terça-feira, setembro 14, 2004


EUROFESTIVAL CONSTITUÍNTE

ANTONI GUTIÉRREZ DÍAZ



Creo que non hai dúbida algunha de que a sociedade catalana foi e é europeísta, máis alá do seu pouco entusiasmo por acudir ás urnas nas convocatorias para escoller aos nosos representantes no Parlamento Europeo, un feito que non carece de importancia pero que debe interpretarse, talvez, como unha certa desconfianza sobre a eficacia do papel que tiveron os nosos eurodeputados nas decisións que toman na Unión Europea os representantes dos 25 gobernos no Consello.

Agora a sociedade catalana se atopa ante a posibilidade de pronunciarse sobre o proxecto de Constitución europea a través do referendo que o Goberno español convocou para o próximo mes de febreiro. Ninguén pode negar a potencial transcendencia da convocatoria, pero tampouco se pode negar que a axexan, cando menos, dous perigos. Un, a indiferenza ante a complexidade do texto, mais de 450 artigos; o outro, o desconcerto ante a posición das diferentes forzas políticas e organizacións sociais. Ou si, ou non, a abstención ou o voto en branco son propostas que poden ser non só incuestionabelmente lexítimas, se non razoadamente defendíbeis desde posicións europeístas, o cal converte, ao meu entender, en petulante a quen se atribúe o monopolio de ser europeísta de verdade.

Os defensores do si poden aducir, negro sobre branco, as melloras na participación, a transparencia e a eficacia que o texto constitucional representa en relación cos tratados vixentes, e engadir a importancia de ter incorporado a Carta dos Dereitos Fundamentais con valor xurídico, o dereito á iniciativa lexislativo popular, así como o aumento de competencias do Parlamento Europeo, a diminución do dereito de veto dos gobernos e a inclusión explícita da defensa do desenvolvemento sustentábel nunha economía definida como social e que aposta polo pleno emprego.

Os defensores do non poden pór sobre a mesa que o texto quedou curto en relación coas necesidades actuais dunha Unión Europea de 25 Estados, o que produciu unha evidente frustración popular ao ver que persiste a primacía do poder intergubernamental -pese á súa diminución- e a falta dunha política exterior plenamente común. Aínda que se incorpora o compromiso dunha política de paz e de prevención de conflitos, non se asegura un proceso coordinado de desarme, e a nova figura dun vicepresidente responsábel das relacións exteriores non se acompaña dunha autoridade definida que asegure plenamente a súa eficacia. Estas reservas, que poderían ampliarse , veñen agravadas en Catalunya pola falta de recoñecemento explícito do seu carácter de nación sen Estado e que non se incorpore o catalán como lingua oficial, o cal suporía superar, por elevación a nivel europeo, a falta de recoñecemento por parte do Estado español, en cuxas mans fica a posibilidade de que o Goberno catalán estea presente ou non nos ámbitos de decisión europeos.

Por outra banda, os defensores da abstención poden aducir, tamén razoabelmente, que desde o seu europeísmo incondicional non se senten suficientemente ben informados para emitir unha opinión e que a prudencia aconsella quedarse á expectativa. Por último, os europeístas que opten por votar en branco tampouco non estarán faltos de razóns ao afirmar que non queren ficar á marxe da participación nin que a súa abstención sexa interpretada como indiferenza. Pese a que se senten defraudados polo texto do proxecto de Constitución, repúgnalles dicir non aos avances que indubitábelmente representa o articulado do texto. Ante este panorama, os únicos que se sinten seguros son os antieuropeistas de sempre, que en Catalunya, aínda que poucos, tamén existen.

A pluralidade de opcións dáse, portanto, entre europeístas críticos, e esta pluralidade estase a expresar con respostas confrontadas que mesmo penetraron no interior das organizacións políticas e sociais. Certo é que no ámbito onde quizais o fixo dunha forma mais espectacular foi en Convergència Democrática de Catalunya, pero seria superficial non ter en conta que as diferenzas asomaron con maior ou menor importancia en todas as organizacións, mesmo no PP, que non escapou á incontinencia verbal do señor Aznar cando se apresurou a insinuar serias reservas para dar un si ao texto aprobado.

No marco estrito de Catalunya, ás deficienzas xerais, os partidarios do non engaden que non hai ningún avance no recoñecemento do papel das rexións con poderes lexislativos, ao que os partidarios do si aducen que o texto tampouco pecha as posibilidades de intervención, que son plurais aínda que fican en mans dos gobernos dos Estados e que é a estes aos que hai que exixir responsabilidades. Os partidarios do non lembran tamén que o catalán non é recoñecido como lingua oficial, cousa que tamén reclaman a maioría dos partidarios do si, que engaden, sen embargo, que o proxecto de Constitución deixa aberta a regulación do réxime lingüístico e abre unha porta a un certo recoñecemento cando se aceita como lexítima a redacción en catalán presentada e autentificada polo Goberno do Estado.

Non hai dúbida de que o panorama é diverso e que o voto cidadán no referendo poderá ser un voto oficialista, aceitando sen mais a opinión da organización política ou social coa que cada un se identifique, ou un voto que se guíe pola intuición, o sentimento ou o pragmatismo. Pero no mellor dos casos, atravesando o bosque de opinións atopadas e especialmente as pedantemente ideolóxicas ou as instrumentalmente maniqueas, tamén pode ser un voto que responda á pregunta de se o proxecto de Constitución é ou non un paso adiante na traballosa cincuentenaria construción da Unión Europa, na democratización do proceso de globalización e na garantía dun desenvolvemento sustentábel, ou ben representa a consolidación pechada dun modelo que condena para sempre o futuro da Unión Europea a non responder positivamente a estes obxectivos.

Como cidadáns europeos deberemos tomar unha decisión persoal, que está na base da convivencia democrática. No meu caso, desde o respecto á opinión maioritaria da organización na que milito, sexa cal sexa dita decisión, á hora de asumir a responsabilitadade de emitir o meu voto no referendo optarei, unha vez mais, por ser coherente coa miña opinión persoal. En consecuencia, e pese á frustración en moitas das nosas expectativas inmediatas, desde a miña experiencia de loita no proceso de construción europea e desde a convicción de que o proxecto de Constitución é unha plataforma que mellora as nosas condicións de avance progresista tanto no presente como para o futuro, votarei si no referendo de ratificación da Constitución europea..

Antoni Gutierrez foi eurodeputado. Histórico militante do PSUC.

El País
13 de setembro de 2004

Sem comentários: