quinta-feira, dezembro 09, 2004


DO GALEGO E DA CONSTITUCIÓN EUROPEA.
Por Pedro Gómez-Valadés


Que representa para o noso idioma a entrada en vigor da Constitución europea? Muda en algo a situación ou o estatus do galego nas institucións comunitarias? Calquera reflexión ao respecto non pode pasar por alto un feito singular e altamente simbólico. Cando Camilo Nogueira, eurodeputado polo BNG na pasada lexislatura, empregou o idioma galego nas súas intervencións no Parlamento Europeo, demostrou así que é posíbel comunicarse e facerse entender en Europa facendo uso oral da nosa lingua; porque os tradutores e intérpretes non tiveron problema ningún, para trasladar as palabras do eurodeputado a outras linguas da Unión. Camilo Nogueira utilizou o galego no Parlamento Europeo como lingua de comunicación e como lingua de traballo. Evidentemente o noso obxectivo ten que ser acadar un recoñecemento “sen trampas” o máis amplo posíbel do noso idioma en Europa. Pero de xustiza é recoñecer o enxeño de Camilo Nogueira no Parlamento de Estrasburgo.

Mais falando de símbolos.

Non é fácil abstraerse do forte caracter simbólico que ten a lingua cando queremos abordar a situación en que fica o noso idioma no novo escenario europeo. Novo escenario que sen dúbida se nos abre coa desexábel e previsíbel aprobación do Tratado da Constitución europea. No presente debate “constitucional”, unha das cuestións máis ferintes a simple vista é o evidente agravio comparativo que supón que menos de 400.000 malteses vaian ter máis peso que case 3 millóns de galegofalantes. É evidente a inxustiza que isto representa. Mais fagamos un esforzo de obxectividade, esquezamos o que representa o noso idioma como bandeira de facto da nosa identidade, e deteñámonos un intre a reflexionar sobre o relativo peso, ao meu ver, que poida ter na actualidade, para unha lingua na situación da nosa, un estatus burocrático de oficialidade en Europa. Sen ir máis lonxe, aí temos o caso do gaélico. Ser unha das linguas oficiais de Irlanda non impediu a súa práctica desaparición como lingua de uso cotián. Mais unha vez, estamos ante unha cuestión cunha fortísima carga simbólica. Non nego por suposto a grande importancia dos símbolos; pero, entendo que o método correcto debe ser cando menos confrontalos coa crúa e fría realidade. O noso obxectivo na procura da normalidade, ten que ser conseguir que o idioma galego sexa un instrumento útil de comunicación no noso país. A constante sangría, a dramática perda de galegofalantes, a cada vez máis difícil reversibilidade na ruptura da transmisión familiar, son os datos a ter en conta. A efectiva e real oficialidade, entendida como normalidade, do galego na Galiza. Esta é a cuestión. O rotundo fracaso das políticas lingüísticas levadas até agora pola Xunta de Galiza, fan máis urxente se cabe precisar con nitidez os nosos obxectivos.

Mais cal é a situación das linguas na Unión Europea?

No Tratado constitucional e en relación aos contidos culturais establécese máis un papel de coordinación que unha verdadeira política cultural europea. A Unión só ten por obxectivo fomentar a cooperación entre os Estados e, se é preciso, apoiar e complementar as accións destes no ámbito cultural. Isto resulta positivo cando se ten, como é o caso galego, competencias exclusivas derivadas do Estatuto de autonomía de Galiza. Afirmase que a Unión respectará a súa diversidade lingüística e cultural e velará pola súa conservación e o seu desenvolvemento como patrimonio cultural común europeo.

Na Unión Europea recoñécense tres niveis de linguas. Un primeiro nivel de lingua, en que están todas as do Tratado en virtude do recoñecemento oficial de que son obxecto nos seus respectivos estados, linguas estas que poden ser empregadas por calquera cidadán para se dirixir ás institucións comunitarias, co conseguinte dereito a recibir resposta nesa mesma lingua -na Eurocámara e no Consello hai 20 linguas oficiais. Un segundo nivel de linguas correspondería ás que serven de vehículo cotián de comunicación nas sesións dos órganos da Unión. Son as coñecidas como linguas de traballo. As linguas de traballo máis habituais na Comisión son o inglés, o francés e o alemán, en detrimento das demais. E finalmente a Constitución europea incorpora un terceiro nivel lingüístico, que se refire aos idiomas aos que poderá ser oficialmente traducido o texto do Tratado, certamente con valor máis simbólico que real. O galego estaría situado neste terceiro nivel. Sendo realistas, o galego non pode aspirar a ser unha lingua de traballo. Mais é lexítimo pretender que sexa unha das linguas oficiais ou de Tratado No art. II.41.4 da Constitución europea dise que os cidadáns europeos teñen dereito a se dirixir ás institucións europeas na súa lingua e a recibir resposta nesa mesma lingua. Un cidadán galego, nun marco institucional como o europeo comprometido co respecto á igualdade e á diversidade lingüística, debería ter os mesmos dereitos que un cidadán de fala española, francesa, maltesa ou lituana. Sería un bo xeito de facer efectivo o principio de non discriminación por razón de lingua que proclama a propia Constitución europea no seu art. II.21.2. Chegados a este punto é obrigado indicar e reivindicar o recoñecemento do galego no conxunto do Estado español, o cal abriría o seu recoñecemento oficial en Europa. Ao respecto a Constitución europea limítase a recoñecer como linguas oficiais da Unión aquelas que sexan oficiais nos seus respectivos estados Así de simple, se da previsíbel reforma da Constitución española sae un recoñecemento oficial do galego, o vasco e o catalán, ao día seguinte en Bruxelas porían tradutores de galego, de vasco e de catalán. Trasladar o contencioso do pleno recoñecemento do noso idioma á Constitución europea é un demagóxico exercicio de manipulación interesada da realidade.

O Memorando presentado polo Estado español.

Forzado máis que posibelmente pola súa insuficiente maioría parlamentar, e xa que logo obrigado a gañar o maior consenso, tanto na vida doméstica española, como nas previas ao referendo de ratificación previsto para febreiro de 2005, o Goberno do Estado presentou o 13 de decembro de 2004 perante as autoridades comunitarias, un texto, chamado oficialmente Memorandum del Gobierno español. Solicitud de reconocimiento en la Unión Europea de todas las lenguas oficiales en España. Que aínda que insuficiente, pode representar un paso importante na procura dun recoñecemento real ao carácter plurilingüe do Estado español, e consecuentemente outorgaría ao idioma galego un maior rango lingüístico na Unión Europea. Na súa introdución e xustificación o devandito memorando afirma entre outras cousas: “A Constitución española, no seu artigo 3, recoñece así, que as linguas españolas distintas do castelán serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos.

Trátase de linguas vivas no máis pleno sentido da expresión, que son amplamente utilizadas por varios millóns de cidadáns (unha cuarta parte dos españois utilízaas con regularidade na súa vida cotiá) e teñen a condición de linguas oficiais das Administracións Públicas (estatal, autonómica e local) nas súas relacións entre si e cos particulares, con plena validez para os efectos xurídicos. Constitúen, así mesmo, a lingua vehicular do ensino nos colexios e as universidades de boa parte do territorio nacional. Son linguas, ademais, que contan cunha gran tradición literaria, que está a coñecer nas últimas décadas momentos de particular esplendor. Son linguas, finalmente, de uso habitual nos medios de comunicación, como a radio, a televisión ou a prensa escrita.

O Goberno español considera que a Unión Europea non pode permanecer allea a esta realidade. Nesta nova etapa da construción europea, que simboliza o Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa, é necesario achegar Europa e as súas institucións aos cidadáns: os homes e mulleres de Europa teñen que sentirse parte do proceso de integración. Movido por esta convicción e en aplicación do disposto no artigo IV-448 do citado Tratado, o Goberno español entregou ao Secretario Xeral do Consello, o 4 de novembro de 2004, as traducións oficiais do Tratado ás tres versións lingüísticas que transmitiron as Comunidades Autónomas concernidas (País Vasco, Galicia e, finalmente, Comunidade Valenciana e Cataluña, en nome tamén da Illas Baleares)”.

Que debe significar esta modificación na práctica?:

A aprobación polo Consello da reforma proposta no Memorando permitiría un uso indistinto polos cidadáns de calquera das linguas que teñan carácter oficial no Estado español, nas súas comunicacións escritas coas institucións (Parlamento Europeo, Consello, Comisión, Tribunal de Xustiza, agás para as comunicacións relacionadas co exercicio da función xurisdicional, e Tribunal de Contas) e órganos consultivos da Unión (Comité das Rexións e Comité Económico e Social), así como co Defensor do Pobo.

Posibilitaría tamén a utilización de ditas linguas, previa petición formulada con antelación, (fálase no Memorando de 7 días) nas intervencións orais nas sesións plenarias do Parlamento Europeo e do Comité das Rexións e, no seu caso, nas sesións ministeriais formais do Consello (en particular cando forme parte da delegación española algún representante das Comunidades Autónomas con lingua de seu).

Por último a aprobación do Memorando obrigaría á publicación oficial en galego, vasco e catalán dos textos legais finais adoptados por procedemento de codecisión entre o Parlamento Europeo e o Consello. Por outra banda mencionar tamén que na Declaración de Edimburgo, asinada o 30 de novembro de 2004, e como remate e conclusión da Conferencia de Rexións con Poder Lexislativo na UE, faise un recoñecemento explícito do texto do Tratado no que respecta as linguas da UE, “o recoñecemento da diversidade cultural e lingüística entre os obxectivos da Unión Europea (art. I-3, par. 3); e fai tamén a Declaración de Edimburgo unha demanda, “dunha protección estábel das linguas que son oficiais nalgunhas rexións da UE”.

Resumindo. A situación da lingua galega nas institucións europeas ao abeiro da súa primeira Constitución melloraría sensibelmente. Non estamos evidentemente, nunha estación término, o proceso aberto de construción europea en que Galiza como nación europea debe estar firmemente inserida non fixo máis que comezar. E non é para min posíbel entender a miña galeguidade nin en consecuencia o meu compromiso co idioma galego, á marxe de Europa. Unha Europa que hoxe están a facer os estados pero na que o horizonte da Europa dos pobos se debuxa irreversíbel como consecuencia da propia complexidade continental europea. Non cometamos erros nas análises. O contencioso de cuxa resolución derivará ou non o recoñecemento do galego como lingua oficial da Unión Europea non está en Bruxelas nin en Estrasburgo. A “resolución do conflito” ten que darse en Madrid. Na Carrera de San Gerónimo. A normalización no uso do noso idioma en todos os diferentes planos non fica nin moito menos resolta coa desexábel aprobación por parte do Consello das modificacións propostas no Memorando para o Regulamento 1/1958 de réxime lingüístico da UE. Ninguén comprometido cun idioma galego normalizado no noso país pode dicir honestamente que no mellor dos supostos a situación do galego vaia ser a que demandamos, evidentemente non cumpre os nosos obxectivos. Mais si é un pequeno paso. Un pequeno paso na dirección correcta.

Pedro Gómez-Valadés
Director do Consello de Redacción de ENCLAVE


Sem comentários: