domingo, junho 22, 2008
quinta-feira, junho 19, 2008
Europa non gobernará o século XXI
Por Robert Kagan, membro non numerario do Carnegie Endowment for International Peace, socio transatlántico do German Marshall Fund e asesor non oficial do senador John McCain. O seu libro máis recente é The Return of History and the End of Dreams
Hai apenas dous anos, o pensador e autor británico Mark Leonard publicou un libro titulado "Why Europe will run the 21st century" [Por que Europa levará a voz cantante no século XXI]. A día de hoxe, cabe preguntarse en que grao sequera vai ter Europa algunha participación no século XXI. Non se trata xa só do golpe mortal que o xoves da semana pasada propinoulle o rexeitamento de Irlanda ao Tratado de Lisboa que reorganizaba a Unión Europea. Pasei seis dos últimos oito anos na capital da Unión Europea e, ao longo deste período, puiden aprezar unha perda constante de confianza de Europa en si mesma, un repregamento sobre si mesma e un pesimismo crecente respecto do futuro. Por moito que toda a atención se centre nos males da economía estadounidense, poucos europeos cren que estean a piques de herdar o mundo. á economía alemá está a irlle moi ben nestes momentos, pero iso é excepcional, e mesmo os propios alemáns temen que se trata de algo pasaxeiro. A compracencia que os europeos experimentan ante a debilidade do dólar e a fortaleza do euro non pasa de ser unha bendita oportunidade coa que distraerse da preocupación, profundamente arraigada, de que os xigantes asiáticos están a deixarlles atrás e están a sacar a Europa da competitividade na economía internacional. O gran veciño de Europa tamén lles causa angustia. Non hai día en que algún representante europeo non clame por unha política enerxética común para facer fronte aos monopolios depredadores rusos, pero non hai día en que os rusos non pechen un novo acordo que favorece uns intereses europeos concretos a expensas doutros. Os europeos están moito máis preocupados pola inmigración e a identidade cultural do que o estaban cando cheguei aquí. Nestes días, na maioría das eleccións que se celebran en Europa as cuestións da inmigración e a asimilación dos inmigrantes aparecen como pano de fondo, e a inmensa maioría das persoas coas que falo dubidan de que Europa vaia ser quen de integrar aos novos inmigrantes. Até os partidarios do laicismo senten inquietude, por que o que eles chaman a Europa cristiá, está a ser corroída polo fluxo imparábel de musulmáns e de cultura musulmá; eis as protestas que se suscitaron este ano ante a modesta proposición do arcebispo de Canterbury de que se atopase acomodo en Gran Bretaña aos preceptos legais da sharia. Máis sorprendente é, quizais, o desafío continuo á unidade europea. A UE segue sendo unha organización milagrosa e ninguén debería apostar por que non vaia seguir avanzando. Con todo, as grandes potencias europeas seguen mantendo celosamente as súas prerrogativas en materia de política exterior, especialmente, algo comprensible cando se trata de evitar o máis mínimo perigo para os seus soldados. Para agravar o problema, o sentimento xeneralizado aquí é que Europa está falta dun liderado potente. A Gordon Brown considéraselle pouco sólido. Angela Merkel está atada de pés e mans na súa gran coalición. A moitos estadounidenses e a moitos italianos caelle ben Silvio Berlusconi, pero non á maioría dos europeos de fóra de Italia. Cando apunto, como típico estadounidense que son, ao refrescante liderado de Nicolas Sarkozy, fóra de Francia non me responden máis que con silencio ou co ceño engurrado. En Gran Bretaña e en Alemaña, Sarkozy está considerado unha estrela fugaz e, como moito, para Francia, non para Europa. Por todas partes vese que o interese propio imponse ao interese común. Supúñase que o Tratado de Lisboa ía resolver algúns destes problemas. ía crear dúas figuras con liderado para representar a Europa na escena mundial, un presidente e un ministro de Asuntos Exteriores. Os nomes que se manexaban para estes dous postos, desde Tony Blair até o sueco Carl Bildt, facían posible pensar que Europa asumiría un papel máis preponderante no mundo, aínda a pesar de todas as dúbidas. Para os euroentusiastas dun extremo ao outro do continente, a nova Constitución era a resposta ao malestar de Europa e o paso seguinte cara ao liderado mundial. Que vai pasar agora, con todo, unha vez que o Tratado está ferido de morte? Todo isto é malo para Estados Unidos. Nun mundo no que están a nacer grandes potencias, das que dúas resultan ser autocracias, Estados Unidos necesita que os réximes democráticos sexan tan fortes como sexa posible. Unha Europa unificada, independente, con capacidade, convén aos intereses estadounidenses, aínda no caso de que en ocasións poidamos estar en desacordo. Eu preferiría moito antes ver a Europa levando a voz cantante no século XXI que á Rusia de Vladimir Putin ou á China de Hu Jintao. O risco desta última labazada á confianza europea é que os nosos aliados, incluída Gran Bretaña, poidan ir caendo aos poucos nunha sorte de intrascendencia a escala mundial. Xa xorden voces en Londres ás que non lles parece mal. En The Financial Times, Gideon Rachman cre que, na súa inmensa maioría, os europeos, se non os seus dirixentes, prefiren pasar desapercibidos e teñen razón ao preferir esa opción. é mellor que ter que ser como Estados Unidos, con responsabilidades en todo o mundo. A final de contas, «ser unha superpotencia pode constituír unha empresa sanguenta e demasiado onerosa -escribe-. A debilidade de Europa é unha especie de nirvana». Non cabe dúbida de que Rachman está no certo cando afirma que moitos europeos prefiren que sexa así. Europa empezou a toparse a gusto nun papel parecido ao do coro nunha traxedia grega, permanentemente dedicado a comentar e a expresar a súa opinión sobre o que fan os protagonistas («Oh, Edipo, pola túa imprudente arrogancia esnaquizado!»), pero practicamente sen ningún efecto, ou moi escaso, no desenvolvemento do drama. Quizais Europa, esa Europa falta de liderado, esa Europa falta dun novo tratado, é como é porque iso é o que realmente queren ser os europeos. Nese caso, o século XXI, que desde logo non será gobernado por Europa, será unha época verdadeiramente difícil para Estados Unidos.
Artigo publicado no xornal El Mundo - 19.06.08
terça-feira, junho 17, 2008
domingo, junho 15, 2008
sábado, junho 14, 2008
A UE quere unha asociación especial con Israel
A Unión Europea quere crear unha asociación especial con Israel e debate actualmente como relacionar ese obxectivo coa actitude dese país no proceso de paz en Oriente Medio, informaron varias fontes comunitarias. Os ministros de Relacións Exteriores da UE e de Israel celebrarán un consello de asociación, en Luxemburgo, no que se continuará a discusión sobre como formular esta idea, que por agora non foi totalmente definida pola parte comunitaria. Os países da Comunidade "aínda están a discutir as súas posicións", afirmou unha fonte comunitaria, mentres que un diplomático europeo afirmou taxantemente que se atopará unha fórmula. O obxectivo é ver até onde se pode facer que Xerusalén participe nos mecanismos de decisión da UE segundo algún tipo de "estatuto híbrido" polo que siga sendo un país non membro pero fortemente asociado. Israel participa con outros Estados do sur e do leste na chamada "Política de Veciñanza", deseñada para ofrecer "todo menos a adhesión" aos seus veciños máis próximos. Fontes comunitarias sinalaron que un exemplo dese modelo "híbrido" podería ser a estreita cooperación que mantén a Comisión Europea con países como Noruega, que forma parte do Espazo Económico Europeo, ou Suíza, que participa nas políticas de control de fronteiras ou no Programa Marco de investigación. Amnistía Internacional advertiu á Unión Europea que calquera incremento da súa relación con Israel debe incluír "mecanismos máis firmes" sobre os dereitos humanos. O director da oficina de AI para a UE, Nicolas Beger, sinalou que unha mellora da relación con Israel sería "un sinal erróneo" se non inclúe mecanismos "que poidan confrontar eficazmente as violacións dos dereitos humanos". A posibilidade desta asociación especial acelerouse en abril pasado, cando a Comisión Europea propuxo aumentar a cooperación con Israel, Marrocos, Ucraína e Moldavia, os países que máis aproveitaron a "política de veciñanza". Hai uns dous meses, o Goberno israelí enviou á UE un documento "confidencial" co seu punto de vista, e agora a parte europea ten que ofrecer a súa resposta. Con todo, diversas fontes comunitarias negaron que estean en curso "negociacións secretas", tal como denunciou esta semana o líder do grupo de Esquerda Unitaria Europea no Parlamento Europeo, Francis Wurtz.
Os mestres de xornalismo ensinan que hai que fuxir do persoal nos artigos. Teñen razón. Pero permitan a excepción dunha historia irlandesa. Cornelio, un corpachón do pequeno porto de Castletown, veu a finais dos 60 ao seminario de Salamanca. Con todo as rapazas tiraban máis que a sotana. Así que plantou e retornou ao seu pobo. Alí só tiña unha habilidade que o distinguía: no seminario aprendera a chapurrar castelán (que acabaría sendo máis ben galego). Os barcos de Galicia que atracaban en Castletown pronto o proafillaron como recadeiro. O meu pai, un daqueles patróns pioneiros que exploraron os caladoiros do Gran Sol (unha historia épica galega que está por contar), trabou boa amizade con el. Andando o tempo, Cornelio, tipo listo, copiou o que facían os galegos (pescar) e converteuse en armador. A comezos dos 80, o meu irmán foi enviado de vacacións á casa do amigo irlandés. E alí ocorría algo que o asombraba. Os sábados, os empregados de Cornelio tiñan dereito a ducharse na vivenda do xefe; ¡era parte da súa paga! A anécdota indica que Irlanda era entón un país paupérrimo. Pero desde 1973, cando entrou no Mercado Común, ate hoxe, pasou de gato fraco a opulento tigre celta. é xa o segundo país con máis renda per cápita da UE, da que recibiu 55.000 millóns de euros en axudas. Pero Irlanda dixo non á UE. Vea antipática e teme que elimine as súas vantaxes fiscais, imán do investimento estranxeiro. Grande miopía nacionalista. Que sería dese país de 4 millóns de persoas sen o paraugas da Unión? Que pintaría a bucólica pero diminuta Eire soa nun mundo que en breve dominarán 1.300 millóns de chineses e 1.100 millóns de indios? Os europeos necesitamos superar o minifundio e levantar algo grande xuntos, unha Unión Europea democrática e con peso político. Se non o facemos, a historia converteranos en nacións residuais, con moito folclore, moito feito identitario... e cero futuro.
domingo, junho 08, 2008
Apoloxía e pedagoxía de Europa
Continuan as presentacións polo País dos libros "Galiza na Unión. A porta atlántica" e "Europa, o continente pensado", de Camilo Nogueira.
Eis as dúas próximas:
- Venres 13 de xuño, ás 20.00 horas, na Galería Sargadelos de Lugo.
- Xoves 19 de xuño, ás 20.00 horas, no salón de actos do Concello de Moaña.
quinta-feira, junho 05, 2008
segunda-feira, junho 02, 2008
Este vindeiro venres 6 de Xuño terá lugar en Vigo unha moi interesante charla-coloquio do destacado eurodeputado socialista portugués Paulo Casaca
"A liberdade e o Gran Oriente Medio"