sexta-feira, agosto 06, 2004


CONSTITUCIÓN EUROPEA, REFERENDO E B.N.G.
Por Pedro Gómez-Valadés


Agora que estamos xa a piques da súa ratificación e entrada en vigor, podemos afirmar xa que Europa deu sen dúbida un paso cara adiante importantísimo para o futuro da Unión. A existencia dunha Constitución Europea é, entendo eu, un feito positivo en si mesmo. E o B.N.G. terá en breve que posicionarse perante o futuro referendo de ratificación.

E non podo negar que o texto presentado, non satisfai plenamente a ninguén e incluso molesta profundamente a outros. Lóxico. Non podía ser doutra maneira cando se trata de avanzar partindo desde a diversidade, desde a "xenuína diversidade" europea. Con intereses complexos, ás veces incluso contraditorios, sentar as bases do acordo para 25 estados e variadas correntes
políticas foi un autentico exercicio de enxeñería política, atopar puntos de confluencia comúns e lograr consensos de mínimos en materias tradicionalmente delicadas, non ten outro nome que orfebrería política. E este é o único procedemento democrático posíbel e realista que nos permite avanzar na construcción permanente dese espazo chamado Europa, que criticamos constantemente pero que representa, no medio da globalización salvaxe e sen regras, o proxecto e a realidade que nos pode garantir níveis de benestar, de liberdades e de xustiza incomparábeis con calquera outro territorio do planeta.

Non é agora o momento nin para experimentos, nin para a demagoxia fácil. apuntandonos ao antieuropeismo por razonamentos maximalistas ("o texto é insuficiente"). Ou apelando ao non recoñecemento das nacións sen estado na europa constituínte. Honestamente, cabía agardar algo diferente no contexto político actual na UE?.

O actual proceso constituinte é esencial para o noso futuro. Queirámolo ou non. E Galiza como nación europea, e o BNG como organización que representa o único aparello de estado do que dispón Galiza, non estamos en condicións de soportar exercicios de funambulismo político. (ABSTENCION?) Ou SI ou NON. E coido que a miña posición fica ben clara. O BNG ten que apostar pola seriedade, a responsabilidade e sobretodo pola intelixencia.

O BNG ten que apostar polo voto afirmativo.

Sem comentários: