domingo, novembro 15, 2009

Cuestión de foco. Por Xusto Beramendi


Por Xusto Beramendi*
.
Enfoquemos o vixésimo aniversario da caída do muro de Berlín cun teleobxectivo. Só vemos, como nas reportaxes das televisións nestes días, a cidade leda e luminosa, os fogos de artificio, os mandatarios desfilando para a grande ocasión, Sarkozy bicando a Merkel, non sabemos se para congraciarse con ela ou para fastidiala, e ata Zapatero, que pasaba por alí, co seu impostado sorriso de orella a orella. Todos contentos. Ampliáronse as liberdades, caeron as ditaduras comunistas de Europa, e con elas o gran atranco para que o capitalismo e as sociedades abertas puidesen espallar progreso e benestar por toda a humanidade. Que fermoso evento a caída do Muro! E realmente foi fermoso e bo para moitos. Case o fito inaugural dunha nova era.

Poñamos agora un obxectivo normal. Ampliamos o campo e vemos toda Europa. Luces e moitas sombras. No Oeste, poucas novidades, agás o maior peso de Alemaña pola súa reunificación e a ampliación masiva e imprudente da Unión Europea que a condena a ficar por moito tempo en mero mercado común, como querían ingleses e americanos. No Leste, a emancipación de moitas nacións oprimidas e o nacemento de novas democracias, a maioría falsas, fillas da voadura incontrolada das ditaduras soviéticas ou de «democracia» popular. Mais tamén a brutal desaparición dos vellos e deficientes sistemas de protección social, o incremento da fame e da mortalidade, a emerxencia dunha nova clase de ladróns-capitalistas, a eclosión das mafias que podrecen os Estados, as innumerables guerras entre nacionalismos, o regreso dos xenocidios.

E chega o turno do gran angular, de contemplar todo o planeta. Fóra de Europa, ¿que ven pasando logo da caída do Muro, con ou sen nexo de causalidade respecto desa caída? O capitalismo, libre de rivais, acelera a súa mundialización e leva ao paroxismo as súas tendencias especulativas ata provocar a máis grave crise mundial dende a de 1929; a sociedade da información consolídase e mundialízase tamén; algúns grandes países do Terceiro Mundo avanzan pero asemade se agranda a escala planetaria a distancia entre unha minoría asentada no benestar e unha inmensa maioría con máis fame, enfermidades e miserias que nunca; agrávase o problema da insostenibilidade medioambiental do progreso humano, debida tanto ó modelo actual de crecemento económico como á hipertrofia da poboación mundial; o mal comunista é substituído polo mal islamista, capaz de levar o terror e a morte ao corazón mesmo dos señores do mundo; e hai tantos ou máis conflitos e problemas importantes que daquela. E máis medo, máis inseguridade no futuro.

É todo isto culpa da caída do Muro? Non. Pero é. Visto con gran angular, ese episodio e as súas consecuencias directas non foron tan importantes como parecen vistos co teleobxectivo.

* Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago

Sem comentários: