quinta-feira, abril 05, 2007


Solidariedade europea
Por Luis Peraza Parga
Agora que estamos no cincuenta aniversario da creación do sistema de integración económico, xurídico e político máis exitoso da historia da humanidade (co fracaso da Constitución pero coa inercia das cousas que xa non se poden nin se saben facer doutro xeito), é bo dar a coñecer un dato pouco coñecido: o clube dos 27 membros da UE é o maior doador de axuda humanitaria do mundo.
Calquera que sexa o motivo, o feito é certo e positivo. Por exemplo, a UE destinou case cen millóns de euros aos desprazados colombianos desde 1997, diñeiro que se reparte a través dos organismos internacionais e de organizacións non gobernamentais que traballan na rexión. Cando a finais da década de 1990, o furacán Mitch asolou a rexión centroamericana -en especial, Honduras-, a axuda europea non se fixo esperar. Ao principio confiaron nas estruturas nacionais para canalizar a asistencia, ate que o diñeiro empezou a desaparecer sen deixar rastro, as auditorias revelaban un comportamento delituoso e varios funcionarios hondureños foron literalmente sorprendidos no aeroporto de Miami con maletas cheas de euros cuxo orixe balbuceaban ao tratar de explicarse.
Desde entón, a UE levou os seus propios materiais de reconstrución e incluso os camións, pontes, etc. Deixou proba da súa solidariedade e non permitiu que se malversara o diñeiro dos europeos. A corrupción pode acabar con calquera política de solidariedade se non se toman decisións difíciles, onerosas, pero as únicas sustentables a longo prazo. Por citar a cifra máis recentes e só no que levamos de ano 2007, os europeos, a través da Unión Europea, doamos 60 millóns de euros para axuda aos máis vulnerables do Chad e Sudán, 18 millóns para Afganistán, un millón para as vítimas das enchentes en Bolivia, dous millóns para Timor Este, catro para as vítimas do ciclón Flavio de Mozambique, 135 para aliviar a fame mundial dirixida a 13 millóns de persoas, 18 millóns para as vítimas do conflito en Chechenia, 10 millóns para as vítimas de Iraq, doce millóns para evitar catástrofes en Centroamérica e Asia central, 600.000 euros para as vítimas das enchentes de Indonesia, 16 millóns para os máis vulnerables de Burma, case 100 millóns para Darfur no 2006 e outros tantos para Costa do Marfil. É xusto ser xeneroso cando formamos parte dunha das rexións máis desenvolvidas e estables do planeta; pero ademais é bo que o cidadán europeo saiba que se está sendo xeneroso co seu diñeiro, porque a maioría destas doazóns proceden da solidariedade impositiva dos europeos.

Sem comentários: