terça-feira, abril 07, 2009

O patrón de Europa


O patrón de Europa


Por Camilo Nogueira


En Londres, Estrasburgo e Kehl no Rin e en Praga, a ultima semana foi especialmente abundante en encontros internacionais en territorio da Unión Europea. A reunión do G20, na que participaron os Estados máis relevantes do planeta (de China, India e Brasil a Turquía, Indonesia e Sudáfrica) na procura de solucións á crise financeira e económica, tivo como anfitrión ao primeiro ministro Gordon Brown. A xuntanza da OTAN celebraba en territorio de Nicolas Sarkozy e Angela Merkel o sesenta aniversario da súa fundación. En Praga os donos da casa eran Vaclav Klaus e Mirek Topolánek, Presidente e Primeiro Ministro da República Checa, que preside neste semestre o Consello Europeo.

Tomando parte en todos eles, Barack Obama representaba a un dos Estados convocados, sen lle corresponder a presidencia. Non obstante, ao tempo que se abaixaba a importancia e nalgúns casos se facía risa dos anfitrións europeus, nos medios de comunicación investían a Obama como o presidente de todo, como o monarca taumaturgo. O primeiro ministro británico definíao como o lider mundial. Nos medios europeus a ollada sobre os problemas tratados favoreceu ás posicións dos EEUU e desmereceu ás dos paises da UE. A propósito de Londres, onde participaron sete Estados comunitarios mais non a instituición europea representando aos vintesete, EEUU foi de novo calificado como a primeira potencia económica mundial, cando este título lle corresponde á Unión Europea. Arrimóuselle a EEUU o direito a indicar o que debían facer os europeus a respeito da crise, cando desde as hipotecas subprime, aos activos podres de Lehman Brothers, pasando por estafas como a de Bernard Madoff, a principal orixe dos problemas está no Estado norteamericano.

Pretendendo impor o tipo de decisións tomadas polo Governo dos EEUU, ao compararen os investimentos públicos destinados a superar a recesión tendéuse a non facer caso do efecto anticrise do modelo público de proteción social dos paises da UE, que non existe no tan idolatrado sistema estadounidense. Quitóuselle importancia á urxencia da regulación do sistema financeiro mundial que reclamaban determinados Estados europeus e que finalmente foi aprobado na capital inglesa. Con motivo da reunión da OTAN en Estrasburgo, onde a UE non estivo como tal nen tiña porque estar, aproveitóuse o feito de o Rin pasar por alí para culpabilizar aos paises europeus reticentes a enviar máis tropas da Afganistán, aducindo que están obrigados a comprometerse de cheo na guerra xa que, caído George Bush, non ten un carácter unilateral senón multilateral. Esquecen que, decididas por EEUU, as invasións praticadas alí e en Iraque xa tiveran unha presenza múltiple.

Na República Checa o Presidente dos EEUU encontróuse co Consello Europeu e a Presidencia de turno, non pudendo facelo ainda cun Presidente permanente da UE, ao non estar ratificado o Tratado que así o determina. Para alén da acollida debida a todos os hóspedes, sexan de México e Sudáfrica ou foren de Australia e a Federación Rusa, unha boa parte dos dirixentes europeus, nun exercicio de penoso papanatismo, rendíronse ante o recén elexido Presidente do Estado norteamericano. Entretanto, facendo uso dunha falsa modestia, Barack Obama afirmaba que non tiña intención de liderar o mundo, nen de ser o patrón de Europa, como lle era ofrecido. Mais de catro que foxen como do demo da idea de ter un Presidente da Unión Europea estarían dispostos a aceitalo de ser oriundo de de New York.

Sem comentários: