NO CORAZÓN DE EUROPA
Por Julio Picatoste
"Na etimoloxía do nome da cidade de Estrasburgo está a idea dunha encrucillada".
Estrasburgo se anuncia ao viaxeiro coa enhiesta frecha da torre única da súa catedral gótica, a máis alta de Europa ate que foi superada pola de Colonia. Xa na cidade, un curto paseo dende a Place d´Austerlitz leva ate a Rue Mercière; ao enfilar esta rúa, o camiñante se topará de cheo coa portentosa fachada da catedral, marabilla do gótico radiante, de rosada pedra arrincada ás entrañas dos Vosgos. Nese intre, o sol de media tarde se proxecta sobre a metade superior da fachada e acende a cor rosado daquela fronte de minuciosa e tupida talla. O espectáculo é admirábel. A praza onde a catedral se levanta carece das dimensións e amplitude da nosa do Obradoiro; iso fai que o templo cobre unha dimensión e volume de proporcións humillante e que á vista se apareza coma un prodixio de poderosa e exuberante verticalidade. A mirada do viaxeiro percorre fascinada aquela inmensa corpulencia pétrea, esculpida con apertada e miúda filigrana, profusa e inabarcábel, de finos pináculos e fermosos calados, toda unha sinfonía perpendicular de pedra e ar. Víctor Hugo, que enxalzou especialmente esta catedral, se referiu a ela como prodixio do xigante e do delicado. Xa dentro do templo destacan as grandes arcadas, e sobre elas un triforio calado e vidreras que cobren ventás de igual anchura que os arcos; un reloxo astronómico do Renacimento chama a atención dos turistas, atentos á alegoría da morte que, implacábel, vai marcando o paso do tempo. A sucesión de varios fas de columnillas contribúe a estilizar o interior e reafirma o sentido de gótica verticalidade, presidida, alá ao alto, por un vistoso rosetón, astro multicolor que reina maxestuoso sobre a atmosfera interior. Ao pé da catedral, na mesma praza, son testemuño do pasado, a singular casa Kammermell do século XVI e a farmacia do Ciervo, que data do século XIII, da que din foi cliente Goethe. É este un bo punto de partida para iniciar o paseo pola bela Petite France, entre antigas casas de curtidores e muiñeiros, de típica construción alsaciana segundo o sistema de viguerías a vista, con travesaños de madeira entreverados nas súas fachadas. O meu acompañante e guía, funcionaria da Embaixada, coméntame que esas edificacións son coñecidas como casas de "pans" (faldóns), sen que coñeza a razón de tal apelativo. Ocórrelleme pensar que talvez esa denominación proveña do costume que os curtidores do lugar tiñan de estender as peles a secar sobre os tellados ou penduradas dos balcóns corridos que adornan algunhas fachadas. Coma se viñese exhausto logo de longo percorrido e de atravesar outras cidades (Nulhouse e Colmar), o río Ill se rompe ao chegar a Estrasburgo, e ramificado avanza infiltrándose nos seus interiores, espallado nun rego arterial que forma varias canles e brazos, dous dos cales cinguen o centro histórico. Esa cohabitación de río e urbe poboa a cidade de recunchos sedutores e fai que poida ser plácidamente percorrida en bateau-mouche; en verdade, toda ela convida ao paseo sosegado, ben a pé, que no centro pode discorrer por zonas peonais, ou en bicicleta, que é aquí de uso habitual por persoas de todas as idades, o que ofrece aos ollos nosos un inusitado estilo de desprazamento urbano. En contraste e convivencia coa arquitectura tradicional do centro antigo, e como expresión plástica da fusión entre vella e nova Europa, nos arredores, e próximas ao parque de l´Orangeríe, modernas e espléndidas edificacións dan acubillo a diversas institucións que fan de Estrasburgo un dos ventrículos do corazón europeo: o Consello de Europa, o Parlamento Europeo e o Tribunal de Dereitos Humanos. O viaxeiro abandona Estrasburgo recordando que na etimoloxía do seu nome está a idea de encrucillada; por iso, cando, xa extramuros, volve a mirada para contemplar por última vez a estilizada torre da catedral, soberbia, encumbrada a súa agulla gótica sobre toda outra edificación, recortada sobre un celaxe de melancólica evocación, quere ver nela un simbólico monolito bellamente esculpido que, cal histórico e monumental fito, sinala o punto de encontro dos camiños de Europa. Que tal é, a final de contas, e aínda máis que onte, o Estrasburgo de hoxe.
Sem comentários:
Enviar um comentário