Unha penosa contradición
Por Camilo Nogueira
De acordo cos resultados do Eurobarómetro do Parlamento Europeu feito público este día, a visión dos cidadáns sobre as próximas eleicións europeas está moi condicionada pola crise económica. Así se interpreta o facto de a preocupación da xente estar centrada nos “problemas de cada día”, desde o emprego á sanidade pública, e que se demande unha proteción máis forte desde as instituicións europeas, exixindo con ese obxectivo unha mellor coordenación da política económica, orzamentaria e fiscal da Unión. A sondaxe reférese, por outra parte, á confianza nas instituicións comunitarias, de maneira que en relación con un Eurobarómetro anterior esa confianza diminuíu a respeito do Parlamento Europeu, pasando de 51% a 45%, a concernente á Comisión Europea, baixando desde 51% a 42% e a referente ao Banco Central Europeu, antes 48% e agora 39%. O inquérito trata finalmente das eleicións europeas, revelando que 43% dos cidadáns están interesado nelas, entanto que non é así para 53%, tendo decidido definitivamente que van votar 34% e que non o farán en ningún caso 15%.
.
En resume, ante a crise os cidadáns desexan unha acción decidida das instituicións europeas, mais non confian nelas, prevéndose unha moi baixa participación nos comicios de xuño. A interpretación mediática da sondaxe pode resumirse con dous titulares de imprensa: “As eleicións europeas ameazadas dunha abstención record”, como rezaba un xornal de Paris, e “A crise afunde a confianza nas instituicións da Unión Europea”, como anunciaba outro de Madrid. Coñecendo a marcha dos asuntos da UE nada disto resulta supreendente. A eiva do Eurobarómetro é que non se interesara sobre todo polo papel do Consello Europeu, a instituición que formada polos xefes de Estado e de Governo dos 27 Estados membros dispón do maior poder na UE, en muitos asuntos praticamente en exclusiva, nen sobre a responsabilidade dos Estados membros. Formando a primeira potencia económica mundial e a terceira entidade demográfica do planeta, contando con un espazo económico e monetario común e posuindo, con todas as críticas que merece, o mellor modelo de relación e proteción social do planeta, en lugar de actuaren colectivamente os Estados fano en orde dispersa, recuperando actitudes chovinistas que podían parecer superadas, aceitando formulacións neoliberais que negan conquistas sociais que enchen a historia do continente e considerando aliados preferentes a Estados alleos e distantes da UE.
.
Son os mesmos Estados que (integrando nesta apreciación os poderes políticos, ideolóxicos, económicos, culturais ou mediáticos) en lugar de salientaren que a súa economía forma un todo coa europea (non hai maís que matinar en como as medidas tomadas en Franza e en Alemaña condicional, por exemplo, a produción de Citröen e da industria auxiliar en Galiza) minimizan o poder comunitario, ocultando mesmo que as instituicions estatais dedican a maior parte da súa actividade lexislativa a transferir ás normas legais da UE. Unha actitude que pode explicar a penosa contradición entre a demanda de acción das instituicións da UE frente aos problemas causados pola crise e o perigosa desinterese que expresan os cidadáns a respeito das eleicións europeas.
Sem comentários:
Enviar um comentário