Por iso tivo tal eco europeo o episodio berlinés. Europa fóra un tempo o centro do mundo, cuns imperios rutilantes e gobernantes confiados que navegaban polas augas da política e da diplomacia como no Titanic. Pero chocaron co bloque de xeo de dúas grandes guerras que desprazaron o centro de gravidade do mundo cara a nova potencia mundial que é EE.?UU. O prezo a pagar foi a dependencia económica e a división do continente cunha «cortina de aceiro» que se estendía deste Stettin ata Trieste. A construción do muro de Berlín non se entendería sen esta escisión da Mitteleuropa e sen a existencia da URSS, a potencia que máis sangue verteu para derrotar ao nazismo alemán. A caída do Muro berlinés veu cancelar un «curto» século XX que tivera a Alemaña e, en xeral, ao continente europeo como o principal teatro de operacións da historia mundial, con dúas guerras devastadoras, moitas ditaduras políticas e algunhas indignidades morais.
Na aparición e desaparición do Muro berlinés tiveron moito que ver as dúas grandes potencias mundiais desde 1945. Coa implosión do bloque socialista comandado pola URSS, abriuse unha nova dinámica para a xeopolítica mundial, na que cada vez resulta máis determinante o papel de China. Pero tamén se abriu un grande reto para Europa porque, liberada da presión da URSS e de EE.UU., ten a obriga por primeira vez na súa historia de ser o continente da diversidade e da pluralidade sen ter que renunciar a unha identidade compartida e mesmo a unha política común, que se coloque nun escenario postnacional. Os pasos dados nestes vinte anos, sen que inviten a un optimismo acrítico, permiten pensar que non se van repetir os erros do pasado. Un dos máis rechamantes, o propio muro de Berlín, do que tamén se podería dicir que «nunca máis».
Sem comentários:
Enviar um comentário