terça-feira, março 11, 2008



Un novo pacto entre Europa e Estados Unidos

Por Joschka Fischer

Moitos cidadáns e gobernos europeos, profundamente frustrados coas políticas do Goberno de Bush, confían en que haxa un cambio fundamental na política exterior estadounidense tras as próximas eleccións presidenciais. Pero sería necesaria unha milagre política de certas dimensións para que esas esperanzas non se vexan defraudadas, e todo indica que dito milagre non vai ocorrer, gañe quen gañe. O Goberno de Bush cometeu numerosos erros en política exterior, de consecuencias transcendentais. Pero Bush non inventou o unilateralismo de Wáshington nin causou a fenda transatlántica entre Estados Unidos e Europa. É verdade que reforzou ambas tendencias, pero as súas verdadeiras causas están en factores históricos obxectivos, en especial o feito de que Estados Unidos é a única potencia mundial desde 1989 e Europa se debilitou a si mesma. Mentres Estados Unidos siga sendo a única potencia mundial, o seu próximo presidente non poderá nin quererá cambiar o marco esencial da política exterior dese país. Non hai dúbida de que será importante quen obteña a Casa Branca: un candidato de quen sexa esperable que continúe a política exterior de Bush ou alguén disposto a empezar de novo. No primeiro caso, a brecha transatlántica profundarase de forma radical. Catro -ou ate oito- anos máis de política estadounidense como a de Bush farían tanto dano á esencia da alianza transatlántica que poderían pór en perigo a súa propia existencia. Se, pola contra, o próximo presidente se compromete a emprender unha nova dirección, a política exterior estadounidense podería volver ser máis multilateral, máis centrada en institucións e alianzas internacionais e máis disposta a devolver a relación entre a forza militar e a diplomacia ás súas proporcións históricas. Esta é a parte positiva. O malo é que, ate nunhas circunstancias tan prometedoras, Estados Unidos, como potencia mundial, non renunciará á súa política de "man libre" nin esquecerá a súa forza e a súa posición de superioridade entre todos os países. Outra mala (ou boa?) consecuencia é que unha política máis multilateral de Estados Unidos aumentará a presión para que os europeos asuman máis responsabilidade nas crises e as resolucións de conflitos internacionais: en Afganistán, Irán, Iraq, Oriente Próximo, Transcaucasia e Rusia, así como á mantenta do futuro de Turquía. A estas prioridades comúns, os europeos deberían engadir África, o cambio climático e a reforma de Nacións Unidas e o sistema comercial mundial. Europa menosprezou durante moito tempo o seu propio peso, a súa importancia. O valor xeopolítico, económico e social de Europa é evidente. Pero, ademais, a integración europea dos intereses de varios Estados soberanos mediante unhas institucións comúns pode ser un exemplo para gran parte do mundo. En especial, a forma na que Europa, no seu proceso de ampliación, proxectou o seu poder para acadar unha paz duradeira en todo o continente e promoveu o desenvolvemento ao integrar economías, Estados e sociedades no seu marco institucional, podería servir de modelo para construír unha orde mundial de cooperación no século XXI. Este modelo moderno, progresista e pacífico é único e superior a todas as demais respostas actuais ás cuestións políticas fundamentais. Pero unha cousa é que poida facelo e outra cousa é que o faga. A influencia de Europa no mundo é débil polas súas disputas internas e a súa falta de unidade, que debilitan á Unión Europea e limitan a súa capacidade de actuación. Obxectivamente forte e subxetivamente enferma: así podería describirse a condición actual da UE. Este momento actual de debilidade de Estados Unidos coincide cun panorama político internacional que cambiou de xeito substancial e que se define, en gran medida, polas limitacións do poder estadounidense, a ineficacia de Europa e a aparición de novos xigantes mundiais como China e India. Con estas transformacións, segue tendo sentido falar de "Occidente"? Acho que si, máis que nunca, porque a fenda entre Europa e Estados Unidos deixa ás dúas partes moito máis débiles ante o mundo. Os excesos unilaterais de poder de Wáshington ofrecen a oportunidade de empezar de novo nas súas relacións con Europa. Estados Unidos vai necesitar máis que nunca uns socios fortes, e estará disposto a buscalos. A que esperan, pois, os europeos? Por que non empezar xa a superar a tensión tradicional entre a OTAN e a Unión Europea, sobre todo agora que a política francesa respecto da OTAN, co presidente Nicolas Sarkozy, emprendeu a boa dirección? Para que o secretario xeral da OTAN e o responsable da política exterior da Unión Europea asistan de xeito habitual aos consellos de ambas as organizacións non fan falta moito tempo nin moito esforzo. Por que non iniciar consultas de alto nivel entre a Unión Europea e Estados Unidos (nas que participe o secretario xeral da OTAN cando se fale de cuestións de seguridade), por exemplo invitando ao secretario de Estado e outros membros da Administración estadounidense, como o secretario do Tesouro e o responsable da Axencia de Protección Ambiental, a que asistan varias veces ao ano ás correspondentes reunións do Consello da UE? Por que non celebrar reunións anuais do Consello Europeo co presidente de Estados Unidos? Tamén sería importante que houbese reunións periódicas dos comités correspondentes do Congreso estadounidense e o Parlamento Europeo, posto que eses dous organismos terán que ser os que ratifiquen calquera tratado internacional. A sorte do Protocolo de Kioto debería servir de lección a todas as partes implicadas. Unhas consultas deste tipo entre Estados Unidos e a Unión Europea non necesitarían ningún acordo previo, así que poderían comezar sen máis preliminares. Hai unha cousa da que os europeos poden estar seguros xa hoxe, que estamos en plena campaña electoral estadounidense: se Estados Unidos ten unha política exterior de orientación máis multilateral, Europa non poderá seguir actuando comodamente a remolque nos asuntos políticos mundiais. E iso é positivo. A nova fórmula transatlántica debe consistir en máis voz na toma de decisións a cambio dunha maior repartición de responsabilidades.

Sem comentários: