Europa ante a crise iraniana
Por Florentino Porteiro
Os europeos establecemos como doutrina oficial o «multilateralismo efectivo», fronte á tendencia «unilateralista e violenta» de Estados Unidos. Trataríase de resolver os retos de seguridade a través dunha diplomacia «preventiva» ou, polo menos, «eficaz» realizada desde organismos multinacionais, empezando polo máis importante de todos eles, o Consello de Seguridade de Nacións Unidas. Tanto o repetimos que acabamos créndoo. En realidade o «multilateralismo efectivo» é só unha negación. Non queremos actuar fóra do marco de Nacións Unidas e non queremos facer uso da forza. A ameaza nuclear iraniana afecta moito máis a Europa que a Estados Unidos. Os seus mísiles, que en breve estarán dotados de cabezas nucleares, alcanzan territorio europeo e, segundo pasen os anos, máis e máis partes del. Proba da preocupación que esperta nos nosos dirixentes, non españois senón europeos, é que nos acollemos á Defensa contra Mísiles Balísticos norteamericana. Con todo, non somos capaces de ir máis aló. é moi posible que só utilizando diplomacia e sancións económicas se poida forzar ao réxime iraniano a abandonar o seu programa nuclear.
As súas vulnerabilidades son moitas, en especial no terreo económico, e está por ver que todos os seus dirixentes estean dispostos a pór en perigo a súa propia supervivencia política. O problema é que as sancións aprobadas na resolución vixente do Consello de Seguridade non se están levando a efecto por parte de Europa e iso que eran de limitado calado. Cando Estados Unidos propón aumentalas o obstáculo non son só Rusia e China, membros do Consello de Seguridade que actúan a miúdo como protectores de Irán, senón as propias nacións europeas que non queren pór en perigo os seus investimentos. O «multilateralismo efectivo» europeo convenceu aos iranianos de que non corren ningún risco económico. Só unha acción militar norteamericana ou israelí podería detelos, pero a un prezo moi alto. Esa é a nosa achega ao réxime de non-proliferación nuclear, esa nosa visión da nosa propia seguridade.
Tirado do xornal ABC
1 comentário:
O mapa é muito ilustrativo, e permite ver como o problema afecta tanto ou mais a Rússia e a China que a Europa.
Permite também ver como o escudo anti-foguetes que está a implementar a OTAN dificilmente está pensado no Iram, senom na Rússia, como os próprios russos defendem.
Enviar um comentário