terça-feira, agosto 12, 2008


O que diga Putin

Por Valentí Puig

Un erro fatal de cálculo por parte do presidente de Xeorxia deixa espida a rugosa realidade dun mundo cada vez máis multipolar e no que Rusia reina no patio traseiro do que foi a Unión Soviética. Crendo terse metido a Bush jr. no peto e contar xa con cobertura da OTAN, a Saakashvili ocorréuselle meterlle o dedo no ollo a Putin mentres estaba nos Xogos Olímpicos de Pequín. Se agardaba aquiescencia á súa intervención militar en Osetia do Sur ou unha resposta estritamente proporcionada de parte de Moscova só pode deberse a que, nos seus anos en Harvard, Saakashvili non aprendeu suficiente sobre a prudencia e realismo político. Só a insensatez explica que Saakashvili non sexa consciente de que o oso ruso anda solto. Mentres os clarines olímpicos soan na China semitotalitaria como síntese postmaoísta de Píndaro e Confucio, Rusia opera naqueles espazos que o «horror vacui» da xeoestratexia incita a ocupar. A comunidade internacional emite comunicados e envía intermediarios.

Dabondo ten con Iraq, Afganistán, Paquistán ou Irán, tarefas para as que require do voto ruso no Consello de Seguridade. Os oleodutos que pasan por Xeorxia e avituallan -1,2 millóns de barrís ao día- a unha Unión Europea con política enerxética por estrear poden compararse, sen esaxerar, a un cordón umbilical. O episodio xeorxiano vén ratificar en parte as teses sobre un mundo postamericano no que compoñentes autoritarios como China ou Rusia impoñen as súas condicións. Por iso hai quen reclama en Washington un retorno a estratexias equiparables ao período Truman-Eisenhower, cando a contención do expansionismo soviético instrumentouse de forma dura pero restrita, sen lanzarse a aventuras bélicas nin arriscarse a guerras cuxas consecuencias foran incalculables. A Rusia de Putin, certamente, non é a Unión Soviética de Breznev, pero, con petróleo e a vontade de recuperar áreas de influenza na súa contorna xeográfica, o oso ruso pisa forte.
Máis flagrante é así o erro do presidente xeorxiano, aínda que poida argumentarse que Putin púxolle a trampa. Por outra banda, a Putin váiselle a man con ostentosa facilidade, como se viu en Chechenia. Agora quizais non se contentará só con recuperar o peculiar «status quo» de Osetia do Sur: tamén castigará á Xeorxia dun presidente cuxo aventurismo pon en apertos diplomáticos o chamado «soft power» da Unión Europea. De Putin o menos que pode dicirse é que exerce de veciño moi perigoso, que a sutileza diplomática non é a súa principal virtude e por iso vótanlle unha e outra vez os rusos que hai anos ficaron tan descorazonados coa vertixinosa desintegración da Unión Soviética. Como comportarse ante Rusia é unha pregunta cada vez máis peliaguda. Kósovo aparece co grosor dun nó gordiano. Con tanta incerteza en terras afgás, a OTAN que xenerosamente facilitou os seus limiares a Xeorxia deberá ter presente que polo menos Angela Merkel non estivo tan entusiasta. Sexa con McCain ou con Obama, a idea de sementar democracia por aspersión ou con divisións blindadas queda arquivada. Adeus aos neconservadores. De ingresar xa Xeorxia na OTAN, tería intervido Putin en suposta defensa de Osetia do Sur? En caso afirmativo, como actuarían en defensa de Xeorxia os membros da Alianza Atlántica? Segundo o que parece, o mundo non está para hipótese, senón para realidades estables. Un efecto de mimesis balcánica podería implicar a Rusia de Putin até extremos máis que regresivos que a ninguén conveñen.

Occidente ten escasa marxe de manobra e ao mesmo tempo sabemos que consentir accións unilaterais como a de Rusia contra Xeorxia vén ser como aceptar o seu veto na OTAN. Tamén sería útil sacar a lección implícita na obsequiosidade voluntarista con que os Estados Unidos asumiron a posición aparatosamente proamericana do presidente xeorxiano. O efecto foi contraproducente. A lea deixa xa un regueiro de vítimas e aniquilación. Por agora, Putin sae gañando en demérito de calquera esbozo de nova orde mundial.

Salvo por unha intuición astral, é un estraño momento este para que responsable de política internacional do PSOE, Elena Valenciano, reivindique o buenismo como pócima universal. Sobre todo, hai que desempoar os mapas do Cáucaso.

Sem comentários: