domingo, março 09, 2008

Francisco Veiga (foto de Enric Tomas)


"Europa pagará os pratos rotos de Kósovo"
Unha interesante entrevista publicada no xornal La Vanguardia de Enric Tomas a Francisco Veiga, profesor de Historia da Europa Oriental na UAB e especialista en Turquía e nos Balcáns.

Hoxe hai tres semanas que Kósovo declarou a súa independencia de forma unilateral, nunha decisión que contou co beneplácito dos grandes países da comunidade internacional. España, quizais pensando en clave interna polo 9-M, rexeitou, de momento, a proclamación.

O asunto de Kósovo ten moito de instrumental para Madrid, polo que refire a política interna e a súa relación cos nacionalismos, e para Wáshington, que o utiliza para manter a hexemonía e a solvencia dunha organización como a OTAN. Así o entende Francisco Veiga, profesor de Historia da Europa Oriental na UAB e un dos maiores especialistas en Turquía e nos Balcáns.

Veiga considera que a pregunta clave no asunto Kósovo non é por que se lle concedeu a independencia, senón por que agora. Este experto en historia balcánica recoñece que a independencia desta antiga provincia serbia non podería terse levado ao Consello de Seguridade de Nacións Unidas, debido ao veto asegurado de Rusia e China. O que non entende é por que non se propuxo levalo o tema de Kósovo á Asemblea Xeral da ONU.

Por que?
Non busques porque non atoparás a resposta. É máis, o problema sería que na Asemblea Xeral, americanos e ingleses non o terían tan fácil para aprobar a independencia de Kósovo, porque nela interveñen todos os países e non hai dereito a veto. Alí hai unha serie de países que non recoñeceron a independencia de Kósovo, e outros que dubidan.
Que países hai nun lado ou outro?
Practicamente toda América Latina non recoñeceu a independencia. África, polo estilo. En Asia, creo que só Taiwan aceptou a emancipación de Kósovo. E as potencias emerxentes, que son as que cortarán o bacallau en pouco tempo senón estano xa facendo, dixeron tamén que non. Falamos dos BRIC, Brasil, Rusia, India e China. Outra zona, como os Balcáns, tamén dixo que non ou que non o ven claro. A conclusión disto é que unha medida que se nos vendeu como estabilizadora dos Balcáns recolleu oposicións de países que ata agora eran membros fieis e entusiastas da OTAN.
Entón?
Estes países ven que entraron na OTAN e a Unión Europea para ter unha garantía ante o veciño, pero se toparon que estes organismos, no canto de defendelos, cortan, fan e desfán ao seu gusto. A independencia de Kósovo chegou nun momento en que a entrada destes países na UE era o camiño para a superación dos conflitos seculares nos Balcáns.
Pero se a cousa era tan aventurada, por que se fixo?
Por unha banda, a intervención da OTAN en 1999 en Kósovo ten dúas explicacións, unha real e outra máis ou menos ficticia. A ficticia é que se interveu para derrocar a Milosevic, algo que non se logrou porque o presidente serbio seguiu no cargo ate dous anos despois. A máis real, ten relación co panorama internacional dos 90, que foron os anos do New World Order proclamado por Bush pai. Esta nova orde internacional era o resultado natural do final da Guerra Fría, onde se falou da vitoria "do ben sobre o mal". Se isto era certo, o mundo da posguerra fría era equilibrado, pacífico, etc.
E foi así?
Non. Ao longo dos 90 temos un rosario de conflitos, como Ruanda, Alxeria ou Iugoslavia. Este último foi un gran problema porque, durante a Guerra Fría, Europa salvouse das guerras. Pero ao final desta, empezaron de forma consecutiva os cinco conflitos armados nos Balcáns, o que demostra que o New Order non triunfou, que os bos non triunfaran sobre os malos. Tras algunhas dificultades, cando se logrou arranxar a última guerra, a de Bosnia en 1995, empezou o levantamento da UCK en Kósovo. En 1998, esta insurrección converteríase en guerra e a potencias mundiais, con EE.UU. á cabeza, xa non podían mirar facía outro lado. Tiñan que arranxar outra vez a situación, tres anos logo de facer o propio en Bosnia.
Que significou para EE.UU. este reinicio das hostilidades?
A guerra de Kósovo supuxo un novo desafio ao New Order que Wáshington dicía que estaban impondo e dentro desta nova orde hai cousas moi importantes, por exemplo, a solvencia e a viabilidade da organización militar máis grande do mundo, a OTAN. Ademais, a súa xustificación ao termo da Guerra Fría non estaba moi clara. Penso que aos americanos interésalles moito que haxa unha OTAN porque son eles quen a controlan. Ademais, mentres esta organización exista, a UE non terá exército propio nin política exterior propia. Aquí hai unha loita moi importante dos americanos para pór todos os paus posibles á roda da UE.
Por que fai isto EE.UU.?
Porque saben que se a UE crece e acumula poder será un adversario importante, como mínimo no terreo económico. Ademais, se Bruxelas, ademais, chega a un entendemento cos rusos, sobre todo agora que Moscova converteuse no gran subministrador de gas a escala mundial, podes imaxinarche o que pode pasar. É por iso que é moi importante para EE.UU. inventarse unha nova Guerra Fría para preservar a solvencia da OTAN, nun momento, ademais, en que esta organización está fracasando en Afganistán. Por iso era tan importante pechar o tema Kósovo e poder dicir misión cumprida. Cabe salientar, así mesmo, que a OTAN move miles de millóns de dólares en contratos militares.
E isto afectará a Europa?
Europa pagará os pratos rotos de Kósovo. A independencia da ex provincia é un intento máis de EE.UU. de ter atados aos europeos.
Que supón o recoñecemento de Kósovo?
Ao recoñecer a independencia de Kósovo e de que esta non pertenceu a Serbia cargáronse as bases xurídicas de [os acordos de] Dayton. Por iso os serbios de Bosnia poden pedir trazar de novo as súas fronteiras. Os croatas tamén poden reclamar o mesmo, aínda que de momento non din nada porque están esperando entrar na UE. É dicir, mudáronse demasiado rápido as regras do xogo.
Teríase que agardar uns anos para recoñecer a Kósovo?
Non necesariamente. Poderíase tirar por outros camiños que non se consideraron: por exemplo crear un estado federal en Kósovo, con albaneses ao sur e serbios ao norte. Ou tamén, pospor calquera independencia ou soberanía ata que todos os implicados ingresasen na Unión Europea. Deste xeito poderíase potenciar unha cooperación rexional que, de feito, xa se está facendo. Entón por que non se optou por esta vía posibilista?
Pois polo que comentaba antes. Necesitábase un acto de forza para demostrar quen manda, a saber, Wáshington e un grupo de países hexemónicos da UE.

KÓSOVO EN CLAVE INTERNA

Como ve o tema Kósovo e España?
Non sabemos o que pasará despois do 9-M en España respecto de Kósovo. Non se pode desbotar que se o PSOE gaña sen maioría suficiente e ten que negociar con PNV, CIU ou ERC, o tema de Kósovo sexa un dos que estea encol da mesa, algo que a Zapatero iríalle moi ben porque podería quedar ben recoñecendo a Kósovo a cambio de apoio en forma de escanos. Para un Goberno, o tema de Kósovo pode ser moi instrumental. O goberno español pode negarse a recoñecer a antiga provincia serbia porque está en pleno proceso electoral, pero despois pódese utilizar o recoñecemento como moeda de cambio. Refírome a política interior. E matarían dous paxaros dun tiro: queda ben ante europeos e americanos e ante os nacionalistas. E non descarto que Rajoy puidese facer algo parecido, en caso de necesidade.
E que poden tirar os nacionalistas ou independentistas de que o Goberno español recoñeza Kósovo?
Pois poder dicir algo así como que "logramos que a España opresora recoñeza Kósovo", ou "¡Irmáns kosovares, fixemos algo por vós!". Lograr que Madrid reconsidere a súa posición sería un éxito, porque se o fan por eles mesmos non sería o mesmo. Sería unha baza ben xogada.
E o seguinte paso, cal sería?
Vai ti saber cal sería o próximo paso. Desde o punto de vista do nacionalismo catalán isto é unha estupidez porque levamos desde 1990 cos ditosos modelos báltico, croata, montenegrino? E serviron de algo? Non. Catalunya está onde estaba. Se houbo algunha oportunidade histórica de montar unha andrómena independentista aquí foi estes últimos anos 90, e non serviron de nada. E é que unha vez os pobos sen estado logran o status de estado, pasan a tratar con estados soberanos, e non con pobos sen estado.
Cre que España perdeu unha oportunidade de porse á altura dos grandes de Europa?
Penso que a está perdendo. Porque parece que a decisión de non recoñecer a Kósovo non estivo acompañado dun plan B, nin sabemos se a negativa responde a política interior ou a outro plan que non coñecemos.

LA VANGUARDIA - 09.03.08

1 comentário:

Im-Pulso disse...

Grazas pola información, paréceme unha visión moi acertada do caso. Visito a blogue de cando en vez, perón vexo que teré que vir de cotío. Unha aperta.