QUEN FALA POR EUROPA?
POR TIMOTHY GARTON ASH
A diferenza de Nacións Unidas, a Unión Europea, a semana pasada, ofreceu "apoio incondicional" ao Goberno británico no seu enfrontamento con Irán. Na súa declaración, os ministros de Exteriores da UE -que representan a 27 países, case 500 millóns de persoas e asume máis dun terzo do comercio iraniano, e que aceptaron sen reservas a versión británica dos sucesos-, dixeron que o secuestro dos mariñeiros e marines británicos por parte de Irán era "unha clara violación das leis internacionais" e reclamaron a súa "liberación inmediata e incondicional". Pódese pedir máis de Europa, no seu grao de desenvolvemento actual? Se queremos que actúe de forma máis enérxica, teriamos que darlle un pau máis grande e unha man máis forte para manexalo.
Agora que os reféns británicos quedaron en liberdade, a pregunta de fondo segue no aire. Que queremos que faga Europa por nós? E que estamos dispostos a facer a cambio? Aquí, en Bruxelas, un dáse de conta de que é probable que a cuestión xurda de forma moi directa durante os tres próximos meses, e que se lle pregunte, sobre todo, a un home: Gordon Brown. Brown di que o verdadeiro problema da Unión Europea, aos seus 50 anos, é como afrontar os grandes retos do século XXI: a reforma económica na era da globalización, a seguridade enerxética, a sostenibilidade diante do cambio climático, o comercio, unhas políticas de axuda e unhas estratexias sobre a débeda que axuden a sacar aos países pobres dunhas condicións indignas para calquera ser humano, axudar a que se produzan os cambios desexables no mundo do islam, de que forma actuar diante da aparición de China e India como potencias mundiais.
Estou de acordo. En todos estes aspectos, o tamaño importa. Se os grandes logros europeus, nos últimos 50 anos, producíronse dentro da propia Europa, os retos dos próximos 50 serán, sobre todo, externos. A ampliación da Unión para acoller a outros países europeos, incluídos Turquía e Ucraína, é aínda un asunto pendente e crucial, pero a Europa vaiselle xulgar, cada vez máis, polo que faga nas súas relacións con países que non sexan membros da Unión. Durante o seu primeiro medio século, o proxecto europeu consistiu fundamentalmente en que faciamos con nós mesmos. Durante o medio século que empeza, consistirá sobre todo en Europa dentro dun mundo non europeo. A Brown -e, xa que estamos, a David Cameron, que coincide con gran parte da análise de Brown- sorprenderíalle saber ate que punto comparten a súa idea nas altas instancias das institucións europeas. Esta estratexia coexiste coas visións máis tradicionais de franceses e alemáns, nas que a unificación europea é un fin en si, para poder competir con Estados Unidos. Pero a análise Browniano da globalización (sería vaidoso chamalo meramente británico) ten moita forza en Bruxelas e, en xeral, nos debates dunha Unión Europea inmensamente cambiada polo que o presidente da Comisión, José Manuel Durão Barroso, chama a súa "gran ampliación" de 2004-2007.
Sen embargo, practicamente todos os nosos socios da Europa continental están de acordo en que a Unión necesita certos cambios institucionais para que estea á altura dos obxectivos. Independentemente das súas discrepancias filosóficas, as dirixentes europeos achéganse cada vez máis para un novo acordo que debería estar sobre a mesa no Consello Europeu de finais de xuño. É probable que o Consello propoña unha nova conferencia intergobernamental que negocie rapidamente os termos dun novo tratado, coa esperanza de que os 27 Estados membros puidesen ratificalo antes de 2009. Entón, a Unión Europea podería presentarse como un socio estratéxico máis crible ao novo Goberno de Washington, para non falar das súas relacións con Rusia, China, India e o resto do mundo. O novo tratado, que non se chamaría Constitución, incluiría moitos dos cambios constitucionais máis importantes do anterior, pero prescindiría do solemne preámbulo de Valéry Giscard d'Estaing, seguramente tamén da Carta de Dereitos Fundamentais (que sería un documento aparte) e algúns outros elementos.
O presidente do Consello Europeo tería un mandato máis longo, en vez do follón actual dun líder nacional diferente cada seis meses. Tanto o Parlamento Europeo como os parlamentos nacionais terían un papel máis importante. Talvez se ampliaría lixeiramente o voto por maioría cualificada. Habería unha "cláusula de saída" para que os países desexosos de abandonar a UE dispuxesen dun procedemento claro para facelo. Habería -e isto é vital- unha soa persoa encargada de "falar en nome de Europa" en política exterior, un papel que combinaría o que desempeña na actualidade Javier Solana e o do comisario europeo de Relacións Exteriores. Esa persoa presidiría o Consello de Ministros de Exteriores, sería vicepresidente da Comisión Europea e encabezaría un único "servizo de acción exterior" europeo.
Case todos os países queren que se lle chame "ministro de Exteriores", pero seguro que tamén serviría Alto Representante, e incluso é posible que fóra máis exacto. Todo isto se sometería a negociación na conferencia intergobernamental, pero os termos de referencia para dita reunión sairían xa fixados do cumio de xuño. Aínda que algúns outros Estados membros están armando un escándalo e tanto Polonia como a República Checa están sendo máis británicas cós británicos, as posibilidades de que todo isto ocorra dependen de dúas cousas: o resultado das eleccións presidenciais francesas e a política da transición Blair-Brown. Se o novo presidente francés é Nicolas Sarkozy, case con certeza estará de acordo con algunha versión desta proposta. Tony Blair -un de cuxos últimos actos en Europa será probablemente o Consello Europeo- seguramente estaría tamén de acordo. Pero que ocorre con Brown? Os Brownólogos máis optimistas din que entende moi ben os argumentos intelectuais en defensa dunha Europa máis forte, que, no fondo, é menos euroescéptico do que pareceu como ministro de Facenda e que, en todo caso, o simpático Brown do 10 de Downing Street [residencia do primeiro ministro] será moi distinto do antipático señor Brown do número 11[residencia do ministro de Facenda]. As opinións cambian segundo o sitio no que se está. Os Brownólogos máis pesimistas subliñan o seu famoso desagrado polas reunións e os contactos europeos. ("Quere entrevistarse co novo ministro alemán de Economía?", din que lle preguntou unha vez un dos seus colaboradores. A resposta: "Non"). Aseguran que fará todo o posible para evitar o referendo que os conservadores e a prensa euroescéptica esixirán inevitablemente perante calquera novo tratado, por modesto que sexa; sobre todo, en vésperas dunhas eleccións xerais. Tamén suxiren que hai moito que fixo un pacto faustiano con Paul Dacre, o director de Associated Newspapers, que inclúe publicacións tan influentes como o Daily Mail e o Mail on Sunday, e con Rupert Murdoch, dono de The Times e o Sun.
Falando en prata, o pacto é o seguinte: vostede siga sendo euroescéptico, e nós apoiarémoslle nas próximas eleccións (ou, polo menos, non empregaremos todas as nosas armas na súa contra). Noutras palabras, din que poñerá os intereses persoais e de partido a curto prazo por riba dos intereses nacionais a longo prazo. Cal destas dúas direccións tomará Brown? Ninguén o sabe, porque a Brownoloxía é a sovietoloxía do noso tempo. Aos xornalistas euroescépticos do Daily Mail e o Sun non hai nada que lles guste máis que denunciar a unha Unión Europea supostamente dirixida por unha conspiración de burócratas de Bruxelas aos que ninguén elixiu. Aínda teñen que explicar por que sería máis democrático ter unha Unión Europea cuxo rumbo o dite unha conspiración de propietarios de periódicos británicos aos que ninguén elixiu. Se Gordon Brown quere demostrar que é un home de Estado, e non un mero político, ten que deixarlles en evidencia.
Timothy Garton Ash é historiador británico, profesor de Estudos Europeos na Universidade de Oxford
Sem comentários:
Enviar um comentário