UE: A súa credibilidade posta a proba polo conflito xeorxiano
Por Julien Bahloul
Guysen International News
04.09.08
Luns 1 de setembro, os 27 membros da Unión Europea tiveron un cumio extraordinario do Consello Europeo co fin de establecer unha mensaxe clara a Rusia. é a primeira vez desde 2003 que se convoca ao Consello Europeo en sesión extraordinaria. Naquela ocasión do conflito iraquí, Europa, composta entón de 15 membros, xa deixara ver aos ollos do mundo profundas divisións. Francia, que ocupa a Presidencia de quenda da UE, pretendía custe o que custe evitar un novo fracaso. Pero hai moitas cousas en xogo e os intereses son diferentes nunha Europa que non deixa de crecer. Os países bálticos, próximos xeograficamente a Rusia, temen ver de novo a este país renovar o control do Leste de Europa. Outros países temen, en caso de sancións económicas, ter que pagar as consecuencias diplomáticas. Todo polo control do paso do gas ao Leste da UE. Neste contexto, Nicolas Sarkozy e Bernard Kouchner deberon facer xogos malabares co fin de non molestar a ninguén lanzando ao mesmo tempo unha mensaxe europea firme. "Que quere Rusia?" preguntouse o Presidente francés na rolda de prensa. "A confianza e a cooperación ou a desconfianza e o aumento das tensións?". Como para xustificar as decisións tomadas no Consello engade: "Quero precisar que esta reunión non ía dirixida en contra de Rusia. Pero queda claro que o comportamento de Rusia durante as últimas semanas, coa súa reacción militar desproporcionada, co recoñecemento das independencias das dúas entidades, co mantemento das tropas rusas en territorio xeorxiano, produciu unha profunda preocupación en Europa e máis aló". Segundo esta política, a única decisión resultante dos debates entre dirixentes europeos é a intención de suspender as negociacións destinadas a establecer unha nova asociación entre a UE e Rusia. En cambio, ningunha sanción real foi imposta contra a Federación rusa. Moscova parece satisfeita desta elección: "Deus grazas, a sensatez gañou", comentou o Primeiro Ministro Vladimir Putin. "Non vemos ningunha conclusión ou proposta extrema e está moi ben", engadiu. Estas declaracións prodúcense mentres que Medvedev cualificou ao Presidente xeorxiano de "cadáver político" e non o recoñece xa como xefe de Estado. Aínda que di lamentar a decisión da Unión Europea, afirma non temer un illamento do seu país, cousa que considera "imposible". Pide aos seus homólogos europeos que non deixen que as diferentes opinións "sobre tal ou cal cuestión prexudiquen ás negociacións sobre a asociación". Para moitos, a decisión do Consello Europeo é sobre todo simbólica e reflicte obviamente a dependencia enerxética da UE de Rusia. Os dous están unidos por un acordo que data de 1997. A prensa enténdeo así, satisfeita "do éxito da diplomacia" do Kremlin e cualificando a decisión europea de "mal menor". A pesar de que os Xefes de Estado e de Goberno non chegaron a porse de acordo sobre sancións máis severas, en cambio fixeron fincapé na axuda ás vítimas así como a súa vontade de facer aplicar o plan de mediación europeo que preve unha saída de crise en seis puntos. Desde este punto de vista, Nicolas Sarkozy irá, como Presidente da Unión Europea, a Moscova o próximo 8 de setembro acompañado do Presidente da Comisión Europea. Reunirase de novo con Dimitri Medvedev e tentará acelerar a retirada das tropas rusas ás liñas previas ao conflito. A UE por outra banda fixo desta retirada un preliminar á continuación das negociacións sobre a asociación. Pero para o embaixador de Rusia en Europa "a UE equivócase coa súa avaliación da situación, porque Rusia xa retirou todas as súas tropas adicionais". Unha declaración que pon de manifesto que o diálogo europeo-ruso semella un diálogo de xordos.
Sem comentários:
Enviar um comentário