quarta-feira, janeiro 26, 2005

ARREDOR DE EUROPA

Antonio Arauxo Quintas.


O vindeiro 20 de febreiro a cidadanía galega, como a do resto do Estado, terá que dar resposta en referendo á seguinte pergunta: “Aproba o Tratado polo que se insitúe unha Constitución para Europa?”. Se ben o debate sobre o posicionamento ante esta pregunta aínda non chegou ao conxunto da sociedade, xa se está a dar no seo das organizacións políticas europeas, proceso ao que o nacionalismo galego non é alleo.
A aprobación dunha Carta Constitucional europea marca un fito senlleiro na construción dunha Europa unida despois de séculos de tortuosas relacións e con grandes traxedias no seu haber. Se até agora através de diferentes tratados (Roma, Acta Única, Maastritch, Amsterdán ou Niza) o único que se fixo foi a configuración dun mercado e moeda únicos, o Tratado Constitucional, coas súas carencias e defectos, é o primeiro intento serio a prol da construción política de Europa.

Partindo dunha análise rigorosa non nos debemos confundir á hora de abordar o noso posicionamento sobre a Constitución Europea, isto é, non temos que mesturar o que foi a Unión Económica e Monetaria (UEM) e o noso posicionamento en contra polo que supuxo para Galiza: reconversión industrial (onde estaban e están o PP e o PSOE?), cotas lácteas, recurtes pesqueiros, a negación do dereito básico a producir, vivir e traballar na Nosa Terra.... coa oportunidade que temos diante nosa de avanzarmos na construción política dunha Unión Europea máis democrática. Así mesmo, sería un erro pretender desviar cara a Europa aquelas cuestións pendentes, que só está na nosa man resolvelas, cuentións que é aqui onde hai que traballalas. Un exemplo: a lingua galega será oficial na Unión Europea cando tamén o sexa no Estado Español. Polo demais, Europa acabará sendo o que os europeos e as europeas decidamos.

O nacionalismo galego, vanguarda de modernidade política e integrante do movemento europeísta, non pode deixar de recoñecer que o proxecto constitucional reforza a estrutura máis política da Unión de cara a convertela nun polo de equilibrio fronte á forza política, económica e militar dos EE.UU. nunha orde mundial unipolar como a actual. Consolida a cidadanía europea con dereitos fundamentais e liberdades para todos (civis, sociais, culturais e medioambientais) non garantidos noutras latitudes como por exemplo nos EE.UU., aposta por unha política internacional de Paz, de prevención dos conflitos como o do Iraq, e pola promoción dun sistema internacional baseado nunha cooperación multilateral máis forte fronte ao modelo de Bush, ou pola defensa do chamado modelo social europeo ou do Estado do Benestar. Dito isto, un SI ao proxecto constitucional é tamén un SI de compromiso con Galiza e por un mundo máis xusto.

Que pasaría se a Constitución Europea sae derrotada nalgún(s) dos referendos?, Quen gañaria máis? A “esquerda” europea ou os euroescépticos obxectivamente pro-americanos?.
O debate interno ao que estamos a asistir está a discorrer nun clima de cordialidade e de respecto pola democracia interna envexábel comparado coas loitas internas de poder de outros en retirada. É por iso que está fóra de lugar calquera tipo de inxerencia descualificadora desde a dirección do BNG sobre o debate que estamos a ter neste momento na base, e máis tendo en conta que aínda non está tomada unha posición definitiva.
A militancia do BNG saberá, como en tantas outras ocasións, estar á altura das circunstancias, sabendo antepor os intereses de Galiza aos da organización. Así o fixemos na loita contra a maré que nos asolou hai dous anos e asi o debemos facer agora para non dar un perigoso paso atrás.

Antonio Arauxo Quintas
Deputado Provincial polo Bloque Nacionalista Galego e Portavoz Municipal en Gondomar.Membro da Mesa Nacional de Esquerda Nacionalista.

Sem comentários: