Axencia de Información Solidaria (AIS).
A Unión Europea (UE) xa ten Constitución. A tarefa non foi fácil: durante ano e medio a Comisión (órgano encargado do proxecto) traballou para pór de acordo a 28 países dispares: grandes, pequenos, atlantistas, europeístas... A falta do previsíbel visto bo definitivo dos Gobernos da UE, o texto será aprobado en Roma en decembro deste ano.
Os debates sobre o texto final xiran en torno ao reparto das cotas de poder. É dicir, ao número de representantes de cada Estado nas distintas institucións da Unión. Estas discusións eclipsaron case por completo un dos puntos mais interesantes do proxecto constitucional: os dereitos humanos na UE. "A Unión se fundamenta no respecto á dignidade humana, a liberdade, a democracia, a igualdade, o Estado de dereito e o respecto aos dereitos humanos", valores de "unha sociedade caracterizada polo pluralismo, a tolerancia, a xustiza, a solidariedade e a non discriminación", reza o texto constitucional. Esta retórica declaración de intencións seria intranscendente de non ser polo artigo 58, segundo o cal "se suspenderá aos Estados membros en caso de grave risco de violación" destes valores. deste modo fica asegurado o seu futuro cumprimento.
O verdadeiro avance en materia de dereitos humanos é a incorporación da Carta de Dereitos Fundamentais da UE, unha das grandes novidades da Constitución. A súa importancia radica en que concreta en deberes puntuais a anterior sucesión de valores abstractos.
Por exemplo, o segundo artigo da Carta segura que "toda persoa ten dereito á vida. Ninguén poderá ser condenado á pena de morte nin executado". Actualmente ningún país membro nin aspirante ao seu ingreso no UE ten legalizada a pena capital. De feito, Turquía (país sen data concreta de incorporación pero que se espera que tarde ou cedo forme parte da Unión) viuse obrigada a ilegalizaría hai uns anos para poder manter as súas aspiracións europeístas. A función deste artigo é, portanto , evitar involucións. Ningún membro da UE poderá aplicar a pena de morte sen ser expulsado.
Asimesmo, impide aos Estados europeos extraditar a quen "corra grave risco de ser sometido á pena de morte". Este punto xa xerou polémica con Washington con motivo da "guerra contra o terrorismo" da Administración Bush. Distintos países europeos negáronse a extraditar a Estados Unidos a presuntos participantes no 11-S detidos no seu país sen garantías de que non serian condenados a morte. Todo indica que seguirá sendo motivo de tensión co outro lado do Atlántico.
Outro artigo importante é o cuarto: "ninguén poderá ser sometido a torturas ou tratos inhumanos ou degradantes". Novamente todas as olladas se dirixen a Turquía, país con un importante número de denuncias de torturas, en especial á minoría kurda. neste sentido, de entrar na UE, Ankara tamén vulneraria o artigo 22, que reza que "a Unión respectará a diversidade cultural, relixiosa e lingüística".
A igualdade entre sexos está protexida en numerosos parágrafos do texto constitucional: "A igualdade entre homes e mulleres será garantida en todos os ámbitos", "en todas as súas actividades a Unión fixarase o obxectivo de eliminar as desigualdades ente o home e as muller", etc. O problema neste caso é de competencias. A política laboral defínea cada Estado, non a UE, polo que o prometedor artigo 103 apenas muda nada. Define que "homes e mulleres que desenvolvan un traballo de igual valor teñan as mesmas retribucións", pero encarga aos Estados que "garantan" este dereito. Até o momento os Gobernos europeos carecen de medios ou vontade suficiente para erradicar totalmente esta flagrante desigualdade.
A Constitución contén outros artigos loábeis que van desde o fomento do desenvolvemento sustentábel e a erradicación de todo tipo de discriminación (racial, étnica, relixiosa, ideolóxica, por discapacidade, idade ou orientación sexual), pasando polo dereito ao traballo, á folga e á protección ante un despido inxustificado até chegar á protección aos menores a expresar libremente as súas ideas e aos maiores a levar unha vida digna e independente. É precisamente a palabra "dignidade" a que abre a Carta de Dereitos Fundamentais da UE: "A dignidade humana é inviolábel. Será respectada e protexida".
A mera inclusión dos dereitos humanos na Constitución Europea non implica por si mesma a súa protección. Pero a súa presenza nun texto legal de tamaña importancia dota ao cidadán europeo dun instrumento para exixir o seu cumprimento. A partir de agora será misión dos Gobernos da UE asegurar a súa estrita aplicación. E dos cidadáns da Unión vixiar que a súa Constitución nunca fique en papel mollado e os seus dereitos formais o sexan tamén reais.
Antonio Chifra
Axencia de Información Solidaria (AIS).
Sem comentários:
Enviar um comentário