quarta-feira, dezembro 13, 2006


A Fundación Galicia-Europa:
No camiño dunha Representación Oficial de Galiza na capital da Unión Europea?
A Fundación Galicia Europa é unha institución privada sen ánimo de lucro creada en 1988 para a promoción de "tódalas accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa". Mais, é esta a via axeitada para defender os intereses institucionais de Galiza na UE? Qué é a Fundación Galicia-Europa? A Fundación Galicia Europa (FGE) foi creada en 1988 por iniciativa da Xunta de Galiza cos obxectivos de "lograr un maior grao de formación e información da sociedade galega nas cuestións relativas a Europa e ás súas institucións, e canaliza-la xestión de intereses galegos en Europa". A FGE ten a sua sé en Santiago de Compostela e conta cunha delegación en Bruxelas. A Fundación Galicia-Europa é, como di o seu nome, unha fundación. Non é unha Delegación Oficial da Comunidade Autónoma de Galiza nen da Xunta de Galiza. É unha institución privada sen ánimo de lucro composta por diversas entidades públicas e privadas galegas (Xunta de Galiza, Banco Pastor, Caixa Galicia, Caixanova, cámaras de comercio galegas, deputacións da Coruña, Pontevedra e Ourense). A Fundación gobérnase e adminístrase por un padroado, composto por representantes das entidades membras da fundación e presidido polo presidente da Xunta de Galiza. O padroado delegou a dirección da Fundación Galicia-Europa na Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior. Cual é a diferencia entre unha "Delegación Oficial da Xunta de Galiza" e unha Fundación como a FEG? En termos moi básicos, unha Delegación Oficial é una oficina pública en tanto que representa a un corpo institucional, e unha Fundación é unha organización privada que pode ser creada por calquer grupo de persoas físicas e xurídicas que o desexen, dun xeito comparable a unha asociación cultural. Na práctica, hai obviamente unha clara diferencia de rango ou herarquía que afecta á capacidade de lobbying e que frecuentemente se ve reflexada no mundo real: é un feito normal que a niveis político-funcionariais de Bruxelas sempre se prioriza e se toma máis en serio a todo o que veña dunha Representación Permanente ou Delegación Oficial, comparado cos centos de faxes, emails e chamadas de asociacións e fundacións de todo tipo que contan cunha oficina na cidade. Cando a secretaria de Jacques Barrot teña duas chamadas na liña, unha de non sei qué fundación, e outra de non sei qué governo, a última é a que vai ser atendida primeiro. Este é un exemplo exaxeradamente simple mais real, e dá unha pequena idea de cómo funciona o traballo e as prioridades cotiás en Bruxelas. Por qué razón Galiza non ten unha "Delegación Oficial" en Bruxelas para defender os nosos intereses institucionais, igual que ten tantas outras rexións autónomas e semi-autónomas doutros pases da Europa? A decisión de representar a Galiza na UE a través dunha Fundación e non dunha Delegación Oficial foi mantida polo anterior executivo presidido por Manuel Fraga (PP). Os defensores desa decisión basean o seu argumento en que a Fundación pode dar na práctica o mesmo servizo que unha Delegación Oficial. Os que non concordan con esa decisión lembran que Manuel Fraga sempre tivo tendencia por adiar ou bloquear iniciativas que promocionasen a Galiza como país (seleccións galegas de deportes, o novo Estatuto de Autonoma, a representación institucional de Galiza diante da UE..) e que a carencia dunha Delegación Oficial do Governo Galego en Bruxelas está a limitar a capacidade diaria de presión e negociación entre a UE e a Xunta de Galiza. Que é logo o que fai a Fundación Galicia-Europa? Un pouco de todo. Como di o seu website, a FEG promociona "tódalas accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa". Na práctica, os obxectivos formais da Fundación Galicia-Europa son de: contribuir á formación europea de mozos e profesionais galegos; difundir información de interese para a sociedade galega sobre a Unión Europea; canalizar a xestión de intereses galegos en Europa; e promover a cultura e a economía galega en Europa a través de diversas actividades. A Xunta de Galiza está a utilizar a FEG como ferramenta para exercer un número de labores de comunicación e intermediación institucional bilateral entre a UE e o executivo galego. De feito, a dirección formal da FEG está levada desde a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, e o presidente do seu padroado é o Presidente da Xunta de Galiza. Noutras palabras, a Xunta de Galiza, como a principal institución política da Comunidade Autónoma de Galiza, xa está a exercer tarefas de representación e lobbying na UE, mais en vez de exercelas directamente, a través dunha Delegación Oficial, está a exercelas a través dunha organización intermediaria que é unha fundación. A Fundación Galicia-Europa e os seus traballadores exerceron durante os pasados anos unha importante laboura de promoción de Galiza en Bruxelas, e o seu esforzo debe ser recoñecido por todos. A marxe desta cuestión, a Agrupación do Partido Galeguista en Bruxelas considera que non existe nengunha razón legal nen económica que impida a representación directa da Xunta de Galiza diante da UE a través dunha Delegación Oficial en Bruxelas, como fan tantas outras rexións e mesmo cidades doutros países europeos. De verdade precisamos unha Delegación Oficial do Governo Galego en Bruxelas? Se apostamos por Europa, si. Se queremos ter unha presenza seria en Europa, si. As nosas ambicións e expectativas en política exterior deben corresponderse cun investimento axeitado en recursos. Non pode valer o arranxo enxebre de "facer un pouco de todo". As institucións con claros intereses na Unión Europea deben ter unha representación directa, constante e especializada nos asuntos e no lobbying da Unión. Vexamos o exemplo dunha Comunidade Autónoma con similares competencias executivas, lexislativas e xudiciais que Galiza: Escocia. Escocia ten unha firme e clara estratexia europea baseada na promoción da sua imaxe e intereses no extranxeiro, e no lobby e aproveitamento de recursos, investimentos e colaboración da UE para o seu proprio beneficio económico, social e medioambiental. De acordo con esta estratexia, o Scottish Executive (equivalente da Xunta de Galiza) ten unha Delegación Oficial en Bruxelas como interlocutora permanente entre a institución de governo escocesa e a europea. As principais areas de acción da sua oficina en Bruxelas son a defensa e negociación dos intereses escoceses en materias de pesca, agricultura, medio ambiente e fundos estruturais da UE. Ademáis do governo autónomo escocés, un número de comarcas do país decidiron xuntar forzas e enviar unha representación á capital da EU para reforzar directamente a promoción dos seus intereses rexionais (West of Scotland European Consortium, East of Scotland European Consortium, Highlands and Islands European Partnership). O seguinte nivel na escala territorial, as cidades agrupadas na Convention of Scottish Local Authorities (COSLA), (equivalente da FEGAMP) contan igualmente cunha representación dos seus intereses diante da EU. Finalmente, encóntrase Scotland-Europa, unha organización de carácter xeral pola promoción dos intereses non-governamentais e comerciais escoceses na UE (equivalente da Fundación Galicia-Europa), Scottish Development International (equivalente do IGAPE), e un número de empresas privadas con intereses europeos. Todas estas organizacións están especializadas na consecución dos seus proprios obxectivos, mesmo se todos elas están agrupadas nun mesmo edificio -a céntrica "Scotland House"- e traballan conxuntamente a prol dos intereses de Escocia. Galiza, que ten tantos intereses en Europa, nas suas políticas agrarias, de pesca e de fundos estruturais, só ten unha "fundación". Obviamente, comparados con Escocia, a aposta europea de Galiza é mínima. Cual sería o futuro da Fundación Galicia-Europa se se abrise unha Delegación Oficial do Governo Galego en Bruxelas? O futuro da Fundación Galicia-Europa está na incertidume desde o cambio no executivo galego en 2005. O deputado do BNG Carlos Aymerich declarou que é o momento de "deixarnos de fundacións e crear unha delegación permanente de Galiza na UE. Sería máis eficaz, transparente e axil". O deputado do PSdG Ismael Rego, opinou que a FGE "non pinta nada" na política exterior de Galiza. O xeito de representar a Galiza diante da UE por medio dunha fundación fora mantido uniteralmente e sen consenso polo anterior governo galego do PP, sen contar coas aportacións de PSdG e BNG. Estes dous partidos denunciaron varias veces a práctica frecuente do executivo anterior de creación de fundacións e de delegación nelas de tarefas de governo e de usos que podían escapar ao control público. O presente executivo, formado polo governo bipartito PSdG-BNG ten agora a oportunidade de aportar as suas solucións. A Agrupación do Partido Galeguista en Bruxelas considera que a idea de simplemente desmantelar a Fundación Galicia-Europa para convertila nunha Delegación Oficial de Galiza en Bruxelas non é a máis apropriada de todas as opcións posibles. Un exemplo ideal a seguir nun principio é o anteriormente mencionado de Escocia, que ten unha Delegación Oficial do seu governo para asuntos de representación e lobby institucional (Scottish Executive) e unha organización de carácter xeral para a promoción variada de intereses non-governamentais (Scotland-Europa). Parella estratexia seguiu posteriormente Cataluña, que hoxe conta cunha oficina da Generalitat en Bruxelas xunto con outra organización non-governamental que é o Patronat Català Pro Europa. Igualmente, Galiza pode tamén contar desde xa cunha Delegación Oficial da Xunta de Galiza na Unión Europea, especializada na representación e defensa das suas políticas e intereses, e complementariamente manter unha Fundación Galicia-Europa que actue noutros eidos non-governamentais, aproveitando a sua experiencia de 15 anos de traballo na promoción de Galiza en Europa e vice-versa. Traballo hai dabondo para todos.
Visita o website da Fundación Galicia-Europa http://www.fundaciongaliciaeuropa.org/

Sem comentários: