Por Camilo Nogueira
Tal como se produciu a meados do século XX, a unidade europea pudo non suceder. Pasada a Segunda Guerra Mundial pudo primar a procura de camiños diverxentes, tal como ocorreu en 1918 e como pasara nas décadas finais do século XIX, nas guerras que precederon e anunciaron a Primeira Guerra Mundial.
Hoube que pór de acordo á Franza en crise e á Alemaña vencida, ainda obxecto de desconfianza. Recuperar a Italia após o trauma fascista. Aproveitar o europeismo de Holanda, Bélxica e Luxemburgo. Agardar a que caira por fin a Europa das colonias ultramariñas. Integrar á distante vencedora Gran Bretaña e as democracias sociais de Escandinavia. Achegar de novo a Austria. Integrar a Irlanda recén independizada e a súa metrópole colonial. Estender a Unión a Estados que permaneceran isolados por causa de ditaduras totalitarias: Grecia, Portugal, o Estado español. Alargala a Polonia, tantas veces repartida entre os imperios viciños, para conviver con Alemaña. Abrir á porta para a República Checa e Eslovaquia, recén arredadas; Hungría, diminuida polos acordos das posguerras; a Estonia, Letonia e Lituania, de volta despois de seren praticamente asimiladas como provincias rusas; Eslovenia, anunciando a esperada presenza na UE dos Estados que formaran parte de Iugoslavia; Malta e o Chipre ainda esgazado entre gregos e turcos. Foi necesario xuntar paises que foran governados por sistemas políticos e sociais confrontados. Turquía pode integrarse e a UE está aberta a calquer outro Estado europeu que cumpra as condicións democráticas e de respeito dos direitos humanos precisas.
As instituicións da Unión consideran tamén a posibilidade dunha asociación coa Federación Rusa, con territorio en Europa e Asia, partillando todo menos as instituicións.No historia de estruturación dos Estados a Unión Europea constitui unha revolución. Uníu Estados que configuraran as súas fronteiras básicamente mediante a guerra e acababan de desangrarse na Grande Guerra dos Trinta Anos (1914-1945). Mantén institucións políticas comúns onde dominara a diverxencia e o enfrentamento. Asume conquistas democráticas e sociais e direitos humanos logrados nos territorios estatais e nacionais, con institucións executivas e lexislativas nacidas desde a vontade directa ou indirectamente expresada dos cidadáns. Frente ao dominio dunha única língua como ideoloxía e como prática estatal, a pluralidade lingüística aséntase como un dos seus valores fundacionais. Pola súa transcendencia a respeito do carácter das instituicións políticas raia á altura da Reforma ou da Revolución Francesa.
Para iso foi necesario superar ideoloxías e preconceitos sobre as institucións políticas firmemente ancorados na historia e no governo dos Estados, conciliar intereses contraditorios, salvar obstáculos tidos por irrenunciábeis.A consciencia da necesidade da Unión non era xeral. Existían visións mui enfrentadas sobre o pasado e o futuro: sobre as causas e as responsabilidades do ocorrido; a posibilidade de superación das guerras fratricidas, recentes e vivas as feridas da catástrofe; o abandono ou a permanencia da estrategia imperialista polos Estados europeus que mantiñan ainda colonias noutros continentes; a conceición do mundo e da sociedade nunha Europa tan dividida en sistemas políticos e económicos enfrentados; as relacións cos EEUU e a URSS. Necesitóuse o paso do tempo para a Unión Europea coller o seu sentido e tomar a consciencia expresa das dificuldades do pretendido e dos avances logrados. Após as guerras fratricidas que a distinguiron e sabendo da experiencia de loitas ideolóxicas e sociais inscritas xa na historia común da humanidade, nacida en plena Guerra Fría e condicionada por ela e polos acontecimentos posteriores (desde a descolonización até a queda do Muro de Berlin e as guerras dos EEUU en Iraque e Afganistán), os fundadores non puderon soñar o conseguido. Hoxe, con 500 millóns de habitantes e sendo a primeira potencia económica mundial, a Unión é o espazo político onde mellor se refliten as conquistas democráticas e sociais e o respeito dos direitos humanos que pertencen a toda a sociedade mundial.
Porén representa ainda unha aventura inacabada.Sempre e máis ainda depois da queda do Muro de Berlin que dividía o planeta, fuxindo de experiencias imperialistas que non pode repetir, a UE ten que devir nunha potencia civil mundial pola paz e solidariedade, superando as tentacións provincianas e vaidosas dos Governos dos Estados membros, que atrancan a presenza da Unión, par de China, India, EEUU, Brasil ou a Federación Rusa, e impeden o uso toda a súa forza democrática na resolución dos problemas mundiais. Unha potencia civil independizada dos EEUU, rexeitanto a política militarista e neoliberal, a conceición dos servizos públicos e o mesianismo mundial dese Estado, sen esquecer nisto elementos económico-culturais impostos na propria Europa por monopolios estadounidenses ante a pasividade dos Governos da Unión. Resultou descorazonador contemplar o espectáculo dos Governos da Unión na última reunión do G20 en Londres, querendo intervir e seren recoñecidos en lugar de apareceren institucionalmente como representantes da primeira potencia económica mundial á que pertencen.Compreendendo un espazo económico sen igual, o orzamento comunitario determinado polos Estados non pasa de 1% do PIB do conxunto da UE, cando o de cada un se sitúa normalmente entre 40% e 50%.
A pouquedade do orzamento non permite atender ás politicas económicas, sociais e territoriais internas e ás necesidades da política internacional, frustrando as demandas e aspiracións dos cidadáns acerca da Unión.O espazo económico sen fronteiras da UE, en grande parte governado polo euro, afortala á sociedade europea na economía mundial, en particular en momentos de crise como o actual ou perante a realidade da mundialización, e obriga a mudar a conceición das políticas e dos espazos económicos, de maneira que a comparación e a regulación e das condicións de traballo xa non se limitan aos territorios estatais senón ao conxunto da Unión (poñamos por caso, antes Galiza a respeito de Cataluña e agora tamén o Estado español en relación con todos os paises do Leste). Frente a esta realidade, a UE non dispón de determinacións de ámbito comunitario que garantan o mantimento das conquistas sociais e o equilibrio económico, deixando que campen libremente os governantes e os poderes do capitalismo neoliberal.Constituindo unha unidade na diversidade, a Unión Europea non recoñece como tais ás nacións sen Estado, como Galiza, Escocia, Gales, Flandes, Cataluña, Euskadi e outras. Sendo por sí mesma a negación do modelo estatal chovinista, a UE depende das decisións de Estados debedores dunha conceición centralizadora e uniformizadora das instituicións políticas. No caso de Galiza, ainda sen contar con un Estado proprio, de maneira que con el se integraría como Dinamarca ou Letonia, de recoñecerse o Estado español como plurinacional a Unión Europea tamén o faria. Igual ocorre coa língua. Claro que neste caso se os galegos deciden por fin que tamén se fala en Portugal ou Brasil e actuando en consecuencia, sen negar as diferenzas, a lingua de Galiza xa sería unha das oficiais. Non así no Estado español.No campo institucional, de mediar a vontade política necesaria o Parlamento Europeu podería adquirir a plena capacidade lexislativa en asuntos transcendentes de carácter internacional, económico ou militar que agora se reservan os Estados através do Consello Europeu, nunha carencia democrática agravada a causa da non aprobación do Proxecto de Tratado Constitucional e do Tratado de Lisboa, que lle dá á Cámara a última palabra nas cuestións da súa competencia.
A análise fica incompleta se non se ten en conta que as eivas da UE non veñen principalmente do seu carácter constitutivo, senón da acción dos Estados. Governados muitos deles por forzas politicas conservadoras ou chovinistas, tendo posicións contraditorias sobre o sentido da construción europea ou utilizando o seu poder de veto en asuntos de importancia, boicotean habitualmente o avance da Unión política. Dominan ademais o espazo de comunicación e os elementos ideolóxicos da política, até o ponto de seren atribuidas ás demais instituicións da UE decisións negativas formuladas por eles mesmos desde o poder do Consello Europeu.Dito todo nun intento de esclarecer os xuizos e desanuviar o horizonte.
Sem comentários:
Enviar um comentário