía dos antigos estados nación: a moeda única, a política exterior e de defensa común, un marco de seguranza e xustiza, unha política común de inmigración aínda moi limitada ou a progresiva converxencia de políticas orzamentarias e a vontade de crear un auténtico mercado único. Ben. Algo realmente moi notábel, dado o punto de partida. Sobre todo porque ese proceso vén acompañado por outro de extraordinaria ampliación xeográfica. Primeiro, foron seis países. Logo tres máis, cara ao Atlántico. Máis adiante doce, cara ao sur, e despois quince, cara ao centro e o norte escandinavo. E, finalmente, doce máis, ate vinte e sete. E deses, dez son países que, antonte, eran ditaduras comunistas, tiñan economías planificadas e pertencían ao bloque militar oposto. O esforzo foi enorme. A UE é a historia dun éxito sen precedentes, dada a experiencia histórica. É un club ao que moitos desexan pertencer e do queninguén quere saír. Entón, por que esta sensación de frustración e de desánimo que hoxe impregna o proxecto europeo, se fixemos, nos últimos cincuenta anos, algo realmente extraordinario? A explicación é complexa. Primeiro, irreversiblemente, Europa afástase do centro de gravidade do planeta. E iso é certo no político, no económico, no demográfico ou no estratéxico. Cada vez somos máis "periferia" nun mundo centrado no Pacífico (e no Índico) e perdemos relevancia xeoestratéxica, tras a caída do muro de Berlín. As ameazas á nosa seguranza colectiva xa non teñen a Europa como escenario e iso afástanos dos intereses vitais de EE.UU. Segundo, o esforzo de progresiva integración política parece ternos deixado exhaustos e tropeza cos límites dos intereses nacionais, probablemente porque ese esforzo se fixo desde os gobernos, sen involucrar suficientemente aos cidadáns que ven as institucións europeas como algo afastado, intrincado e burocrático. O terceiro é análogo, pero no xeográfico. A dixestión da última ampliación (pola que eu persoalmente loitei) está sendo moi pesada e reflíctese, entre outras moitas cousas, na merma do peso e da relevancia da Unión Europea no escenario internacional. Quen moito abarca pouco aperta. E queda un cuarto elemento: sabemos cal é o horizonte de futuro? Non é imprescindíbel sabelo con detalle. A construción europea foise facendo a base de avances sincopados e pragmáticos, pero sen dúbidas existenciais. Agora si temos esas dúbidas. Ninguén é capaz de fixar as fronteiras de Europa. O debate sobre Turquía é o máis evidente. Pero haberá que unificar criterios sobre os Balcáns, dicir se o Cáucaso é europeo, que facer con Ucraína, Moldavia ou Bielorrusia, e definir a relación con Rusia. Oxalá o novo grupo de reflexión que presidirá Felipe González sirva a este propósito. Mentres, Europa, que correu moito, como nunca na súa historia, ve con estupor e incredulidade que iso non impediu que os demais, no resto do mundo, corran máis e nos tomen distancia. Europa no diván. E a dúbida é se todo iso podémolo resolver con psicanálise freudiano (escudriñando no fondo psicolóxico dos nosos problemas) ou aplicando outras técnicas, incluído o tratamento farmacolóxico (impóndonos terapias de choque). O problema é que ninguén identifica ao médico axeitado.
La Vanguardia - 16.02.08
Sem comentários:
Enviar um comentário